Mostrando entradas con la etiqueta goberno_civil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta goberno_civil. Mostrar todas las entradas

sábado, 21 de abril de 2018

E se deron berros

"Está claro que se trata dunha resposta ós mozos da Brigada Amanecer que organizaron a protesta o día da concentración no Parque. A dous deles, Domingo Enríquez Losada e Benxamín Alonso Pascual, considerados responsables do disparo que feriu ó fillo do capitán Lastra, prendéronos o sábado pola mañá, cando aínda non saíran das súas casas. O pai do primeiro deles, o capitán Enríquez, presentouse no Goberno Civil a pedir explicacións, e pola tarde, no local que os da Brigada teñen na Rúa de Colón houbo varias xuntanzas, durante as cales se cantaron himnos e se deron berros."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 246-247.

jueves, 15 de marzo de 2018

Á espreita

"recibiron a visita dunha persoa importante que viña de Asturias e que traía o encargo de pedirlles que nos próximos meses se mantivera á espreita, dedicando o tempo á organización e á recreación de apoio nas aldeas e que evitasen calquera confrontación de tipo militar, a non ser aquelas que se considerasen estrictamente necesarias por motivos de seguridade. Non todos estiveron de acordo con estas medidas, xa que Celestino Cabezas era partidario de accións contundentes, como o asalto ó Goberno Civil, que propuxo en varias ocasións, pero que Raúl rechazou por consideralo demasiado arriscado, sen moitas posibilidades de coller o gobernador dentro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 176.

miércoles, 17 de enero de 2018

Argumentos contundentes

"Hai quen asegura que o bispo acudiu a entrevistarse co gobernador para interesarse pola sorte dos presos e que foi advertido de que os asuntos da orde pública non eran da súa incumbencia, mentres que outros afirman que o bispo se presentou no Goberno Civil unicamente para falar dos actos conmemorativos que se van celebrar o vindeiro venres na catedral e que de pasada lle dixo ó seu interlocutor que estaba preocupado polos rumores que corrían en certos ambientes da cidade sobre o trato dispensado ós presos, preocupación que lle foi disipada con argumentos contundentes, os cales foron cumpridamente aceptados."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 79.

martes, 16 de enero de 2018

A uns centos de metros

"En relación cos rapaces que colleron cando o asalto ó cuartel de San Francisco, sábese tamén que a muller de Camilo Deus Sandiás, un dos presos, acudiu ó Pazo Episcopal onte pola mañá para denunciar diante do señor bispo as atrocidades que están cometendo co seu home nos calabozos do Goberno Civil. (...) Cando a citada muller saía da audiencia do prelado, ó chegar á rúa, foi introducida pola forza nun coche que agardaba a uns centos de metros de Palacio e trasladada a continuación a un lugar descoñecido."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 78-79.

viernes, 22 de diciembre de 2017

Propalando infundios

"Os comentarios do administrador coñécense xa no Goberno Civil, segundo informou o comandante Eloi, que hai uns días estivo co gobernador, o cal se lle queixou de que o citado individuo andara propalando infundios pola comarca, como era a información de que o tal Raúl de Barra de Miño fose comunista, cando todo indica que se trata dun delincuente e que, se fuxiu ó monte, non foi debido a ningunha coacción ou ameaza, senón ó terror que lle produciu a posibilidade de que lle pedisen contas por algúns delictos cometidos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 48.

lunes, 11 de diciembre de 2017

Os libros podían agardar turno

"Sempre o tivo por unha persoa de intelixencia creativa e orixinal, ilusionada coa tarefa de encher o país de libros, aínda que fose a conta de perder algúns cartos, como lle sucedeu co plan que elaborou para as autoridades, sacrificando horas e diñeiro, ata que o manco Tejada, nunha reunión celebrada no Goberno Civil dixo que nunha terra que non tiña aceite nin touciño, os libros podían agardar turno."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 30.

domingo, 10 de diciembre de 2017

Un certo desencanto

"É certo que leva tempo disgustado e que nalgúns dos artigos se percibe ás veces un ton, se non de queixa, si de resignación ou melancolía, talvez dun certo desencanto. Hai máis dun ano que non asiste a actos oficiais, nin sequera ás misas, e leva meses disculpándose para non acudir ás ceas que o gobernador organiza todos os sábados no Goberno Civil. Tampouco recibe visitas. Pouco a pouco foron deixando de aparecer pola casa os amigos de antes."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 30.

sábado, 9 de diciembre de 2017

Unha indixestión

"Por culpa deste artigo foi convocado ó día seguinte ó Goberno Civil, onde mantivo unha longa conversa co gobernador.

  Durante unha semana deixou de colaborar no diario. Na tertulia do Liceo dixo que estaba canso, que necesitaba uns días para repoñerse dunha indixestión que acababa de sufrir e que lle deixara  os músculos frouxos e doloridos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 28.

jueves, 11 de mayo de 2017

Ca bicicleta na mau

"Colle a bicicleta, pasa por didiante do Goberno Civil, torce á dereita, por enfrente do Instituto Nacional de Previsión, logo vira á esquerda, baixa pola Diagonal e métese na rúa do Xeneral Franco, antes chamada do Progreso. Entra no taller e dí "De parte do xefe si poden mandar pronto a un operario, que se derramóu o motor e non temos auga pra facer a masa". Respóndenlle "Agora mandamos ó mecánico" e il sai de novo, atópase co calor da rúa, sube por Capitán Eloy e torce pra coller polo Paseo, pero pensa que ó millor é dirección prohibida. Entón báixase didiante do Banco de España e ca bicicleta na mau sigue o seu camiño hasta chegar á obra."

Carlos Casares, Cambio en tres, ed. Galaxia, colección "Illa Nova", Vigo, 1969, 1ª edición, páx. 70

domingo, 22 de mayo de 2016

A pé feito

"Á mañá ben cedo presenteime na oficina de pasaportes, que estaba no Goberno Civil.

  -¿A onde é? -preguntou o funcionario.

  -A Suíza.

  -¿Ten contrato alá? ¿Reclámao alguén?

  -Non, pero gusto de pisar na raia. Moitas veces vou a pé feito ós Peares, só por mexar na provincia de Lugo. Agora déuseme por ir máis lonxe."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.58-59

miércoles, 20 de abril de 2016

Era preciso espilirse

"-Voou o paxaro. "DESFALCO EN LA CAJA. Su presidente y conocido industrial tostadero, así como dirigente deportivo del Club Deportivo Orense, huyó al Brasil, según ha podido saber nuestra redacción de fuentes bien informadas próximas al Gobierno Civil."

  Pasei a tarde dándolle voltas á miña situación. Era preciso espilirse. O xefe non sabía nada de min. Tal vez me dese por morto ou me fixese en Copacabana, apalpando mulatas co Tostão. Tiña que asomar a orella para ben ou para mal. Cando oín a sirena da Fundición Malingre, chamei á Tina e encargueille un mandado.

  -Vas a San Francisco, ó cuartel da Garda Civil, e preguntas por un tal Noguerol. Dáslle o meu nome."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.29-30

miércoles, 30 de marzo de 2016

De novo a amoxetar putas

"-Xa verás como teño que tocar a chanca pola raia.

  -Para facer o paripé, Sindo. Non tardarán en poñerte de novo a amoxetar putas no Vilar.

  Subindo a rúa do Concello pensei en tomarlle outro vaso e retrasar o encontro co xefe. De seu rabudo, co asunto dos portugueses pintaría a cana verde. Pero nin sequera a augardente torce o que está de ser, así que crucei a Diagonal e seguín cara ó Parque de San Lázaro. Ó estacionar -espantando mocosos que abrían a boca pasmados co meu Dauphine-, xa vin que me acenaban os policías da escolta dende o Goberno Civil."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 13