Mostrando entradas con la etiqueta aldea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aldea. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de abril de 2018

Primeiros rastros de melancolía

"Para comezar, que se atopaba na aldea, onde a vida conservaba o sabor auténtico da tradición máis verdadeira, anunciaba que ía pasar a tarde traballando na horta, un costume que asociaba máis facilmente con Mesopotamia que con Atenas.

  Ese optimismo manteríase nos seus escritos aínda por moito tempo. Pasarían anos desde aquela, ata que se empezaran a notar os primeiros rastros de melancolía na colaboración diaria do xornal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 231.

viernes, 6 de abril de 2018

Naquel lugar apartado do mundo

"Fora alí mesmo, sentados sobre aquela laxe en forma de roda, onde el lle dixera unha vez, había xa moitos anos, que estaría disposto a deixalo todo, o encanto da cidade e os amigos, para vivir naquel lugar apartado do mundo, só con ela, cos papeis e os libros, pechado durante horas na biblioteca da torre e escoitándoa tocar o piano no salón ou xogando cos nenos na horta. (...) Entón el facía aqueles proxectos para instalarse na aldea, unha perspectiva que non lle producía entusiasmo, pero que xulgaba necesaria."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 216.

jueves, 15 de marzo de 2018

Á espreita

"recibiron a visita dunha persoa importante que viña de Asturias e que traía o encargo de pedirlles que nos próximos meses se mantivera á espreita, dedicando o tempo á organización e á recreación de apoio nas aldeas e que evitasen calquera confrontación de tipo militar, a non ser aquelas que se considerasen estrictamente necesarias por motivos de seguridade. Non todos estiveron de acordo con estas medidas, xa que Celestino Cabezas era partidario de accións contundentes, como o asalto ó Goberno Civil, que propuxo en varias ocasións, pero que Raúl rechazou por consideralo demasiado arriscado, sen moitas posibilidades de coller o gobernador dentro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 176.