Mostrando entradas con la etiqueta café_moderno. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta café_moderno. Mostrar todas las entradas

lunes, 30 de abril de 2018

Novo bispo da diócese

"Só nunha ocasión non conseguiu sobrepoñerse á dureza das palabras pronunciadas por el contra outra persoa: cando se enfadou con Antonio Salgado París, o día que este os atopou na terraza do Café Moderno e se sentou canda eles para contar despois as historias que circulaban pola cidade en relación co novo bispo da diócese."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 258.

martes, 3 de abril de 2018

A presencia do demo no mundo

"Cando rematou a concentración da Alameda e eles regresaron cara ó centro da cidade, coa intención de sentarse na terraza do Café Moderno, a ela sorprendeulle que, ó revés do que sucedera noutras ocasións, el se esquecese da discusión que acababan de manter e se puxese a falar cunha naturalidade que contradicía unha maneria de ser e comportarse que habitualmente era moi diferente daquela e que ela coñecía tan ben. Estaba contento. Baixando pola rúa de Lamas Carvajal, díxolle que de novo sentía ganas de retomar a novela que empezara había tempo sobre a presencia do demo no mundo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 210-211.

martes, 20 de febrero de 2018

A última vez que estiveron xuntos

"Só nunha ocasión o viu liberado daquela contradicción, aquel día en Sabucedo, a última vez que estiveron xuntos, cando na horta lle contou a conversa que acababa de ter con Mariana. Ela tivo a evidencia de que por primeira vez desde que o coñecía, entre os ollos e a boca non había distorsión algunha: a mirada era doce e tranquila e os labios non tiñan a finura apretada de antes, como se nuns poucos minutos engordaran e adquiriran unha cor intensa e vermella, case radiante. (...)

  A primeira vez que o viu despois daquela conversa sobre Mariana foi na terraza do Café Moderno, durante o verán."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 137-138.

jueves, 1 de febrero de 2018

De mirada líquida

"Uns meses antes daquel suceso, un día de verán viu ela chegar a Antonio Salgado París desde a terraza do Café Moderno, onde eles estaban tomando un xelado, e invitárono a sentarse. Vestía unha chaqueta de punto de cor encarnada, cun pantalón gris de algodón e uns calcetíns da mesma cor. Ía peiteado con raia ó medio, o cal acentuaba o carácter case infantil e unha miga inocente do seu rostro, que dominaban uns ollos claros, de mirada líquida, nos que se transparentaba unha dozura bondadosa."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 103.

viernes, 29 de diciembre de 2017

Vestida de organdí

"Hai xa moitos anos, o día aquel que discutiron ó saír do cine, o que máis valoraba entón, segundo dixo cando estaban sentados na terraza do Café Moderno, eran a naturalidade e o equilibrio nada complexos, absolutamente clásicos, con que a Pickford actuaba diante da cámara, unha cualidade que el pensaba que só podía nacer da inocencia e que viña ser como, se ó moverse na pantalla, a actirz americana estivese interpretando para o público o papel de si mesma: nin sequera en Coquette, aquela película na que aparecía tan artificial e vestida de organdí, perdía esa condición de simpleza admirable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 53-54.

viernes, 8 de diciembre de 2017

A elegancia dunha rapaza nórdica

"Cando desaparece, el pasa a folla do periódico que estaba lendo. Non se publica hoxe o seu artigo, a breve columna de oito centímetros de longo encabezada por unha lámpada de Aladino pintada por el mesmo e na que divaga cada día sobre temas moi diversos: un parrulo que viu voar unha tarde do último outono sobre as augas da Lagoa de Antela ou a elengacia dunha rapaza nórdica que hai a penas cinco días descibriu sentada na terraza do Café Moderno."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 27.

jueves, 30 de noviembre de 2017

A granizada de limón

"O que comezara como unha leve queixa foi en aumento despois do cine. Cando estaban sentados na terraza do Café Moderno e ela, algo máis tranquila despois das palabras que se acababan de cruzar, empezaba a saborear a granizada de limón que pedira, dixo el que Mary Pickford era a muller máis fermosa que tiña visto na súa vida."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 15.