Mostrando entradas con la etiqueta felotextos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta felotextos. Mostrar todas las entradas

martes, 25 de febrero de 2020

"Lentitude"


LENTITUDE

e se, precisamente, o pensamento poético
non fose máis ca o pensamento do rodeo, da
contorna,
polo seu xustificado medo a queimarse,
présa do lume central
desta interminábel espera?
O libro das marxes III, edmond jabès

están.
a actitude corresponde
aos séculos. a iluminación,
ao cristal. agochan
friaxe, escavan, non se trata
de resistir senón de andar.
dependen
e transportan: material,
intempestivamente.
operan arredor da dificultade
de dicir, estenden un
xogo de panos, botan
por fóra: contra qué,
cales son as ferramentas, quén
é que tece as máscaras,
ónde o centro do poder: ese gris
que racha a norma de non falar
de cores no poema. desenvolven
as calidades da auga.
están.

(...) aquilo sobre o que cómpre preguntarse:
escribir un poema na braña,
un poema dentro da pedra: non disimular a
carga:
un poema entremetido na humidade:
cuberto de couselos, de carriza:
practicamente asolagado: interrogativo (...)
de teoría, d.s.


Daniel Salgado. “Lentitude”. Páxs. 7-8. Ed. Amastra-n-gallar. Santiago de Compostela, 2007. Edición non venal. 

domingo, 23 de febrero de 2020

"Felo"

Fotografía de Emilio Araúxo. Páxs. 8-9.


“Non é noutro sitio senón nesta máscara onde se ofrece a nós o segredo do desexo, 
e con el o segredo de toda nobreza.” (Lacan, J. Ecrits).

O aviñado de palabras.
Debaixo da máscara.

Os felinos como tótem
Na mitra.

A risa carniceira.
A morte como emblema.
Baleiro dos ollos
Miradas severas
Na ausencia de toda mirada.
Os dentes brancos para tronzarvos.
Os bigotes negros para engañarvos.

As meixelas vermellas para pareceren.

E despois o Avó.
Que avanza, ausente, soñador,
Acicalado co branco do tempo

Entre os Felos e o Vello
As miradas nin sequera se cruzan.

Uns vixían
O outro medita.

Unha cruzada?
Duns cara ó outro?
Dun cara ós outros?

Nunha repercusión  infinita
Quen devora quen?

Foi dito
Felo.

Falar.

Joseph Attié. “Felo”. Páxs. 5-6. Ed. Amastra-n-gallar. Santiago de
 Compostela, 2007. Edición non venal. 


sábado, 22 de febrero de 2020

viernes, 21 de febrero de 2020

O lobo a lúa


Para Felipe

Polas mañás elas alisaron os panos e axudáronnos
a prendelos. O can tivo que ficar no cuarto contiguo.
Elas alisaron as camisas.

        En ruta, vólvese
                                    os dentes,
cicelados co coitelo máis pequeno. Pecha os ollos
coas pestanas acariñando as meixelas vermellas

Ou os ollos abertos

                                                               berrou tamén
              eco en todo o val          Un lindeiro
                                                       desprázase un pouco

*
O lobo fala co can:

A lúa é un camiño a outro mundo.
O negro é a condición para que volva a luz.

O meu portador sabe que non se pode fiar de min, do
lobo Felipe.

*
O can quedou durmido detrás da reixa.
O lobo oulea cara unha lúa incrible na noite
chea de estrelas.

Helena Eriksson. "O lobo a lúa". Páxs. 7-8. Ed. Amastra-n-gallar. Santiago de Compostela, 2015. Edición non venal. 

miércoles, 6 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (VI)

CINZA

"Arrostra o mar a máscara do día
cun xesto azul de clara escuridade.
A chuvia entre as pupilas, a saudade
levemente marfil xunta a avreguía.

Rosma o solpor febril, queda utopía
ancorada na cinza: exhausta idade
que se perde mordaz na inmensidade,
que se agocha baleira na ardentía.

O mar esculca o vendaval vizoso.
Co paraugas da man baila inconsciente.
Do chocallo, a harmonía, o seu saloma.

Simplemente vivir, grisáceo aroma,
requente sabor doce, aínda se sente
disfrazarse en Maceda o mar vidroso."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 31. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.


martes, 5 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (V)

"Este mar inundouse de promesas
case efémeras, túrbidas, convulsas
contra os flocos das ondas intanxíbeis.
O anzol retrovisor desta hipotermia
semella da gravata a cor das ascuas.

No autobús da saudade o alento proe
coa asfixia dunha nube desangrada,
coa carauta mordaz da caramuxa.
Segue a nevar o vento e o sono morre.
Detrás da néboa o felo a voz apaga."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 27-29. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.




lunes, 4 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (IV)

"Sente a avidez dun xaramiño enfermo
golpeando das amuras o solsticio.
Podrece o tempo, absorto, na voráxine,
cara ás mitras sen luz e sen salouco
de aigas coas ás abertas, deslembradas.

Este caxato-mar xa non ten cura,
non volve guindar creba a estas coieiras
nin alpacas que agochen o infortunio,
tan só corpos comestos de gaivotas
e o salobre mentir da equidistancia."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 23-25. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.


domingo, 3 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (III)

"Carantoña: Quizáis das carballeiras,
de cruel relasca ós ollos: mans desfeitas,
adoite o mar ser fume de palloza
de eterno buligar. Nalgún entroido
outro equinoccio arrostre a madrugada."

II

A MÁCARA DO MAR

"A máscara do mar ten ollos gacios.
Un sorriso de furna cada tarde
sostén na comisura o precipicio.
O acantilado afirma a súa ollada
desminte o que pasou ás sete vagas."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 17-21. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.

sábado, 2 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (II)

"Pelicas de raposa, aigas en mitras,
brancos mouchos de endexamais regreso
cara á terra. Coa noite o val esperta
baixo as uces. No seu voar a anguria
cuberta de nostalxia e de xeada.

Treme coa dor o fustigar da orixe.
Ataviar de alamares a inconsciencia.
Núa abordaxe da cinzarra: o orballo.
Abofé que o solpor a cor camufla.
E a vaga da soidade o ardor acada."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 13-15. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.

viernes, 1 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (I)

I

RONSEL DOUTRA ARRIBADA

"Detrás da néboa o felo: abica o medo
escorrentando a ingravidez do día.
Novamente outro abismo, outra derrota:
cabelos de muller feitos sedelas
sentindo do ollomol a súa trabada.


Morno brúa o remorso entre os piornos.
Tralo tanxer a adversidade axexa.
Sen nada que escoitar voga o silencio.
Poida que sexa o son a interrogante.
É o esquital ronsel doutra arribada?"

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)

Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 9-11. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.

martes, 13 de febrero de 2018

Felo V



Manuel Garrido Silva
Manolo para os amigos
Dos que nos gabamos
De formar parte en diante
Dende que o noso amigo Emilio
Nolo  presentou
Na súa aldea de Vilardecás
É un deses felos
Quen dende hai anos
Percorren o Val de Maceda
Fan rir e chorar
Ós vellos e ós rapaces
No día do Entroido
No que os labregos son reis
Manolo é un Felo
Pero sobre todo non o digades
Pois na súa aldea de Galicia
Ninguén o debe saber


“O FELO” de Alain Jégou (poète français, 7-10-1948 Larmor-Plage; 6-5-2013)
Tradución de Emilio Araúxo.
Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2007. páx. 10. Edición non venal.