Mostrando entradas con la etiqueta alba. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta alba. Mostrar todas las entradas

viernes, 13 de abril de 2018

Día de lume

"Ó pasar ó pé deles, por debaixo dos soportais da outra beira, ela só puido escoitar con claridade a expresión "circunstancias dolorosas", e xa un pouco máis adiante, ó chegar ó cruce da Rúa de Alba, percibiu con nitidez a voz del dicindo a palabra "salvación". Logo aínda seguiu escoitando a mesma voz durante algún tempo, cada vez máis apagada, mesturada por fin coas conversas das persoas que empezaban a saír á rúa a aquelas horas para iniciar o paseo pola rúa de Santo Domingo e gozar do fresco da tardiña, o primeiro alivio dun día de lume naquel verán insoportable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 230.

miércoles, 19 de noviembre de 2014

Un arco de estilo neomudéxar

 "Dentro dos actos festivos con motivo da inauguración da estatua do Padre Feijóo levantouse na denominada travesía  da rúa de Alba un arco de estilo neomudéxar, deseñado polo profesor do Instituto Antonio Torres Tirado (1850-1907).

(...) En Ourense a aplicación deste estilo arquitectónico non tivo éxito. Tiña na súa contra o fácil acceso ás canteiras de granito de boa calidade como materia prima que o gremio de canteiros traballaba de forma insuperable.

Agora ben, a plasticidade da estrutura de ladrillo permitía desenvolver un amplo programa decorativo de forma moi sinxela e económica en obras, que como no caso presente, non estaban destinadas a perdurar.

martes, 24 de junio de 2014

Dálle que dálle

"Logo subiron a San Francisco, entraron no camposanto. Eu xa non aturaba o calor. Baixaron de novo, metéronse pola Travesía, mercáronlle figos á tía Delfina, no remate da rúa de Alba, colleron pola carretera do Progreso. Dálle que dálle; eu abafado, eles tan campantes...

  Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.83

domingo, 1 de diciembre de 2013

Imaxinade a Molière imaxinando en Ourense unha comedia

Jean-Baptiste Poquelin "Moliére", 1622-1673
   De ser Molière indíxena de Ourense e habita-los limoeiros e as figueiras que describe a marxe meridional do Miño, ou por acaso, sorprendelo na compaña lanzal e vigorosa de don Ramón Otero Pedrayo... De ser Moliére de aquí -digo-, é un dicir posible e metafórico, eu sopóñoo amador da neboeira e do licor café.

   Imaxínoo agora discutindo con Risco e con Cuevillas sobre a misantropía e os amantes magníficos, namentres os tres compoñen un barroco de esquina no Café Royalti... Puidera ser que Euxenio Montes introducira, dandy e excesivo, unha chulería de gladíolos que puxera en Poquelin coma un sorrir adversativo, audaz, un comentario lúcido e endiañado, pois ó fin o Moliére compón o verso sobre a condición humana e non por entre nenúfares e bixutería.

   Agora baixa só e namorado, ¿ou baixa só e cornudo?, pola Rúa da Alba. Agora emprende a tarde confundido. Búlenlle farsas médicas e aprensivas no caixón do escritorio. Hai unha peza por escribir. Hai un papel co que iniciou a outra noite o universo; "O enfermo imaxinario". Puxo. Titulou apremado. Como retendo ideas no adxectivo.

   Supón Moliére, e supón ben, maltratado por este París, ¡que diga!, por este Ourense que proclama virtude e fede a hipocresía. Hai avaros, tartufos, hai badocos, sombras hai que acoitelan na sombra a sombra súa. Ou sombras de coitelos que lla teñen xurada. El non o ignora. El sabe descifrar perfectamente o ollar cabrón desas beatas que agora saen da misa das oito en Santa Eufemia. É veciño Moliére de figas e aldraxes, ¡vade retro, apestado!

   Xa se sabe Moliére páxina de maldición, páxina en peste, inferno. O inferno mesmo.

   Por iso agora supoñede a Moliére enredando en facer suposicións de que está morto. De que en Ourense, en París... ben... en Febrerio, néganlle terra, descanso, altar, néganllo todo. É a factura eclesiástica que paga. É a vinganza de Tertuliano contra os cómicos. Coñece a Apoloxética e o sino do apestado.

   E porén, agora imaxinade a Moliére imaxinando en Ourense unha comedia. Inventando retratos e sucesos -digo eu, calcomanías- algo coma un territorio que viñese encher de luz e de ocorrencias a nosa escena nacional ou salvar este país se fose o caso. Aínda que agora, namentres retorna á casa e cae a tarde por Reza e polas Caldas, se veña preguntando por penúltima vez se este país andará enfermo de imaxinación ou simplemente é que padece algunha enfermidade imaxinaria.

                                                                   Manuel Guede Oliva, Ourense, Setembro-86
(Introdución de O enfermo imaxinario de Moliére, La Voz de Galicia, Ed. Xerais, 2005, tradución de Manuel Guede, páxs. 15 e 16)