Mostrando entradas con la etiqueta igrexa_franciscanos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta igrexa_franciscanos. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de septiembre de 2017

Cheiro a chamosco

"Despertóuno un badelar soliviantado de campás. Desde a igrexa de San Francisco tocaban a incendio. Incorporouse axiña e foi mirar pola fiestra. Non víu nada. Dirixíuse ao despacho. Desde alí puido contemplar unha fumata espesa que se erguía imponente desde o barrio extramuros de Vilachá. Ardía o Cine Barbagelatta. As enormes chamas saltaban por riba das chouzas.Unha multitude xesticulante e nerviosa movíase de aquí para alá, correndo dun lado para outro con caldeiros de auga e basoiras na man. O cheiro a chamosco chegaba hasta alí. Ilustrísima retirouse."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 118-119.

jueves, 17 de agosto de 2017

O viaxe de volta

"Ilustrísima ergueuse entón e dirixíuse cara a porta para evitar a aglomeración do final. Agardou alí de pé a que rematara a función e despóis, coa gorra ben metida hasta as orellas, iniciou o viaxe de volta. Marchou por onde viñera. Ao pasar por diante da igrexa dos franciscanos non puido evitar o xesto casi mecánico de santigarse. Mirou para os lados para cerciorarse de que non fora descuberto e coas mans metidas nos petos perdeuse na escuridade protectora da Rúa dos Paxaros.

  Xa en Palacio, mentres tomaba notas sobre o que viña de ver, aínda coa emoción nos ollos e no peitos, sentíu que o fuxido apetito anunciaba a sua chegada de xeito violento e imperioso. Dispoña dun par de libras de chocolate, pero ao día seguinte tiña que misar."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 58.