Mostrando entradas con la etiqueta avda_caldas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta avda_caldas. Mostrar todas las entradas

sábado, 22 de octubre de 2016

Un gato vello

"Deixei o despacho cos pelos de punta. Merquei un bocadillo de chourizo nunha cafetería do Parque, coa esperanza de que o ardor do estómago me mantivese entretido, e dispúxenme a pasar a noite no coche.

  Non peguei no sono. O peor chegou cando a xente se retirou das rúas. Ata que abriu a gasolinera de Pérez Rumbao, deslizáronse as horas pousonas e frías. Acendía o motor e puña a calefacción cada tanto, pero apagábaa axiña, dábame a impresión de que envenenaba o aire. Quizais alguha fuga de gas que non libraba o tubo de escape, ou simplemente aprensión miña. Aparcado na rúa ancha e iluminada cunha luz fantasmal - nas Diagonal abundan as farolas-, peneirada pola néboa, acordeime do meu piso de solteiro na Avenida das Caldas, acolledor sen demasiadas confianzas, ideal para un gato vello."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.136

miércoles, 25 de mayo de 2016

Púxoseme nas cornas

"Apeeime na estación do Empalme e, baixando as Caldas, púxoseme nas cornas visitar a barbería. Notaba os cañotos de dous días nas meixelas, e as guedellas proéndome nas orellas. O certo é que pedía sempre un corte enérxico, coa máquina do dous, de dentes tan afiados que serviría para arrincar os pés das patacas. O barbeiro confirmoume que os atracadores do almacén de sementes, situado dous portais máis abaixo, na mesma Avenida, fuxiran a pé."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.67-68

jueves, 12 de mayo de 2016

En volandas

"E, coa mesma, acordei disfrutar algo do Santiago. Empecei por pasear entre a multitude da esplanada da Estación, que danzaba ó son da "Bellas Farto". Despois, cando os músicos pousaron os instrumentos, baixei en volandas co xentío pola Avenida das Caldas. Á altura da igrexa parroquial, había outro palco no que, cubertos de sombreiros mariachi, os profesores da "Orquestra La Florida" atacaban rancheiras. A corrente humana represouse mentres durou a actuación, e rebordou de novo Avenida abaixo, ata encorar fronte ós "Chicos del Jazz", que amenizaban o baile xunto ó Parque Infantil."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.47-48

jueves, 21 de abril de 2016

Ó romper o día

"Ó romper o día, chamoume o meu amigo e transmitiume os parabéns do xefe, que estaba desexando felicitarme en persoa. Mesmo o Presidente da Deputación, o Marqués de Altamira se interesara por min, e quería coñecerme. Mandei a Tina ás Caldas polo meu mellor traxe e, cando me vin presentable, pedinlle que me levase ó Pazo da rúa do Progreso. O Marqués non recibía sen cita previa, e menos un sábado. Espetoumo na cara o celador da porta. (...) O Señor Presidente estaba no salón de actos entregando uns premios. (...) Os pais medraban unha cuarta, ó ver ós seus rebentos dirixirse á mesa presidencial e recoller un libro sobre a mellora da raza rubia galega nas granxas da Deputación xunto cun billete de mil pesetas."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.31

domingo, 27 de marzo de 2016

Vivo e bebo

"Os regateos das rianxeiras da praza, ¡como chían as condenadas!, abouxa ós veciños da Avenida das Caldas. Alí, na parte baixa da rúa, espertamos todos os días de Xesucristo con ese balbordo de peixeiras. Enriba do almacén do Maragato, no sobrado que comparto coa sede social da Troya, vivo e bebo coa folganza que permite a nómina de inspector do Corpo. O fedor dos cochos de solteiro é inconfundible."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 11

sábado, 5 de diciembre de 2015

Nunha tobeira escura

"Noriega quería comentarme "asuntos importantes" na súa casa. Dende que o deixara a parenta vivía nunha tobeira escura da Avenida das Caldas, preto da estación do ferrocarril. A muller quedara co chalé pareado en Rairo. Aparquei o meu Dyane 6 cor vermello-Barrantes ao carón da Sarita e antes que botar un pito preferín tomarlle dous viños nunha tasca próxima para non alimentar máis sarabullos. Debía coller folgos antes de subir a un cuarto sen ascensor."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.127