Mostrando entradas con la etiqueta remedios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta remedios. Mostrar todas las entradas

miércoles, 7 de octubre de 2020

 "Volvía para se enfrontar a Primitivo Cerretas, un rapaz de Ceboliño con boa pegada, pero moi pouco fogueado máis alá dalgunhas agarradas con algún cacho de carne con ollos procedente de Vichita. Eu facía cábalas sobre como irían as apostas para o combate nos Remedios cando soou o teléfono.

-¿Si?

-Horacio, son eu.

-Cona, Porter. Non me digas que cambiaches de opinión.

-Está calado, burrico. Vai agora mesmo ata o Paseo do Barbaña. Agárdote alí, fronte ás traseiras de Antonio Puga.

-¿Que carallo se me perde a min alí?"

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 134.

miércoles, 12 de agosto de 2020

Un mapa da provincia

"A historia repetíase. Os Remedios era un rebumbio de xente alporizada que berraban ao unísono "¡GIA asasinos!, ¡GIA asasinos!" Saían dos portais, dos comercios, dos bares. Unha parella de mozos portaba unha pomba de cartolina xigante onde debuxaran un mapa da provincia coa palabra Paz tachando unha esvástica."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 54-55. 

lunes, 3 de agosto de 2020

O cine é todo mentira

"Puxen a directa e xa estaba diante do cine Dúplex. Lembreime do pescantín e da súa cinefobia particular. "O cine é todo mentira". Tiña en mente atravesar a Praza da Concepción Arenal pola parte dos Salesianos e chegar á casa facendo o percorrido que vai do Pavillón dos Remedios á rúa do Greco, mais tiven que desistir da idea porque a Vangarda Popular tiña montada unha boa festa. Ardían colectores no medio e medio do remate de Sáenz Díaz, e os rapaces máis atravesados guindaban cócteles molotov contra o Pazo de Xustiza."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 38.

miércoles, 27 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (XIII)

...o estudiante de Leises Emilio Muruais a tarde de 10 de Nadal que berraba socorro socorro socorro e as súas voces ouvíanse no campo do Desafío e así foi que un afogado impedía outro duelo, Manuela García, Xosé Menéndez e Ramona Nóvoa, ofrecidos ós Remedios, Marcial Valladares, Felipe Rol, Lolita Coma contra quen escribiron un libelo desagradecido que empezaba como tal "huid jóvenes incautos de esa mujer hechicera...", o mentirán de Gregorio o Turonense de miráculis sancti martini bianco, Boelio Bufo de extensa granxa, García Díaz, López Mosquera, Díaz Cadórniga, Mariló ¡ai!, Gómez Fernández de Soria, Mendamo e o seu pai Arciso, aurífices, os Acondios tamén, Pedro Álvarez Osorio, Rodrigo Alonso Pimentel, Gil Nogueirol, Luís de Abreu, Narizotas Cara de Pastel o 19 de Xullo de 1812, Fray Juan Jacobo Fernández e Juan Venido, o Doctor Sicúa, Don Rafael de Puga...

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 33-34.

lunes, 25 de febrero de 2019

326

"Eu hei de ir ós Remedios,
vestida de muradana,
visitar os meus amores
que viñeron d´Habana."

Literatura Popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogs, romances, cuentos y refranes gallegos. Orense, 1881. (Deputación Provincial de Ourense, 1987). Recollidos por D. Juan Antonio Saco y Arce. páx. 82

viernes, 9 de junio de 2017

Foi rezar

"Seguro que baixóu pola carretera hastra a ciudade sin agardar pola carrilana, foi rezar á catedral e pedíulle a Deus que non che pasara nada e que fixera de ti un neno bo, tal como ela sempre te educara, que despóis de todo pequena sería a falta cometida, que son uns esaxerados. Despóis agardóu polo coche da unha e fíxolle os encargos de sempre ó Paquiño Portugués: que mercara un quilo de plátanos mañá pola mañá e fora correndo á esquina dos Remedios antes das novas pra lle dar o paquete ó chofer da carrilana e unhas letras pra ti."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 44.

jueves, 13 de octubre de 2016

Un cornello escuro

"Había que cazar á espera, pavonearse un chisco e agardar ó remate da festa. Era de admirar, coa pouca tensión de luz que había, o que custaba encontrar un cornello escuro. ¿Vós onde bailades? ¿Naquel local do principio do Progreso, como se chama?

  -Brigitte. Esa é a discoteca dos paduanos.

  -Pois vexo unha requitropa de xente á porta os sábados pola noite.

  -É o día que baixan os chanquiñas. Nós imos a Katherine.

  -Iso cae pola rúa dos Remedios, ¿non si? Case ó pé vive a tía Elina, digo de Jacqueline. ¿Non lle daba apuro mocear tan cerca da casa?"
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.128

miércoles, 5 de octubre de 2016

O pinote do coche

"A neboeira que cubría a cidade dende principios de febreiro continuaría ensombrecendo as rúas, cunha pequena lanceira de claridade a mediodía, o resto da xornada. (...)

  ¡Apreta Delfín! Encirrei o meu vello fotingo, para que remontase a costa da Ponte Vella. Gustábame chegar ó vértice embalado e disfrutar do pinote do coche, cando collía a costa abaixo.  Esas trastadas son posibles nesta Ponte que fai lombo. Na de ferro, só hai emoción cando pasa un camión de varios eixos e fai tremar os ferranchos. En canto á Ponte Novísima, de cemento armado, con esa unicamente se divertiron os enxeñeiros. Estacionei na Rúa dos Remedios e sumeime a un grupo de alumnos dos Salesianos, encabezado polo profesor de educación física, que se exercitaba nas pistas do Pavillón de Deportes."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.118

lunes, 9 de marzo de 2015

Adispacioso, aseñorado

"Na mesta carballeira dos Remedios, beira do río ancho, fondo, adispacioso, aseñorado, coa súa ponte imperial, no seu paisaxe composto como pra ser parque dunha grande vila do mundo, os traballadores de A. vivían outra vegada á súa trégola anual de paz, de amizade, de fartura, de mol e fuxidía seguridade, de iluso trunfo á volta de poucos anos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 302, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 3 de enero de 2015

Os catro da panda

 "Aquel día, non hai moito tempo, porque foi neste último verán, quedaramos os catro da panda na praza de San Marcial, que nos cadra ben céntrica a todos, para nos xuntar. O plan era irmos andando aos Remedios, ás pistas do pavillón, facer algo de deporte e logo bañarnos no río pola parte da avenida da Ribeira Sacra, que aínda hai unha praíña xeitosa, segundo como vai o río. E neses días andaba acaído para o baño."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx. 16

martes, 5 de agosto de 2014

Un estudante de crego, por amores

"polo que me lembro, non era meirande que os canciños que paría a nosa Tula, que cando lle saían cadelas iámolas tirar ao río, de noite, dende a Ponte Maior, e quedábamos calados pra as ouvir, ¡pof!, aló embaixo, caír na auga fonda, que disque alí leva fondura de máis de cen cordas,

 (que se tirara un estudante de crego, por amores, facía non sei cantos centos de anos, e ao chegar ao meio do aér arrepentiuse e ceibou un berro de rezo, que o traía o rescrito onde viña posto o miragre: "Váliame-a-santa-imaxe-milagrosa-da-Virxe-que-se-venera-nista-capela-dos-Remedios-beira-do-río- acarón-de-eiquí-no-campo-do-seu-nome", que somella moi longo pra o decir caíndo;

 e abréuselle a capa e levouno polo río, como un barquiño, até Reza a Vella onde fixo pé;"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 78-79, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).




jueves, 10 de julio de 2014

A esmola



“...e colleu o Atanasio como si non lle tocase, i empurrouno, coma si nono empurrase, collido con dous dedos, e botouno pola porta traseira, e puxo no seu canto, pra repartir o pan, a Xanete o Vesgo, tan formal, que estaba a esmola na Ponte Maior, todo escarallado, a máis do ollo chosco só tres dedos na esquerda, a pata esfolada, sin cura; que lle apuñan que a ferida da canela direita, decote a lixir materia e sangue, era pintada, que a do barreno xa fora de moi mozo nas Asturias das minas, e aínda tan fresca arestora, a manar no meio da canela os días de feira, ou na novena dos Remedios, que apañaban, asegún decían, máis de mil reás”

  Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 41, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).