Mostrando entradas con la etiqueta rúa_hospital. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta rúa_hospital. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de abril de 2018

Púxose a escribir

"Mentres durou o movemento na Rúa do Hospital, cada vez que se escoitaba o motor dun automóbil, el erguíase a mirar desde a fiestra para ver o que pasaba, non coa ansiedade de outras veces, senón con calma e cun xesto no rostro que indicaba curiosidade, mesmo tranquilidade ou indiferencia. Á última hora da tarde púxose a escribir e deixouse de interesar polo que sucedía na rúa. (...) Con toda seguridade, a esa distancia, a miopía non lle permitiu observar que da camioneta baixaron uns quince ou vinte soldados e que se situaron en grupo, sen formación de ningún tipo, á porta do Hospital, exactamente da parte de aquí do muro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 248.

lunes, 23 de abril de 2018

Durante máis de unha hora

"Durante todo o día, pola Rúa do Hospital houbo un tránsito constante de vehículos e de xente. O gobernador civil pasou dúas veces no coche e o coronel Enríquez, acompañado por un pequeno grupo de oficiais, estivo parado no cruce do Parque, mirando o reloxo seguido, ata que chegou un turismo e saíron en dirección ó barrio da Ponte. Volveron media hora despois para dirixirse ata o Hospital, onde permaneceron durante máis de unha hora."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 247.

martes, 9 de enero de 2018

Olleiras redondas e abultadas

"Son as dez e cinco da mañá e desde que volveu da misa, hai máis de unha hora, aínda non entrou no salón para almorzar.  Viuno chegar de fronte, cando dera xa a volta da curva da Fundición e ela non escoitara os pasos que empezan a soar todos os días no momento en que el abandona o paseo de terra do Parque e se adentra no pavimento de pedra da Rúa do Hospital. Pareceulle que estaba pálido e que os ollos lle brillaban de lonxe cunha transparencia acuosa sobre o fondo moura dunhas olleiras redondas e abultadas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 73.

viernes, 17 de noviembre de 2017

Os seus pasos

"Así ata volver á casa. Regresa pola Rúa de Santo Domingo e atravesa o Parque desviándose catro ou cinco metros do camiño lateral por mor de evitar a lama que se forma no paseo do fondo. Despois colle pola parte dereita da Rúa do Hospital e camiña durante cinco minutos pegado ó muro de coios da Fundición. É o momento en que ela empeza a escoitar os seus pasos.

  O primeiros soa aínda un pouco lonxano e débil, pero os seguintes chegan xa moi claros ata a habitación onde ela se atopa observando desde hai máis de media hora, escondida detrás dos cristais da porta branca que dá ó balcón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx.12.