Mostrando entradas con la etiqueta castro de beiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta castro de beiro. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de enero de 2017

Unha promesa

"Perdóoche a vida -dixo o can-, se fas unha promesa. Que o día da festa de Beiro vaias á aldea á saída da misa e que diante de todo o mundo lambas unha ovella.

  -Lamber unha ovella?- preguntou Crispín.

  -Lamber unha ovella -contestou o can.

  -Moito me pides -protestou o lobo.

  -Elixe -díxolle o can.

  -Elixido está -dixo o lobo."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.26-27

viernes, 27 de enero de 2017

Valente sancristán

"O lobo Crispín, que ata aquel momento non lle fixera ningún caso ao can, empezou a rir ás gargalladas e a amparar a barriga coas mans do riso que lle daban as palabras do Rin. Despois dixo:

  -Mira ti quen foi falar! O can do cura de Beiro! Valente sancristán es ti, lambón! Quita de aí, que che dou unha dentada no cu que te deixo sentado polos días que che quedan de vida, alpabarda!

  O can púxose aínda máis serio do que estaba e volveulle dicir:

 -Eu avísote!"

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.23

lunes, 23 de enero de 2017

O leite no lume

"Como o can tiña esa graza de saber rezar, os de Burgos regaláronllo ao señor bispo de Ourense, que foi o seu amo durante cinco meses. Ao cabo dese tempo, o can Rin empezou a dicir animaladas e pecados, que polo visto lle aprendía un sancristán, e que asustaban e incomodaban as visitas. Por iso o señor bispo llo regalou ao abade de Beiro, co encargo de que lle aprendese educación e que non escandalizase ao vecindario.

  En Beiro, o Rin nunca deu mal que falar. Nada máis chegar á súa nova casa, xa lle fixo un favor á irmá do señor cura: avisouna de que o leite se ía verter no lume."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx. 6

domingo, 23 de octubre de 2016

Frío coma un xelado

"A néboa dera paso a un abrente aterecido.  O sol erguérase cedo e lucía espléndido, sen verse entoldado polo bafo de costume. Alá arriba, nos outeiros que asombran Ourense, no Montealegre, no Monte do Seminario e en Castro de Beiro, derretía os fíos de prata que cubrían os campos. Na fochanca da cidade non xiaba, pero tampouco as lancerias do astro lograban enxugar as pedras suadas, lambidas pola brétema no transcurso da noite. Aquí todo dicía frío coma un xelado da Ibense."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.136