Mostrando entradas con la etiqueta tren. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tren. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de junio de 2020

Na chegada a Serenou da última locomotora

"A compañía francesa dispón un fino refrixerio nun fermoso pabellón."

Ramón Otero Pedrayo

"Velaí vén, velaí vén tan houpada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo, 
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de Ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos,
mais vén a fartura
¡E a luz e o progreso!

Manuel Curros Enríquez 


Millor baixarse aquí,
                              Nosa Señora.

O gran safari
resultou mentira.

Estivo ben o trailer.

                O resto


Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 59.

lunes, 9 de junio de 2014

O asubío do tren

"A min dábame moita tristura o asubío do tren. Cando era no bo tempo duraba pouco, pasaba rachando o ar como un paxaro. Pro no tempo das chuvias perdurabres, ía e viña por sóber de nós, arredor de nós, estarricándose, subindo e baixando por enriba dos nubeiros, mergullado nos profundos da terra, rolando polas canles do sangue noso. Era un laído rondo, axordado, ouveado que metía a pena no corazón. Alonxábase, facíase mol, i o tren arrastrábao após de si como un pano longo, como un fumo vagantío, até desaparecer. Entón o silencio debruzábase outravolta en col da cibdá e tornaba a ouvirse máis rexo e seguido o escachar da chuvia nos teitos, i o vomitar dos canos nas lousas das rúas. Con todo, o asubío do tren era como unha escampadela, e cando se deixaba de ouvir somellaba que chovía máis arreo, con raiba aínda maor.

  Dun xeito ou de outro, eu sempre estaba agardando o asubío do tren, aínda sendo triste, como si fose unha carta leda de algúen, como unha nova que chegaba de lonxe, como un aceno que pasaba chamándome, que fuxía de aquela cibdá, de aquela esterqueira, solagada baixo a iauga dos ceios."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O encalatro", páx.37