|
Jean-Baptiste Poquelin "Moliére", 1622-1673 |
De ser Molière indíxena de Ourense e habita-los limoeiros e as figueiras que describe a marxe meridional do Miño, ou por acaso, sorprendelo na compaña lanzal e vigorosa de don Ramón Otero Pedrayo... De ser Moliére de aquí -digo-, é un dicir posible e metafórico, eu sopóñoo amador da neboeira e do licor café.
Imaxínoo agora discutindo con Risco e con Cuevillas sobre a misantropía e os amantes magníficos, namentres os tres compoñen un barroco de esquina no Café Royalti... Puidera ser que Euxenio Montes introducira, dandy e excesivo, unha chulería de gladíolos que puxera en Poquelin coma un sorrir adversativo, audaz, un comentario lúcido e endiañado, pois ó fin o Moliére compón o verso sobre a condición humana e non por entre nenúfares e bixutería.
Agora baixa só e namorado, ¿ou baixa só e cornudo?, pola Rúa da Alba. Agora emprende a tarde confundido. Búlenlle farsas médicas e aprensivas no caixón do escritorio. Hai unha peza por escribir. Hai un papel co que iniciou a outra noite o universo; "O enfermo imaxinario". Puxo. Titulou apremado. Como retendo ideas no adxectivo.
Supón Moliére, e supón ben, maltratado por este París, ¡que diga!, por este Ourense que proclama virtude e fede a hipocresía. Hai avaros, tartufos, hai badocos, sombras hai que acoitelan na sombra a sombra súa. Ou sombras de coitelos que lla teñen xurada. El non o ignora. El sabe descifrar perfectamente o ollar cabrón desas beatas que agora saen da misa das oito en Santa Eufemia. É veciño Moliére de figas e aldraxes, ¡vade retro, apestado!
Xa se sabe Moliére páxina de maldición, páxina en peste, inferno. O inferno mesmo.
Por iso agora supoñede a Moliére enredando en facer suposicións de que está morto. De que en Ourense, en París... ben... en Febrerio, néganlle terra, descanso, altar, néganllo todo. É a factura eclesiástica que paga. É a vinganza de Tertuliano contra os cómicos. Coñece a Apoloxética e o sino do apestado.
E porén, agora imaxinade a Moliére imaxinando en Ourense unha comedia. Inventando retratos e sucesos -digo eu, calcomanías- algo coma un territorio que viñese encher de luz e de ocorrencias a nosa escena nacional ou salvar este país se fose o caso. Aínda que agora, namentres retorna á casa e cae a tarde por Reza e polas Caldas, se veña preguntando por penúltima vez se este país andará enfermo de imaxinación ou simplemente é que padece algunha enfermidade imaxinaria.
Manuel Guede Oliva, Ourense, Setembro-86
(Introdución de O enfermo imaxinario de Moliére, La Voz de Galicia, Ed. Xerais, 2005, tradución de Manuel Guede, páxs. 15 e 16)