Mostrando entradas con la etiqueta avda portugal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta avda portugal. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de noviembre de 2020

As sombras das balconadas

 "Vestinme con calma e saín á rúa. Merquei tabaco para unha semana e botei un pito sentado nun banco da Praza do Couto. Tiña ganas de dar voltas sen rumbo fixo. Alcancei a Avenida de Portugal e agatuñei polo Camiño do Lobishome ata a Rampa de Sas. A rateira aburríase deitada no colo fervido do Monte Alegre. (...) Descendín ata a Fonte do Bispo e dirixinme ao centro da cidade por Portocarreiro. Soportábase a temperatura se un tiña a precaución de camiñar a modo, aproveitando as sombras das balconadas. No casco vello a pedra convocaba sensacións térmicas moito máis agradables. Algúns compradores satisfeitos e moi morenos saían dos comercios de Santo Domingo coas mans cheas de bolsas. Corría un airiño que ata prestaba, mais era probable que en menos dun mes a cidade estivera outra vez chea de frío."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes.  Ed. Xerais, 2006. Páx. 197.

domingo, 4 de octubre de 2020

Montado o espectáculo

 "Tiña razóns para concentrarme noutros problemas. No cruzamento entre Ervedelo e a Avenida de Portugal xa estaba montado o espectáculo. Varios veciños concentráranse cortando o acceso dos vehículos ao barrio. "GIA asasinos, GIA asasinos." Fronte a eles, unha numerosa recua de rapazolos duns vinte anos portaban unha pancarta a favor da autoderteminación."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 132.

domingo, 10 de abril de 2016

Morrer de morte morrida

"Despois perdín o sentido. Por momentos despertaba a un doloroso duermevela, baqueteado polas revoltas que a Tina collía con volantazos bruscos, ata que rompeu o día, xa nos arrabaldos de Ourense. Subín a gatas as escaleiras escuras dunha casa mísera, que despois souben situada na Avenida de Portugal, e cando cheguei a unha cama dispúxenme a morrer en paz. Non sei polo que, teño a cisma de morrer de morte morrida, ben acochado no leito, e non en calquera esquina coma un can adoecido. Pero a cousa non foi por aí."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.25

domingo, 20 de diciembre de 2015

Zigzagueando

"Non me quedaba outra opción. O seguinte destino conducíame á casa de Silvia Puga, se é que non me recibían a balazos.  Acelerei a fondo por Ervedelo e a piques estiven de levar por diante un operario do servizo de limpeza, que traballaba no acondicionamento da zona, aínda coas secuelas da festa independentista.  O fulano dedicoume xenerosas faltadas, todas moi comprensibles agás á que se referiu á miña potencia sexual, pouco decorosa. Derrapei e fun dar de cu cunha sucursal bancaria da Avenida de Portugal. Avancei en dirección prohibida ata o Progreso, zigzagueando entre os coches, e pisei a fondo ata o Posío."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.153

miércoles, 21 de octubre de 2015

Mexo de gato sen pretensións

"A choiva, esta vez un mexo de gato sen pretensións, todo pingolexo, obrigoume a forzar o paso cara á Avenida de Portugal, así que abandonei a posibilidade de determe nas ribeiras do Barbaña para procurar algunha solución coa que enganarme e manter o pensamento aletargado."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.47