Mostrando entradas con la etiqueta caracochas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta caracochas. Mostrar todas las entradas

domingo, 26 de noviembre de 2017

Por un incendio

"El mesmo agarrou a este último pola camisa, púxoo de pé e marchou con el, case ás arrastras, cara ó interior do cuartel.

  A casa en ruínas onde se fixeron fortes os atracadores vén fotografada no periódico. Tal como aparece, enfocada desde a esplanada traseira do cuartel, probablemente desde o alto do muro que separa a cantina dos soldados do camiño que sobe ó Monte das Caracochas, puidera pasar por unha casa destruída por un incendio, como dixeron onte na radio e como se repite hoxe no xornal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 17.

domingo, 19 de noviembre de 2017

Non foi un incendio

"Pero el sabe, como sabe todo o mundo, aínda que non transcorreu moito tempo desde que concluíu o suceso, que non foi un incendio, senón un asalto ó cuartel de San Francisco, situado nas inmediacións da praza, e que os asaltantes non eran atracadores, senón membros dunha banda guerrilleira, a catro dos cales mataron a tiros na casa onde se fixeron fortes, no camiño que vai ó Monte das Caracochas. Ademais de que os mortos non son dous, senón sete, entre eles un cabo artilleiro e dous soldados."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 13.

sábado, 31 de diciembre de 2016

Os bicos e as palabras dos dous amantes

"-Si ó castelo... porque eu non son xudío; eu son o fillo dos condes das Curuxeiras e do castelo dese nome que está en Zaín... Un día namoreime de ti e como sabía que non me habías querer, finxinme xudío... Pro hoxe, hoxe que te veño buscar, quero que sepias o que sabrías antes si as circunstancias non o impedisen. (...)

  Estonces foi cando comprendeu o peligro horroroso e inevitabre, e cheo de desesperación pideu socorro. Achábase no Barrocás.

  Hoxe onde solo se ven cenagosos lameiros atravesados por un pequeno regato, había noutros tempos unha lagorza de barro tan brando, que calquera cabeza de gando que atraído pola fresca herba, se metese alí, fundíase e quedaba atuado.

  Dempois, ou fose porque aquel rego topase salida ou por outra casusa calquera, o terreo foise endurecendo e poñéndose como está hoxe.

  Pois ben, alí foi onde o cabalo de Ifraín se meteu, quedando atuado astra as cinchas. (...)

  Estonces foi cando apareceu Ismael, que ó ver á que máis amaba nos brazos doutro, cheo de celos e ansioso de venganzas, olvidando o peligro que corría, lanzouse ó pantano pra separar ós dous amantes, pro desapareceu no movedizo chan ó mesmo tempo que este cobría a Ifraín e Lía.

  Hoxe cando os labregos oien soar o vento nas Caracochas, din que é Ismael que brúa coa rábea, e no marmurio dos regos e no parolar dos álbores creen ouvir os bicos e as palabras dos dous amantes."

Heraclio Pérez Placer.“Os dous bicos”. Publicado en O Tío Marcos da Portela, Ourense, Parrafeo 185, páxs. 1-2 (19/6/1887). Recollido, posteriormente, no ano 1998 en Obra narrativa en galego de Heraclio Pérez Placer, edición de Mª Isabel Soto López, Colección Narrativa Recuperada, editada polo Centro Ramón Piñeiro da Xunta de Galicia, páxs. 537-545.