Mostrando entradas con la etiqueta arrasadeira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta arrasadeira. Mostrar todas las entradas

viernes, 9 de mayo de 2014

Sin xiquer sentir a cacholada




"Non sabía como era quen pra correr e brincar de tal xeito, sin xiquer sentir a cacholada. Nun intre de nada, xa me vin beira do río, frente ó cachón da aceia vella, cos berros do home moi perto, coasi enriba de min. (...) Seguín a traveso dos castiñeiros de Peliquín, avantei por enriba de Oira, ó lonxe víase Cudeiro, que non sei como o podía ver na noite pecha... Xa non se ouvían os homes nin os cas, que ben se estaba... Somelloume estar deitado. Caíame o suor polas fazulas e pingábame do narís; un suor quente e mesto que se metía nos beizos e seguía correndo...”


Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 23

jueves, 8 de mayo de 2014

Maña ás nove



“ –Cala home... Ti vas a par de min i apañas os figos embaixo, que tamén isto ten seu aquel, xa che direi como has facer. Xuntámonos mañá ás nove, na Alameda do Cruceiro, que a isa hora xa están ceando.”


Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 20

miércoles, 7 de mayo de 2014

Non che convén



“Un día fun e díxenlle a Pepe o Roxo (que era fillo do señor Pepe o Roxo, que tiña banquilla de zapateiro na Fonte Nova) que por que non me levaba a unha arrasadeira. No xeito con que me considerou, fitándome de enriba a abaixo, deprocateime que, anque me quería ben, non me vía moi cabal pró asunto.

  -Non che convén. Vanche rifar na casa. Moitas veces esgázase o pantalón i esfólanse os zapatos ou pérdense as zapatillas.”

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 19

martes, 6 de mayo de 2014

Un obrigado de cornetín


“Un día, nas festas do Corpus, atináronlle cun cantazo ó Collombao no istrumento, cando estaba a botar un obrigado de cornetín no concerto da banda (con todo o quiosco arrodeado de pasmós) que din que os botaba moi ben.”

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 19

lunes, 5 de mayo de 2014

Ledos, destemidos...

"Eu -contábame Toniño Cobas- nunca fora ás arrasadeiras. Ía ós morogos, ás cirolas bravas, ás cereixas da carretera, que se dan de seu e que non son de ninguén. Pro non ía ás arrasadeiras porque os que ían non me chamaban; i os rapaces que eu trataba non eran dos que ían de noite a roubar uvas, peras, mazás, pexegos, ananos ou o que caíse, asegún o tempo. Os que andaban comigo e viñan á miña casa, falaban mal diles pro tíñalles envexa.

  Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me somellaban ruís, pro eran eisí, i eu tíñalles envexa.

  Coñecíaos dabondo e trataba a algús. Ás vegadas, na Alameda, cando tocaba a música de tropa, chamábanme aparte (iles non entraban no paseio do medio, que era o do señorío) e dábanme de todo; enchíanme os petos; metíanme entre corpo i a brusa recimos inteiros que se me apegaban ó coiro. Tanto que, ás veces, tiña que deixar o paseio (e logo dar disculpas e mintir) pra me baleirar de tanto que me daban e que non daba comido."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 17

sábado, 3 de mayo de 2014

"A arrasadeira" II

"O texto consta de catro partes: reflexión e presentación temática; proposta de aventura e a súa aceptación; desenvolvemento; desenlace. Contado nun tono de confidencialidade, o narrador mostra o seu malestar polas obrigas impostas ós rapaces da súa clase social, mentras que os outros gozan de liberdade para facer moitas cousas que eles teñan prohibidas. Blanco-Amor contrapón con sutileza o mundo unitario, visto por un neno, e o mundo regulamentado dos adultos, ordenado en función dos prexuícios ideolóxicos. O personaxe é víctima dunha educación autoritaria, condenado ó aburrimento e baixo a intromisión constante e severo control dos maiores, fronte a aqueles outros que medran na rúa escachando cristais e xogando "a la jota justicia".

  Neste relato encontramos semellanzas con outros textos do autor; o asalto ó espacio acoutado e os tiros de escopeta son moi parecidos ós que encontramos en A esmorga, cando os esmorguistas entran no xardín de Andrada:

            E foi cando esboiraron dous disparos arreos, tan pertos de min que vin as chispas
          por enriba da testa e sentín o ár quente no carrolo. Os fogonazos alumaron como
         lóstregos as figueiras e caironme follas enriba.
                                                                                               Os Biosbardos, páx. 19

viernes, 2 de mayo de 2014

"A arrasadeira" I

"No relato titulado "A arrasadeira", un rapaz do señorío  quere ir a unha arrasadeira e pídelle a Pepe o Roxo, xefe dunha pandilla, que o deixen ir con eles. Despois de moitas deliberacións por parte destes, é admitido na aventura. Unha noite, aproveitando a ausencia dos pais,  van roubar os figos á horta do Abade das vellas. Despois de saltar o muro da finca, agardan a que os habitantes da casa se deiten. Logo agatuñan todos ás árbores, menos el, que obedecendo as intruccións de Pepe, recolle os figos nunha saqueta. De súpeto, dous tiros rasgan o silencio da noite e os rapaces saen zoando. Na fuxida, o protagonista bate coa cabeza contra o muro.  Cando recobra o sentido, está arrodeado por dúas vellas e dous homes que falan entre si. Ó pé do ferido montan unha discusión sobre a identidade do rapaz descalabrado. As vellas non dan creto a que sexa "o máis novo de dona Felicitas". O xuízo do home da carabina, que di que non se debían facer distincións en cousas de rapaces, foi o que o reconfortou."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páx. 101-102