Mostrando entradas con la etiqueta campo_couto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta campo_couto. Mostrar todas las entradas

viernes, 4 de diciembre de 2020

A inauguración

"A concentración reunira unha chea de xente só comparable á que xuntaba o Foro pola Democracia ou a xornada ligueira no Campo do Couto. Entre os manifestantes eran maioría as nais que sostiñan carteis coas fotografías dos fillos encarcerados por pertencer ao GIA. O mesmo ritual: camiñaban en fila, dando voltas en círculos concéntricos ao redor da praza. Ao rematar a concentración, algúns encarapuchados prendéronlle lume a uns colectores e cortaron o tráfico que entraba no Progreso.

 Puiden coller por Sáenz Díaz sen que me caese unha pedra enriba e planteime diante do flamante Centro Comercial Milenio. A inauguración, con bendición do aparato catedralicio incluída, convocara unha chea de consumidores vehementes que bufaban con cada rebaixa perdida."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes.  Ed. Xerais, 2006. Páx. 208-209.

domingo, 24 de abril de 2016

¡Qué partidazo!

"As visitas rodeaban de afecto ós doentes, e os doentes parecían encariñados cos seus achaques. A Tina non se presentou. Á tardiña veu o Maragato contarme do Trofeo de verán disputado no Couto:

  -¡Qué partidazo, Sindo! Empates ata case o final. A xente xa lle berraba ó negrito do Sevilla. ¡Chamizo, tizón, vaite cos monos!, porque o pillabán xoga como quere e volvía tola a nosa defensa. E coa mesma, Seara rouba un balón e pásallo ó Pataco; este canea a dous ou tres e lanza ó extremo esquerdo; centra Cortés a media altura; o Taboada dálle un couce ó aire, el se non é coa testa nada, é coxiño das dúas pernas, con tan boa sorte que despexa un defensa e rebota no Saltón. Nos trastes, pegoulle nos trastes. Dobrouse ragañando os dentes coa dor, pero o rebote entrou e o demais son contos."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.32

martes, 27 de octubre de 2015

Entre o tráfico

"Noriega despediuse con cara de merecer máis derrotas. Vin como se perdía entre o tráfico máis alá do estadio do Couto, onde un garda se empeñaba en contribuír ao colapso. Fiquei no medio da calzada algo atordoado, sen ser moi consciente do balbordo provocado polos claxons, que me suxerían amablemente -xunto coas correspondentes alusións familiares dos condutores- unha urxente saída por pernas. Con cartos no peto a dor resultaba tan soportable como a humillación."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.61