Mostrando entradas con la etiqueta plubia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta plubia. Mostrar todas las entradas

sábado, 19 de marzo de 2016

NegrAuria

Persiana na rúa Estrela co símbolo dos Suaves

NegrAuria: Barrio da urbe de Auria na que acontecen os máis graves feitos delictivos e criminais da cidade. Tamén se coñece entre os seus moradores como Aurianegra.

viernes, 18 de marzo de 2016

"Viaxar a lánsbrica"

Viaxar á Lánsbrica supón viaxar a inocencia, lembrar aqueles tempos da adolescencia na que todo era posible, atravesar o tempo caendo por unha fenda da antigüidade, aparecer no inicio dos tempos, e en compaña dun xigante amigo percorrer a historia da nosa terra, convivindo coa xente que nos precedeu; pero viaxar á Lánsbrica  supón tamén viaxar a inocencia da literatura, a aqueles tempos iniciais nas que o lexendario formaba parte das propias xentes, nas que o contar unha simple historia formaba parte da esencia da humanidade, da súa esencia máis artística. E todo iso recorrendo as terras próximas da futura Auria, e as súas verbas...

“Viaxar a lánsbrica”: expresión auriense que tanto indica indagar na historia da nosa provincia como recuperar lendas, contos e tradicións dos nosos antergos.

                                                                                                   Plubia

domingo, 1 de noviembre de 2015

Visita ao cemiterio de S. Francisco



Era a finais de xaneiro cando a granítica Auria diluíuse nun líquido pluvial que viaxou ao fondo estixio dunha antiquísima cidade dominada por verbas do pasado,  por rostros rexuvenecidos, por amores que contribuían a derreter aínda máis a pétrea cidade: ese día viaxei á cidade dos mortos, a ese lugar silencioso que parece estar no alto dun monte alegre pero que nembargante está debaixo de cada paso que dou mentres recorro a túa cidade. Todos os habitantes de Auria de todos os tempos  míranme, obsérvanme e pregúntanse quen é este individuo que prefire pasar unha tarde de sábado con eles, cadavéricos aurienses, antes que coas fermosas pero efémeras rosas que se ocultan tras o río do inverno. Recorro sendeiros, observo tumbas, imaxino rostros,  gozo de belezas cadavéricas pero non atopo a quen busco: Blanco-Amor, Valente; tan só Pedraio me saúda. Ninguén sabe deles... estarán a escribir afogados nas estixias augas. Blanco-Amor e Valente  decidiron viaxar unha vez máis a mundos ignotos aos que só se pode acceder mediante  ríos de tinta que brotan das Burgas cando o frío da noite nubra a mirada dos elixidos.

                                                                             Plubia

  ( Media noite do sábado 25 de xaneiro de 2014, no Tragaluz, rúa Tendas,11, despois de ter visitado o cemiterio de San Francisco, en Auria)


jueves, 1 de enero de 2015

As cidades ocultas, 6 (As cidades líquidas, 1)


Auria é unha cidade secreta, oculta na memoria do tempo, perdida no mar dalgún punto da historia, porque Auria é unha cidade líquida e atemporal. Atemporal porque nela non existen os reloxos, nin os almanaques, nela conflúen viaxeiros procedentes de tódolos tempos, do pasado, do presente e tamén do futuro. Pero é sobre todo unha cidade líquida que abandonou xa hai moito tempo a súa condición de cidade mariña para buscar refuxio nalgún recuncho (lugar agachado) da terra, pero sen perder nunca a súa condición líquida, e converteuse para sempre nun verdadeiro oasis do pensamento ao que chegan viaxeiros procedentes de tódolos lugares do mundo, e da historia, na procura dese paraíso (lugar) no que ficar para sempre mesturado coas súas xentes e coa memoria de todos aqueles que algún día tiveron a fortuna de poder visitar os seus restos e transitar polas súas veas.

Para chegar a Auria o viaxeiro debe camiñar durante longo tempo pola súa imaxinación ata dar con algunha das líquidas portas que conducen ata ela, calquera pode chegar ata alí, só é  necesario desexalo. Hai entradas desde o presente, o pasado e o futuro. Hai camiños de augas quentes que proceden das raíces máis fondas da historia, xentes procedentes do pasado que deciden voltar algún día ao paraíso da súa infancia, ou aos vellos currunchos do seu primeiro amor nos que baixo o acuático luar recibiron o seu primeiro bico e descubriron por primeira vez os camiños que recorren a pel, mortos que nunca visitaron Auria e deciden que xa chegou a hora de coñecela. Por iso en calquera lugar de Auria podes atoparte de súpeto unha nova fonte de auga fervendo que xurde do máis profundo da terra, (de ningures.)

Pero se o habitante de Auria prefire ver camiñantes que proceden do futuro non ten máis que achegarse a unha das múltiples pontes que cruzan os  seus ríos. Polas súas augas, procedentes non se sabe de que lugares, aínda inexistentes e de tempos aínda sen contabilizar chegan seres estraños na súa forma de vestir, nos seus costumes, na súa forma de falar… pero en Auria ninguén é estranxeiro e segundo cruzan por debaixo da última ponte as súas roupas, os seus hábitos, as súas palabras xa forman parte do uso común de tódolos seus habitantes (aurienses).

Finalmente, quen queira aproximarse a Auria desde o momento presente só ten que mirar o ceo, esperar que chova e ser capaz de seguir toda a traxectoria que esas nubes veñen de recorrer xa que toda a chuvia do mundo nace en Auria, nas súas fontes de augas ferventes, e logo espállase polo mundo enteiro.

Pero a viaxe a Auria sería incompleta se ao chegar alí rematara o camiño, porque Auria non é mais que o inicio a novas soñadas viaxes, de amizade, de amor, de soidade… en compaña de novos, vellos e futuros amigos, e para isto só necesitamos baixar as súas plutónicas tabernas e saborear a súa poción máxica: o viño.

Tradución ao galego dun relato pertencente a un manuscrito, atopado no Bar Ludeiros (rúa Prado Lameiro-Ourense) a principios da década dos 80 do século pasado, escrito en italiano, co título “Le citta invisibile”, asinado por un tal Italo Calvino, co título As cidades ocultas, 6 (aínda que debaixo deste título, tachado, aparece: As cidades líquidas,1). Trátase do último relato do manuscrito.

Tradución de Plubia. Manteñénse as variantes recollidas no orixinal.

viernes, 5 de septiembre de 2014

Imaxinando a Nicanor en Auria

Nicanor Parra escribía
 " el hombre imaginario
vive en una mansión imaginaria
rodeada de árboles imaginarios
a la orilla de un río imaginario"
mentras cruzaba unha ponte vella imaxinaria
que cruzaba un río miño imaxinario
nunha cidade soñada chamada auria
mentras soñaba un home imaxinario
nunha cidade imaxinaria
que cruzaba un río imaxinario

Plubia, inédito

Nicanor Parra cumpriu cen anos o 5 de setembro de 2014
Nacera, cen anos antes, en San Fabián de Alico, Chile

sábado, 12 de abril de 2014

O armazón narrativo de Los Miedos



A terceira novela de Eduardo Blanco Amor, Los Miedos (1963, ed. Destino) presenta varias das constantes da súa narrativa: primeira persoa, punto de vista infantil, mundo/preocupacións infantís, presenza de Auria, ausencia da figura paterna... pero como novidade narrativa destaca unha orixinal armazón na que  se inscribe a historia. Xa o discurso da súa obra anterior, tanto no inicio como no final, fixaba unha arquitectura determinada que acollía o diálogo dos protagonistas. Na súa novela Los Miedos repite esquema pero con grandes diferenzas.

No caso de A Esmorga ese manto narrativo que arroupaba o peregrinar dos personaxes pretendía contribuír á veracidade da historia  e a explicar o desenlace.

Nembargante no caso que nos ocupa trátase máis ben dun xogo literario, buscando mergullarse nunha determinada tradición literaria, o que aproveita para dar certas pinceladas de teoría narrativa.

O texto ábrese cunha “Advertencia” de seis páxinas, separada en catro bloques, e asinada en Buenos Aires, 1961, na que o autor-corrector, profesor particular de literatura, escribe un prólogo no que conta como recibe un encargo dalgúns pais dos seus alumnos: que revise e corrixa unha novela inédita atopada entre distintos papeis da autoría dun amigo deles, Pedro Pablo de Valdouro, que vén de suicidarse aos trinta e dous anos. 

domingo, 6 de abril de 2014

Leopoldo María Panero nunca estivo en Auria

Leopoldo maría panero
nunca viviu
no psiquiátrico de toén
nunca
A súa cordura non compartiu
pensamentos
cos tolos máis tolos de auria
Leopoldo
nunca fornicou na burga
nunca
María nunca foi sodomizado
polo milhomes
Nunca panero
exaculou no cemiterio
de san francisco
porque el prefire ser cinza
que penetra os mundos irracionais
os mundos subterráneos dos soñadores
auga quente na mente
Nunca
Sempre
auria segue a esperar por ti
Acto poético

Plubia, inédito

Leopoldo María Panero (Madrid, 16 de xuño de 1948 - As Palmas de Gran Canaria, 5 de marzo de 2014)