Mostrando entradas con la etiqueta Vilardebós. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vilardebós. Mostrar todas las entradas

sábado, 8 de mayo de 2021

Metáfora

 Villardevós, metáfora das miles de aldeas galegas abandonadas ao esquecemento. Manoliño, anxo do paraíso, guía pola viaxe melancólica da memoria a aqueles tempos que nunca retornarán, pero que sempre se poderán lembrar nas páxinas da obra de Silvio Santiago. Vilardebós, Caracas, Vilardevós. A felicidade da infancia enraizada na terra propia, o exilio obrigado, marchar de Vilardebós, e sumar anos que non teñen volta atrás. Só a escritura ten a chave para amosar de novo aqueles anos idealizados o resto das nosas vidas. A infancia degustada desde a distancia. Recreada desde a memoria.

Porque Vilardevós é unha idealización da Galicia rural, ou máis ben un ideal que queremos conservar todos aqueles que fomos felices no descubrimento da terra, dos ríos, das montañas, das xentes, dos animais, das lendas, do namoramento, das festas, da amizade... da esencia da vida asociada a un topónimo, cadaquén sabe o seu, cadaquén leva na súa alma o topónimo da súa infancia, no seu corazón, pero todos se identifican con Vilardevós. Vilardevós metáfora da infancia. Vilar dos bos, porque a boa xente vive eternamente nas terras dos seus antergos.

viernes, 7 de mayo de 2021

Comenzan a ensombrecer

 "... E por entre medias destas paraxens, os moitos vales do termo: Val de Meniños, Val dos Vellos, Val da Madre, Val da Marta, Val de Martiño, Val de Condiño, Val das Goteiras, Val da Costa, Val do Ferro, Val de Fental, Val de Regueiro, Val do Campo, Val dos Maios, Val de Castiñeiras, Val da Igresia, os Sete Vales...

No atardecer craro, nidio, de febreiro, dende o cumio da serra, Manoliño contempra finalmente o pobo. Alí está, aos seus pes, envolto na mesma paisaxe, ben colocado, xirando á procura do último sol coma un reló de pedra con agullas de álbores, sinalando o fin do día na esfera verde dos centeos, que comenzan a ensombrecer."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 190-191.

jueves, 6 de mayo de 2021

Melancolías

 "Manoliño arrecada máis a vista e olla somentes as terras perteñecentes ao lugar mesmo de Vilardebós. Montes, cañadas, lombeiros e ribeiras que el coñece moi ben, coa súa toponimia incrusive. Ollando pra estes sitios a súa ialma atéigase de melancolías: Por todos eles corréu e discorréu a súa infancia en pasatempos e divertimentos. Manolíño síntese neno e do seu peito deixa voar o rapaz que fora. Desvaído coma home, vese de cativo xogando e rexoubando pola Pala de Pereiros, pola Mallada, pola Casa dos Mouros, pola Touza de María Manta, pola Pedra do Tendeiro, polo Cotorrón, pola Ribeliña, polo Carqueixal, polo Campelo, pola Pedra da Golada, polas Míllaras, polo Bertolucido, pola Cabaxe da Pena, polas Barxas, polos Sueiros, polas Sínsoas, polo Campalto..."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 185-186.

lunes, 3 de mayo de 2021

Estensas lonxanías

 "Un día -non fai moitos meses- Manoliño saíu de caza co José do Ramiro. (...)

Era unha tarde crara, nidia, de febreiro. Nunca até alí tiña reparado nas estensas lonxanías, nin atinguido a grandura do municipio, nin visto dunha soia ollada as terras particulares de Vilardebós, nin descuberto aos seus pes a fermosura do pobo. Afundíu a vista no horizonte e foi xirando os seus ollos en panorámicas concéntricas. E víu, pola banda Oeste, a serra do Larouco, o alto das Estivadas, o castelo de Monterrei e o val de Chaves. Polo Noroeste e polo Norte, a serra de San Mamede, de grandes neves; a do Invernadeiro, de moitas corzas; os montes de Agudiña, de abondosa caza; as Portelas de Padornelo e Canda, dos boletíns metereolóxicos; as terras da Mezquita, onde nacéu Augusto Assia. Máis acá, as Ventas da Barreira e Riós, lugares onde se criaron Romero Cerdeiriña e García Portela, parentes de Manoliño. Polo Este, amontóanse lombeiros portugueses, dos Distritos de Braganza e Vila Real. E polo Sur, érguese o Marco da Cota, onde remata Hespaña, coma xa se sinalóu."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 188-189.

domingo, 2 de mayo de 2021

As serenatas

 "Andaba famento e esfarrapado. Un bo día regaláronlle un traxe usado de corte, que lle quedaba á medida. Saíu á rúa con el, e un veciño, ao velo, díxolle:

 -¡Benito! ¡Ai que goapo estás! Pareces o forense de Verín.

E, dende entón, o Benito foi Forense pra todo o mundo. Fai unhos meses dicíalle ao Manoliño:

-O alcume de Forense gustóume tanto, que, pra que mo siguiran chamando, botéi arreo o traxe "novo"; e desde entón, empeñéime en vestir coma os señoritos. (...)

O Forense é o xefe da mocedade de Vilardebós, e é tamén quén orgaíza as serenatas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 187.

jueves, 29 de abril de 2021

O mesmo onte que natronte

"Manoliño saíu de Vilardebós cando ía pra mozo, e voltóu a Vilardebós coidando que aínda o era. Coma outros, coma todos, Manoliño vivíu enganado polo espello. Frente ao espello atopóuse sempre o mesmo; o mesmo hoxe que onte, o mesmo onte que nantronte. Foi en Vilardebós onde se decatóu dos anos que por el pasaran.(...)

 Manoliño atopóu a Vilardebós un pouco máis vello e un pouco máis novo. Máis vello, polas casas que se caíran; máis novo, polas casas que se ergueran."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 183.

sábado, 24 de abril de 2021

O arre ou xo aristotélico

 "Manoliño non se esprica por qué o Joaquín emprega sin discernimento a técnica direita na conquista das mulleres, pois nos tempos en que o seu amigo era mozo ou ía pra mozo, os xeitos de namorar eran outros. Sin leuturas filosóficas, a mocedade de Vilardebós tamén apricaba o arre ou xo aristotélico; pero únicamente en casos de apuro, ou nas ocasións en que os limiares estaban demáis. Noutras circunstancias, non. Namoraban con estremosa cortesía, paveando con galanura, tanteando con donaire.

 Era na Fonte de Abaixo onde os mozos cortexaban ás mozas, en horas do solpor."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 171.

viernes, 23 de abril de 2021

A psicoloxía do seu pueblo

 "O Joaquín merece eso e moito máis, porque en todo o municipio de Vilardebós non hai millor home que el, nin máis servicial tampouco. E gracias tamén aos seus escritos na "Región", o nome de Vilardebós vaise conocendo en toda a provincia.

 O Joaquín é simpático e non é parvo. E máis listo do que pensa a xente, e conoce moi ben a psicoloxía do seu pueblo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 170.

jueves, 22 de abril de 2021

Non ruxía unha alma nas calles

 "Pra non dar que sospeitar, o Joaquín colléu o camiño de Vilardebós, e sentóuse onde lle parecéu que ninguén o vía. Con noite pecha, foise achegando outra vez ao pueblo. Demoróuse na entrada hasta as dez e cuarto. Entonces camiñóu dereito á casa da moza. Non ruxía unha alma nas calles.(...)

O Joaquín atopóu a porta da cociña e fuxíu coma unha centella.

-¡Non é un home! ¡Élle o demo, mi madre! ¡Teña coidado, que agora dáselle por deitarse coas mulleres! Inda mo dixeron onte en Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 168-169.

miércoles, 21 de abril de 2021

Mozas que prometen

 "Perto de Vilardebós hai ou había unha desas mozas que prometen e que ás veces, tamén dan. Esta moza aparecéu un día pola feira; o Joaquín víu que estaba boa, fíxolle as beiras e namoróuse súpetamente dela, como tiña por costume. A moza, engaiolada, deixóuse querer, e consintíu que o Joaquín a acompañase hasta o seu pueblo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 166.

martes, 20 de abril de 2021

A chegada

 "Un día, no ano 1955, chegóu da América, en viaxe de vacacións, a muller do Manoliño coa súa filla. O Joaquín, naturalmente, deu na "Región" a nota respeitiva da chegada; pero aos tres meses as viaxeiras voltaron pra as Américas. Tres anos despóis, en 1958, chegóu a Vilardebós o propio Manoliño, coa muller e coa filla. O Joaquín deu a noticia da chegada de Manoliño, con moitos detalles; mais non dixo nada do regreso da muller nin da filla."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 163-164.

lunes, 19 de abril de 2021

Parez unha cousa...

 "O Joaquín é hoxe corresponsal da "Región" de Ourense en Vilardebós. Ten moito cariño polo seu pueblo e dá noticias del a miudo.

 O Joaquín non é alto, nin baixo, nin mediano. Parez unha cousa pero é outra. Ao lado dun alto é baixo; ao lado dun baixo é alto; ao lado dun mediano, sobresai. Non ten parexa."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 163.

domingo, 18 de abril de 2021

Leiturgas

 "Un día andaba o Joaquín á procura de leiturgas pra os porcos nun lugar que lle din o Regato. En Vilardebós chaman leiturgas -e cecáis tamén nos demáis sitios-, a unhas prantas silvestres que se dan nas poulas e entre as herbas dos camiños. Teñen feitío de estrelas e hai que arrincalas a punta de coitelo. As leiturgas, o mesmo que as follas dos negrillos, misturadas con farelos son boas pra os cerdos."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 162.

sábado, 17 de abril de 2021

Abundosa

 "Joaquín González ten unha biografía interesante, abundosa en historias, amores e aventuras. É fillo do señor José o Chinita, aquel home cantor, escribente e sinsombreirista, do que xa falamos; e é irmao de Manolo González, o que se atopóu co fantasma no Souto de Santa María, do que falamos tamén. Joaquín González perteñece a unha das familias máis respetábeles e máis estimadas de Vilardebós; unha familia moi dada a cousas de igresia, inda que ao Joaquín non se lle dea tanto por eso."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 161.

viernes, 16 de abril de 2021

"Cargis palis..."

 "Manoliño sinte non pubricar eiquí o sermón; pero hai cousas que non se poden dicir. O sermón foi escrito e dito en galego, e tuvo moito éisito en Vilardebós. Comeza deste xeito:

¡TREMA A TERRA, E PIDO FOLGOS AO DEMO PRA QUE TREMAN TAMÉN AS RAÍCES DA MESMA SERRA! "Cargis palis multis i administratis nulis". Verbas de San Valentín, que traducidas ao lingoaxe do pobo polo noso gramático e filósofo Benito Culetas, quérenvos dicir: Cargas e paus levaréis moitos, pero comer non comeréis nada.(...)

Esa foi a derradeira prédica que se escoitóu en Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 157.

jueves, 15 de abril de 2021

O último enterro

 "Os carnavás de Vilardebós remataban o Miércoles de Cinsa, co Enterro da Sardiña. Nel tomaban parte os homes máis serios e responsables do lugar. Veciños que non deixaban de traballar en todo o ano, que non bromeaban con ninguén, cheos de fillos e cavilacións, participaban no Enterro coa maor seriedade.

O último enterro da sardiña que houbo en Vilardebós foi no ano 1936. Desde entón non houbo máis enterros, nin coase máis entroidos no pueblo de Manoliño".

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 155.

miércoles, 14 de abril de 2021

Un atraso

 "Queixábanse do atraso do pueblo, porque non había tranvías, nin teatros, nin cines nin cabarés, nin ascensores, nin mulatas, como na Habana. E si por un casual vían pasar ao cura, preguntaban qué era "aquelo", solprendéndose de que aínda eisistiran "esas cousas".

 De certo, Vilardebós era un atraso."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 153.

martes, 13 de abril de 2021

Chocallón

 "Manoliño non está certo si o cigarrón que viña a Vilardebós era de Laza, de Verín ou de Riós. En Vilardebós, ao cigarrón tamén se lle chama chocallón.

 Os rapaces facían maula do cigarrón, pero non se achegaban a el porque lle tiñan medo.

 O cigarrón ía dun lado pra outro correndo ao trote pra que lle ruxira ben a chocalleira."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 151-152.

lunes, 12 de abril de 2021

O entroido

 "Foi no Enterro da Sardiña, ao remate do entroido. En Vilardebós non sempre se enterróu a sardiña; mais cando se enterrou, enterróuse ben.

 O entroido en Vilardebós comenzaba cedo. Na época de Manoliño, moito antes da semán de carnavás, aparecía polas feiras o cigarrón. Chegaba co seu fargallo, os seus chocallos á cintura e o seu traxe de cores relucentes."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 151.

domingo, 11 de abril de 2021

A Fontiña

 "A Fontiña é un lugar inespricablemente enfeitizado, como xa se dixo. Manoliño non recorda que houbera acontecido eiquí nada que vala a pena, a non ser aquel rebolazo que lle deron nas pernas cando de pequeno facía de "ladrón". Pero os fillos de Vilardebós que andan polo mundo pensan na Fontiña con melancolía. Todos se lembran dela con emoción, case con devoción, coma si fora unha fonte de áugoa bendita e na súa pucharquiña foran bautizados. Pra os que viven ausentes de Vilardebós, a Fontiña ven ser o lugar sagrado do pobo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 148.