Mostrando entradas con la etiqueta beiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta beiro. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de octubre de 2018

Un sol negro e violento

"Eu non me sentía roubada nin burlada nin asaltada, senón amada. Pero sentía tamén que todos aqueles veráns de Beiro, as nosas conversas no Carpazal, o noso mundo do wigwan, as historias que nos contaba o criado Anselmo, todo, absolutamente todo canto levabamos vivido naquela casa, incluso a vida da propia mamá, aquel seu encontro con Leopoldo durante aquel afastado verán, todo estaba tinguido agora pola color vermella daquela auga manchada de sangue que eu vira na bañeira o día da morte de Carlos, e que sería imposible de recordar xa nunca máis a limpeza azul e transparente dos ceos color turquesa que amparaban as nosa vidas cando estabamos en Beiro. Tiña  a impresión, pechada na biblioteca, escoitando de lonxe os ruídos que chegaban de fóra, o picar dos canteiros en Zas, as voces dos labregos traballando a terra nos campos de arredor, o cacarexar das galiñas no patio da casa, á beira do pozo, mesmo o silencio das teclas inmóbiles do piano, que se convertían nun estrondo, como se o pistoletazo que Carlos disparara naquela madrugada quedase para sempre suspendido no aire, convertido nun sol negro e violento."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240-241.

viernes, 5 de octubre de 2018

"Na última carta, Leopoldo declinaba unha invitación de mamá, na que ela non lle debía falar deles os dous nin do desexo de encontrarse, senón de min, e el lle respondía que sería mellor deixar pasar algún tempo, facer talvez algunha visita esporádica á casa da cidade, a tomar café, por exemplo, pero non ir a Beiro pasar unha semana. Nesa carta, Leopoldo cede, non obstante, a unha petición de mamá, é dicir,  que Carlos poida ir pasar o verán enteiro na casa de Beiro, e que me coñeza a min e poidamos xogar xuntos, que nos viría moi ben aos dous."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 239.

jueves, 4 de octubre de 2018

O día máis limpo e fermoso

"...que para el, para Leopoldo, aquela tarde que pasaran xuntos e sós no Carpazal, fora o día máis limpo e fermoso da súa vida, e que actuara coa conciencia tranquila de non estar facendo nada malo, nin sequera co sentimento de estar traizoando a  hospitalidade que lle brindara Indalecio ao invitalo a pasar aquela semana na casa de Beiro con eles os dous, e que aquel fora tamén o día máis feliz que vivira, ao poder tela por fin entre os seus brazos, morder os seus labios, bicar os seus peitos, acariciar o seu ventre e amala con aquela paixón absoluta, como non amara nin podería amar nunca máis a ningunha muller."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 227.

lunes, 1 de octubre de 2018

No río con esa intención

"Nela dicíalle que ela non tiña que sentirse culpable de ningunha maneira, que as tendencias autodestructivas de tío Adolfo viñan de antigo, que el xa escoitara dicir na súa casa, moitos anos antes, que en Beiro tiñan ese problema co fillo maior, e que non fora a primeira vez que se metera no río con esa intención".

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 237.

domingo, 30 de septiembre de 2018

Sós na biblioteca

"Logo vén o relato da conversa que Leopoldo tivo coa avoa Rafaela, metidos os dous sós na biblioteca, mentres fóra se escoitaba a voz de papá dicindo que as criadas empezaran a baixar coas cestas para o xantar no Carpazal. Hai logo cinco cartas, escritas tres anos despois, (...) pois recoñece que non lle vai ser fácil convivir con tía Mercedes, a unha invitación de mamá para pasar uns días en Beiro."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 236.

sábado, 29 de septiembre de 2018

Sen retórica

"Hai un pouco aínda, lin unha vez máis o paquete de cartas que me entregou a miña nai antes de regresar á cidade, o venres pasado. (...) Son quince cartas de Leopoldo, as tres primeiras escritas ao principio, cando el se foi de Beiro, , despois de que tía Mercedes os sorprendera bicándose no salón. Son cartas dun adolescente namorado, escritas cunha sinxeleza emocionante, sen retórica."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 235-236.

jueves, 27 de septiembre de 2018

Saloucos suaves e silenciosos

"Cando chegamos á casa de Beiro, a primeira persoa á que atopei foi a Leopoldo, o pai de Carlos. Nada máis verme entrar no salón, abrazouse a min e empezou a chorar cuns saloucos suaves e silenciosos, mentres me pasaba a man pola cabeza, como se fose el quen quixese consolarme a min."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 234.

miércoles, 26 de septiembre de 2018

Longamente nos labios

"Conforme nos iamos achegando a Beiro, Carlos baixou a velocidade e ao chegar a Tralaira, parou debaixo dos castiñeiros do campo da festa, sen apagar o motor, e alí me bicou de novo longamente nos labios."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 227.

martes, 25 de septiembre de 2018

O día da sedución

"Ao revés, dábame a impresión de que, desde o día aquel que Arturo chamaba o día da sedución, cando nos coñeceramos na Coruña e foramos os dous xuntos ao Hotel Finisterre, ata a última vez que falara con el, na casa de Beiro, pouco antes de que Carlos e mais eu nos meteramos no coche para saír a dar un paseo, a quen eu realmente traizoara fora a Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 226-227.

lunes, 24 de septiembre de 2018

Arrepiada un niño de vermes

""Si, pero cando cheguei a Beiro para pasar aquel verán, nada máis baixar do coche de papá, olláchesme cunha cara de noxo que mesmo parecía que estabas mirando arrepiada un niño de vermes", dixo Carlos sorrindo, aínda envolto no aire radiante de felicidade que nos dominaba."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 224.

sábado, 22 de septiembre de 2018

Aínda dentro de min

"Sentíame completamente feliz, igual que se todos aqueles veráns que pasaramos en Beiro se xuntasen repentinamente nun punto de alegría concentrada, nun instante, naquel momento de fulgor que estabamos vivindo, o mesmo que se durante todos aqueles anos esstivesemos acumulando minutos, horas e días de contento para facelos estralar naquel delirio dos sentidos que acababa de estourar dentro dos nosos corpos e que agora se deslizaba pola nosa pel  co aleteo dun sono que nos invitaba a seguir deitados un ao lado do outro, con Carlos aínda dentro de min, sen dicir nada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 222.

viernes, 21 de septiembre de 2018

Na curva aquela

"...pouco máis tarde, ao chegarmos xuntos á casa de Beiro, despois de despedirse de min na porta do salón, dicíndome en voz baixa que era o home máis feliz do mundo, se metera no cuarto de baño e se pegara un tiro na cabeza. Eu aínda levaba o cheiro da súa pel nas miñas mans e no meu corpo, e aínda levaba nos oídos un eco afastado que me repetía aquelas palabras que Carlos me dixera alí, na curva aquela, ao pé das árbores que baixaban formando un bosque desde o alto de San Vitorio, cando me explicara cómo tía Mercedes sorprendera a mamá e a Leopoldo bicándose diante da ventá do salón que estaba ao lado do piano."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 220-221.

jueves, 20 de septiembre de 2018

Néboas

"Pensaba que cando chegásemos á casa de Beiro, me apetecería entrar no cuarto do limoeiro e contemplalo na caixa, sen vida, talvez para convencerme a min mesma de que era certo, de que as horas que estaba vivindo desde a madrugada anterior, cando espertei sobresaltada con aquel ruído estralante e seco que non soubera identificar, non formaba parte daquel mundo de néboas no que agora habitaba, e no que as lembranzas de tantos veráns pasados xuntos, aquelas mañás gozosas almorzando na solaina, aquelas tertulias co criado Anselmo polas noites, aqueles xantares no Carpazal, mantiñan a Carlos vivo na memoria."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 219-220.

miércoles, 19 de septiembre de 2018

Aquel anaquiño de pel

"O motor do coche de Arturo, camiño de volta, subindo de novo por aquela estrada que viñamos de percorrer, agora en dirección á casa de Beiro, soaba como unha serra que me pasaba polos dentes, e só sentía a cara suave e cálida de mamá apertada contra a miña, o único vínculo humano que naqueles momentos me permitía saber que aínda seguía no interior do coche, unida á realidade que me rodeaba a través de aquel anaquiño de pel, aquela especie de gasa que aliviaba a dolor da extensa ferida que se fora transformando o meu corpo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 219.

martes, 18 de septiembre de 2018

A porta do coche

"Pensaba que ía perder o sentido e agarrábame á cintura de Arturo coas dúas mans, e facía esforzos para non vomitar, aínda que estaba segura de que se o fixese, acabaría sentindo un alivio que desexaba desde había tempo, mesmo desde cando abrira a porta do coche de Carlos de madrugada, no patio da casa de Beiro, e notara aquel cheiro a froita podre que me producira unha dolor intensa que se fora desprazando desde a entrada do nariz ata o medio do peito."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 218.

domingo, 16 de septiembre de 2018

As miñas pálpebras, as miñas lágrimas

""Ao día seguinte pola mañá, a túa nai viu pola mesma ventá como o meu pai marchaba da casa, coa maleta na man, cara ao auto que agardaba por el no campo do Cruceiro", díxome Carlos, mentres acariciaba a miña cara e tocaba as miñas pálpebras, como se non quixese ver as miñas lágrimas."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 216.

viernes, 14 de septiembre de 2018

Sós ata a canteira

"Ao primeiro valeuse de Susa, pero cando se decatou de que a criada os acompañaba a distancia e que baixaba con eles ata o Carpazal, pero que os deixaba subir aos dous sós ata a canteira de Zas, e que ela quedaba sentada no banco da Carballleira da Fonte, alegando que lle doía un calo ao andar, puxo a mamá a bordar unha mantelería que empezara o inverno anterior.

  (...) Eu quería imaxinar a mamá como unha rapaza de dezaseis anos, intelixente e fermosa, vivindo durante moito tempo no paraíso daquela casa de Beiro, rodeada de xente que non pretendía outra cousa que facela feliz, desde a criada ata os seus pais."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 212.

domingo, 9 de septiembre de 2018

Por non variar

"De mozo viña con frecuencia por Beiro.

  Uns minutos máis tarde, cando papá dixo que se retiraba a durmir e tía Mercedes se ergueu tamén para ir á cama, mamá seguiu sentada. Acendeu un cigarro, dando a entender que non tiña présa, e preguntoulle a Carlos cómo quedaban na casa de Bóveda. "Mamá, un pouco pocha, por non variar. Papá feito un rapaz". 

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 202.

sábado, 8 de septiembre de 2018

Un cura desvergonzado

"Papá dicía que fora unha muller excepcional, chea de raza,  capaz de facer fronte ela soa a un rexemento de cabalería, e tía Mercedes, que ata entón estivera tamén en silencio, acababa de entrar na tertulia para recordar que aquela muller botara de Beiro a un cura desvergonzado."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 201-202.

jueves, 6 de septiembre de 2018

Un avión

"Tía Mercedes comentou entón que atopaba a Carlos moi tranquilo: "Chico, mesmo parece que che meteran a alma en formol". Carlos respondeulle que non se fiase, que aínda quedaba moito verán por diante e que igual se decidía a construír un avión, que el non ía consentir de ningunha maneira que Beiro se convertese xamais nun lugar aburrido. Eu mirei para el."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 199.