Mostrando entradas con la etiqueta verín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta verín. Mostrar todas las entradas

domingo, 2 de mayo de 2021

As serenatas

 "Andaba famento e esfarrapado. Un bo día regaláronlle un traxe usado de corte, que lle quedaba á medida. Saíu á rúa con el, e un veciño, ao velo, díxolle:

 -¡Benito! ¡Ai que goapo estás! Pareces o forense de Verín.

E, dende entón, o Benito foi Forense pra todo o mundo. Fai unhos meses dicíalle ao Manoliño:

-O alcume de Forense gustóume tanto, que, pra que mo siguiran chamando, botéi arreo o traxe "novo"; e desde entón, empeñéime en vestir coma os señoritos. (...)

O Forense é o xefe da mocedade de Vilardebós, e é tamén quén orgaíza as serenatas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 187.

martes, 13 de abril de 2021

Chocallón

 "Manoliño non está certo si o cigarrón que viña a Vilardebós era de Laza, de Verín ou de Riós. En Vilardebós, ao cigarrón tamén se lle chama chocallón.

 Os rapaces facían maula do cigarrón, pero non se achegaban a el porque lle tiñan medo.

 O cigarrón ía dun lado pra outro correndo ao trote pra que lle ruxira ben a chocalleira."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 151-152.

viernes, 9 de abril de 2021

O billete

"Sucedéu que indo unha vez pra Arzádegos sintíu no camiño certa necesidade. Acomodóuse tras dunhas xestas, e estando naquelo, os seus ollos pousáronse sin reparar nun papel que tiña dediante. Cos ollos no papel e o pensamento noutra cousa, non "vía" o que estaba ollando. (...)

 Á volta de Arzádegos, non dixo nada a ninguén pra que non se enterara a súa mai. O billete estaba escorido e fatáballe un cacho nunha esquina. Pensóu si valería ou non sin aquel cibo, e foi a mostrarllo a don Emilio Romero, comerciante de Verín estabrecido e casado despóis en Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 145.

sábado, 3 de abril de 2021

De ningunha

 "Juan seguía calle abaixo, sin responder a ninguén e sin se fixar na xente; pero cando voltaba de Verín, viña con todas as encomendas que se lle fixeran, sin esquecerse de ningunha. Juan morréu hai anos, e un fillo seu casóuse cunha prima de Manoliño.

 Don Jesús, o dono da burra casi branca de vella, gozaba de moita consideración en Vilardebós. Chamábase don Jesús del Río. Tuvo un fato de fillos, e algúns deles saíronlle mintireiros. (...)

Don Jesús del Río era o secretario do Xuzgado de Vilardebós. De media estatura, máis ben alto. Grande fumador."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 125.

viernes, 2 de abril de 2021

Encomendas

 "O Juan do Correio era forte, moi serio por fora e moi chanceiro por drento. (...) Era rico en terras, e tamén en fillos. Coma era o carteiro de Vilardebós, tiña que ir a Verín todos os días, pra baixar e subir o correio. (...) Era moi rara a vez que os veciños de Vilardebós non lle fixeran quince ou vinte encomendas cando baixaba pra Verín, tanguendo o burro. Rapaces, homes e mulleres saíanlle ao alcontro a facerlle encargos, ou berrábanlle dende as ventanas:

-Juan, traime un panico.

-Juan, traime un carrete pequeno, do coarenta.

-Juan, traime un papel de barba."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 124.

miércoles, 31 de marzo de 2021

Matinando nas súas cousas

"-¿Qué, paseando, Castor?

Outras veces preguntábanlle:

-¿E logo, Castor, hoxe non fuches a Arzádegos?

O Castor detíase un pouco coa xente, e seguía despóis o seu paseio, matinando nas súas cousas. (...)

-Castor, ven que tenemos que ir a Verín.

Entón o Castor arrumábase á escaleira da casa pra que montase a rapaza, e sen máis nada, toca pra Verín.

-Castor, vamos deica os muíños, pero temos que ir por Arzádegos -dicíalle Manoliño ou calquera de seus irmaus.

E o Castor collía dereito pra Arzádegos sin máis espricacións. (...)

Era un burro famosos aquel  Castor. Pola súa persoalidade e notabilidade, podía dicirse que perteñecía ás forzas vivas de Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 122-123.

martes, 30 de marzo de 2021

Nin xiquera un crego

"Na dianteira viña o cabalo de Manoliño, todo fachendoso; pero enriba del non viña o Obispo; nin xiquera un crego. Viña o sacristán de Vilardebós. Manoliño sintíuse doorido polo desprezo que o señor Obispo fixera do seu cabalo. (...)

 Mais adiante, ao cabalo, que era a vaidade de Manoliño, tamén o levóu o demo. Houbo que vendelo. Mercóuno un pescadeiro, e non moito despóis Manoliño atopóuno nunha rúa de Verín, enganchado a un carrillo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 121.

sábado, 27 de marzo de 2021

Arzádegos

 "Arzádegos esténdese polo fondo da ladeira Norte do Marco da Cota. É unha aldeia fría, sombriza, rica, contrabandista e xogadora. Manoliño sinte agarimo por Arzádegos porque alí naceron a mitá dos seus irmaos. (...) Por esta razón, Manoliño, a súa mai e os seus irmaos, sempre andaban atravesados no camiño de Vilardebós a Arzádegos, ou de Arzádegos a Vilardebós. Pero a cotío, os irmaos de Manoliño e Manoliño vivían en Vilardebós, entre outras razóns porque en Arzádegos non había escola. Por outra banda, en Vilardebós tamén tiñan comercio os pais de Manoliño atendido pola súa mai, doña Carolina, nacida en Verín pero de orixen igoalmente zamorano."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 119-120.

martes, 16 de marzo de 2021

Arelas de marcharse

 "Tanto e tanto pamplinóu o noso zapateiro, que ao fin saíu do despacho do Gobernador cunha carta pra o comandante do posto da Guarda Civil de Verín. E á media noite de aquel mesmo día, a corneta do Juan soaba de novo nas rúas de Vilardebós.

 O cabo non puido afaguerse nunca aos concertos do zapateiro, e pidíu ser trasladado. E cando se marchóu, o Tallón deixóu de tocar o cornetín, e sentíu arelas de marcharse el tamén."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 103.

lunes, 15 de marzo de 2021

O seu cornetín

 "Pero nunha destas, a famosa corneta caíu de novo nas maos do cabo, quen fixo entrega dela no coartel de Verín. O Tallón baixóu á vila a recramala, e por pouco non fica no coartel coa corneta. O asunto tomaba mao cariz, e os veciños de Vilardebós coidaron que o Juan perdera pra sempre o seu cornetín; que, ao fin, o cabo saíra coa súa. Mais o zapateiro era testán e foise a Ourense a falar co Gobernador. (...)

-Mire, señor Gobernador, con todos os respetos lle digo que non me vou de Ourense así coma así."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 102-103.


sábado, 27 de febrero de 2021

Rexas loitas

 "O San Roque sempre foi un problema en Vilardebós, incruso motivóu rexas loitas entre os seus aditos e os devotos ao Sagrado Corazón. Loitas que, naturalmente, tiñan orixen na política do pobo.

 Por mor de don Mauro, que era conservador, e de aquel don Caseano de que falamos, que era liberal, os veciños do lugar ficaron divididos nos de Arriba e nos de Abaixo. (...)

 Cando chegaba a festa do Sagrado Corazón, os de Arriba facían festividás moi costosas: boa misa, bo sermón, boa procesión, boa música, moitos santos en ringleiras, moitas frores sobre os santos e moitos señoritos de Verín. Pola tarde, moito baile agarrado, moita cortesía, moito castelán nas conversas e moito aborrimento no ambente.

 Pra os de Abaixo, as festas do Sagrado Corazón tiñan miuda importancia. (...) 

As festas do San Roque eran outra cousa."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 74-75.

viernes, 19 de febrero de 2021

Aurita

 "Amiga de Carmiña era unha señorita de Verín, moi brillante e de grande distinción que se chamaba Aurita. Contan -Manoliño non o recorda- que cando esta señorita viña polo vrao a Vilardebós, as dúas amigas paseaban xuntas, en compaña do médico don José. (...)

Aurita casóuse logo en Castro Caldelas e tuvo dous fillos. Un deles é o fiscal e poeta Manolo Casado Nieto. Anos despóis morréu Carmiña; tampouco vive a mai de Casado, inda que falescéu moitos anos atrás de Carmiña."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 62-63.

miércoles, 17 de febrero de 2021

Tempadas de vrao

 "Antigamente, Vilardebós foi unha aldeia de moito e requintado señorío, non só por algunhas xentes do pobo senón polas señoritas e familia de Verín que subían a pasar nel tempadas de vrao. Este señorío mantúvose notábel hasta 1920, máis ou menos. Despóis foi minguando pouco a pouco até desaparecer case de todo.

 Unha das persoas máis sinaladas de Vilardebós que recorda Manoliño, era o médico don José González."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 61.

lunes, 8 de febrero de 2021

Poden moito.

"Naturalmente, o Ramón e o José teñen moitas influencias; por eso mesmo, en Vilardebós están algo queixosos deles, "por non facer canto poden polo pobo". E poden moito. Ao menos, eso é o que se fala.

 Tornando a O Cruceiro, subindo calle acima, ven unha casa de baranda e galería, noutro tempo moi vistosa. Nesta casa naceron dous irmaos. Luis e Recaredo Romero. Luis morréu hai moitos anos. Recaraedo vive estabrecido en Verín, e é cecáis o comerciante máis intelixente, máis agudo e máis millonario que hai na provincia de Ourense."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 55.

domingo, 17 de enero de 2021

Coma si falara co burro

 "Unha madrugada de lúa chea, un veciño de Vilardebós chamado Manolo Gómez, erguéuse cedo pra ir a Verín. Non tiña outro remedio que pasar por este souto. Enganado pola lúa, parecéulle que estaba a romper o día. Non tiña reló. Montóu no burro, e toca pra a vila. Xa na carretera decatóuse que inda non amencía. Ao chegar a San Roque, dixo coma si falara co burro:

 -Estamos perto do souto, e o día non ven. ¿Qué facemos?"

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 29.

martes, 12 de enero de 2021

Enriba da serpe

 "Nós, enriba da serpe, aproveitamos para avistar o val de Verín. Alá fica, no fondo, posto ao sol, coma un tapiz verde, salmón e prata feito de follas, sementes e relampos do Támega; e no meio, sobor dun outeiro, o castelo de Monterrei, coma un candieiro de pedra, alumeando a historia do val. Torna a estrada ao seu andar; agora vai máis dereita. Pouco a pouco é menos cobra; pouco a pouco é máis alfombra. Unha alfombra de grosos nós, porque o asfalto rematóu e agora o chao é de seixos. Tamén rematou a costa.

 Entramos no termo municipal de Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 25.

lunes, 11 de enero de 2021

Fiados da súa memoria

 "Coma todos os nenos, Manoliño recorda canto víu e canto fixo na súa infancia. Fiados da súa memoria, imos indo cara Vilardebós.

 A estrada que se arreda de Verín da de Castela, dixemos que ía embeirada de álbores. Pero os álbores cansáronse logo, e un pouco máis alá da Fonte de Sousas, deixaron a carretera soia, sin agarimos e sin sombra.

 Á saída do lugar de Ábedes, a estrada cisma un chisco, torce o pescozo, e ao fin bótase ao camiño pola súa conta. ¡Renque, renque! costa arriba; sube que sube cima adiante."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 25.

viernes, 8 de enero de 2021

Vila dos bos homes

 "A saída de Verín, indo para Zamora, torce unha carretera estreita con álbores ás beiras. Estes álbores son negrillos fortes, de ramaxe verde escuro. Cabo dun deles, á dereita, hai un letreiro branco con letras negras. O letreiro di: A VILLARDEVÓS, 13 Kms. Este nome pode escribirse e decirse de tres xeitos: Villardevós, Vilardebós ou Vilar dos Bós. Os tres, según Eloi Luis André, veñen a decir o mesmo: Vila dos bos homes."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páxs. 23.

domingo, 28 de julio de 2019

Xa non pode coa mentira

“Levárono prendido xa? Si, fixo declaración aquí e que a cousa non vai con el, pero vai para Verín facer o acareo cos parentes das mulleres esas. Pois a sacarlle a pel, a iso vai a Verín, a que lla poñan a secar nunha vara no alto do castelo tal como se fose unha bandeira. E era quen dicía ser ou quen dicían que era? Pois ser é; é un galego de por Allariz que din que tiña tenda e traficaba mercadorías e quincalla, pero mira ti vaia negocios que facía entre os vivos e as mortas. O Sacaúntos, disque era, o home da graxa. Era pouco sacarlle a graxa despois de sacarlle a pel. Era pouco facerlle o que lles fixo ás miñas pobres. Pois a saber o que sería, que aparecer, só lles apareceu a roupa.

  Entre o barullo da xente aínda se din boas verdades, o resto é palla da que quenta e adorna. A boca da xente anda quente e remexida e fan de xuíces e ao Canicha culpable de cousas horrorosas. Vai o reo camiño de Verín e da xurisdición legal das terras de Galiza que lle corresponden. Alí apóñenselle terribles crimes de sangue. A primeira indagatoria é en terras galegas e alí o atrapado Manuel vénse abaixo, xa non pode coa mentira.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 86-87

sábado, 27 de julio de 2019

O proceso xudicial


O proceso xudicial contra Manuel Blanco Romasanta podemos dividilo en dúas fases:

a)  unha primeira na provincia de Ourense, entre o 8 de agosto de 1852 cando comezan oficialmente as indagacións en Verín e o 6 de abril de 1853 coa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia de Allariz.

b)  a segunda fase será na cidade da Coruña entre o 7 de maio de 1853 cando entra a sentenza de Allariz na Audiencia da Coruña e o 13 de maio de 1854 cando a raíña conmute a pena capital pola cadea perpetua.