Mostrando entradas con la etiqueta pé_das_burgas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pé_das_burgas. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de septiembre de 2015

Luz de lámpada rosa

"Este que tendes nas vosas maos é un libro de grande importancia na historia da prosa narrativa galega. Desde a súa primeira edición, no ano 1896, gracia á iniciativa de Andrés Martínez Salazar, até o día de hoxe no que ve de novo a luz mercede ao interese de Luis Mariño, ninguén pensou en reeditalo e os seus leitores, coido que moi escasos, reclutáronse ao longo destes longos noventa e un anos, entre os cursidosos visitantes de bibliotecas públicas que, aínda hoxe, constitúen o cativo clube dos coñecedores e amadores da nosa literatura contemporánea.

  É, pois, unha boa noticia a aparición da segunda edición de Pe das Burgas."

X.L. Méndez Ferrín, "Luz de lámpada rosa", introducción a Pe das Burgas, de Francisco Álvarez de Nóvoa, ed. Xerais, 1988, (2ª edición do libro)

domingo, 6 de septiembre de 2015

Pé das Burgas: edicións

Existen as seguintes edicións da obra Pé das Burgas de Francisco Álvarez de Nóvoa:

- 1896: 1ª edición. Publicado por Andrés Martínez Salazar na Biblioteca Gallega, A Coruña.

- 1988: Edicións Xerais de Galicia, "Clásicos Galegos". Con Introducción de Xosé Luis Méndez Ferrín: "Luz de lámpada rosa". Edición e notas de Valentín Arias. (Inclúe por primeira vez o relato "A Goleta"; escrito orixinalmente en castelán e traducido por Heraclio Pérez Placer que o publicou no seu libro "Contos da terriña"-1895)

-1992: Dous tomos. Editorial Grupo ACSA-Diario 16 de Galicia. "Biblioteca de Autores Galegos" nº: 74-75. (Falta o relato "Paisaxe" e "A Goleta")

-2002: Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia, nº: 120 (Utiliza os textos da edición de 1988)

Edición de 1896
Edición de 1988
1992
2002

sábado, 5 de septiembre de 2015

O seu paraíso

"Nas horas de cuarto, só, na infinita soidade das noites no mar, cando tódolos ruídos teñen indefinibles melancolías, e ás veces, a obencadura e o mar xemen caladas tristezas, entón, a forza do pensamento arrincaba das campías ourensás o anaco aquel, o seu paraíso, e o tempo voaba lixeiro coma unha  sombra: só o bandazo que lle anunciaba o torto rumbo, o mal cinguido vento, o arrincaba daquela dorosa abstracción."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O Paraíso", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.125-126

viernes, 4 de septiembre de 2015

Baixo o ceo abrasador

"Namoráronse; si: quixéronse con ese cariño louco, ardente, poético, dos primeiros amores; quixéronse con ese cariño apaixonado, concibible só nos grandes corazóns, só sentido baixo o ceo abrasador de Ourense, entre a vexetación tropical da terra privilexiada.

(...) Chimpábanse no río nas horas da sesta, case espidos, sen que nas fazulas dela rosase a vergonza..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O Paraíso", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.122-123

jueves, 3 de septiembre de 2015

Unha desas tardes ardentes, abafantes

"Atopáronse unha  desas tardes ardentes, abafantes, do estío ourensán: el ía pola conca do case seco regato perseguindo un merlo troiteiro que ferira coa escopeta; ela, créndose soa baixo o túnel de ameneiros e sanguiños que medraban na ribeira, xogaba cuns parruliños novos, espida ata ás nádegas, solto o xustillo, descubertos os brancos peitos, batuxando na auga coma unha rapaciña fuxida da escola. Os dous puxéronse máis vermellos cós morodos: ela, de vergonza; el, de desexo. Os labios non falaron: os corazóns berraban; a fatalidade riuse."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O Paraíso", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.121

miércoles, 2 de septiembre de 2015

Díxenlle eu e díxome ela

"Pero máis gracioso era oírlle conta-las conversas que tiña coas rapazas, cando as namoraba:
  "Pois atopeina no camiño de Moreiras e... dixenlle eu:
  -¿Onde vas? -e respondeume ela-: Vou ás Airas. -E díxenlle eu-: ¿E logo a que vas ás Airas? -E díxome ela-: Vou levar estes lacóns ó crego. -E díxenlle eu-: ¿E de quen son os lacóns? -E díxome ela-: Son do señor Bertolo."

  E sempre co "díxenlle eu e díxome ela" dediante, estaba dúas horas para lle non dicir nada."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "¡Tanto ten!", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.119

("As Airas" é un lugar da parroquia de "Moreiras" no concello de Toén-Ourense)

martes, 1 de septiembre de 2015

Lambendo os coiñais

"Cando saíu de alí, pestanexaban algunhas estrelas no limpo ceo, a lúa clarexaba o cume da montaña, e de lonxe chegaban rouseos de carros, queixumes dos pinos, cantos de ras e apagados ecos do Miño lambendo os coiñais."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Redimido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.116

lunes, 31 de agosto de 2015

Pé do Miño

"Lembrábase da febre con que percorrera a plataforma da torre; os tristes e melancólicos sosegos baixo as caracochas, as contemplativas vaguedades pé do Miño, e os terrores da sala de respeto, cando vía os carcomidos retratos dos avós destacarse máis sombríos, máis ameazadores, como se quixesen fundilo na espesa capa de po e balor amontoada nos marcos dos lenzos."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Redimido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.112

domingo, 30 de agosto de 2015

Pé da torre

"...porque o lance que motiva estas liñas ocorreume en Xinzo.

  Saímos para alá ó outro día ben humorados e contentos, atopamos no camiño bos compañeiros que agardaban por nós, e xuntos pasamos pé da torre de Sandiás que reflexa a triste e venerable silueta nas desertas e mortas augas da lagoa de Antela."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

sábado, 29 de agosto de 2015

Ás risoñas paisaxes da campía ourensá

"Ás risoñas paisaxes da campía ourensá, sucederon as arideces da serra, ata escomenza-la baixada e ve-la prateada cintna do Arnoia, bicando ós pés de Allariz, que coas súas vellas casas de pedra renegrida, en costa, e o seu antigo convento, ten ese aspecto señorial e severo das vilas nas que se refuxiaba a fidalguía do contorno."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

viernes, 28 de agosto de 2015

Estrada adiante

"Estrada adiante, botamos un taco en Taboadela, subímo-la costa á pé polo interminable atallo que, segundo o que tocaba a frauta, parecía o maxín de certo picapreitos, polo engrilada e sen fin, e chegamos ó alto renegantes e sudosos, abafados de calor que a fresca brisa da montaña foi atemprando."


Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

jueves, 27 de agosto de 2015

A corre-lo Entroido

"Eramos uns corenta rapaces os que aquela mañá de Febreiro collemos pouco menos que por asalto catro coches, dispostos a corre-lo Entroido polas vilas da provincia. A maioría preparábase a non deixar san un corazón de quince primaveras, tales a certifica-la bondade de tódolos viños, outros a escorrentar ou esquencer un momento as súas coitas ou as súas perpetuas amarguras; todos alegres, ditosos, animados, pensado nas cintas e lazos que á volta lucirían polas rúas de Ourense adiante, como trofeos de conquista.

  Estralaron as trallas, xemeron os coches, cantaron uns, tocaron outros guitarras, bandurrias ou pandeiros, e botamos para adiante, camiño de Allariz."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.102

miércoles, 26 de agosto de 2015

Ós escuros pozos de abaixo

"Da outra orela, algunha mancha cor de rosa; e nos currunchos das valgadas vense ondulacións da auga, coma se as máis tímidas se escondesen alí para batuxar no río sen estorbo de lenzos...

  E por todas partes o espacio énchese de alegres barulladas, de ruído de chapoteos que leva o río do ouro en caladas ondas ós escuros pozos de abaixo, onde a auga negra, escura, garda silencios de morte, insondables fondos que reflexan as ríxidas siluetas dos penedos coma aterradoras pantasmas, e non se oe barullada de rapaces, nin chega o sol, nin o río reflexa carís de graxos, encantos de muller, nin cores de follatería."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.86

martes, 25 de agosto de 2015

Pela de manteiga

"Entre as fochas dos penedos vense relumbrar ollos outeadores de descoidos, e elas, créndose soas, deixan asomar tal ou cal branca pela de manteiga que a luz viva irisa de nacre, algunha perna de tentadoras liñas, ou algo máis que derrete ós curiosos ocultos.

  Ás veces descóbrenos, e ármase un barullo do deño, córrenos á croiazo limpo, berran, insultan, rifan e pouco despois volven eles a paso de lobo ás andadas."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.86

lunes, 24 de agosto de 2015

Nas orelas, veñen os xogos

"Despois, nas orelas, veñen os xogos: bótanse a auga a presas, lévanse a barbacán, cóllense polas pernas, danse fortes e doídas azoutas, os desprevenidos toman duchas, os pequenos choran e os grandes rin; pero todo cheo de barullo, de berros, de frescura.

  Polo arco maior vese, río arriba, o coiñal do pozo de San Xoán, cheo tamén de rapazalladas, e, máis acá, o baño das mulleres, un formigueiro de rapazas, de túnicas escuras nas que destacan as brancas sabas: alí abouxan os berros das medoñentas e os choriqueos dos pequeniños."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85-86

domingo, 23 de agosto de 2015

Un feixe de rapazallada miúda

"Máis alá, o sol ilumina un feixe de rapazallada miúda, que tendida na area, co lombo ó sol, ri e xoga mentres o calor fai neles o mester da saba. Entre o branco mate da pel aseñoritada cuberta de lenzos onde debe, salientan os tonos escuros da graxería, e contrastan os enganidos membros coas poderosas nádegas, os delicados contornos coas precoces sombras.

  Érguense todos de pronto, corren e caen no río coma unha manada de píllaras: vense as loitas por chegar antes, orladas de escuma; os risos, os berros atroan, as augas tórcense neles, e naquel algueirante chapoteo desbórdase a xuventude, e a vida envolta nunha onda de lume."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85

sábado, 22 de agosto de 2015

De pé no máis saído rochedo

"De pé no máis saído rochedo, érguese un rapazote espido, de carne morena, da aldea, ben feito e debuxado, que tapa coas mans o que pode, e outea receoso para os rapaces máis pequenos: chímpase do penedo abaixo, estralan as augas, escúmanse rabiosas, burbullean, e algunhas brazas alá, resurxe unha agraxada cabeza que sacode as negras crechas e vólvese meter de sulago coma un parrulo da Limia."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85

viernes, 21 de agosto de 2015

O sombrizo pozo

"As dúas estradas espreguízanse pola conca e van morrer na revolta que fai o sombrizo pozo Maimón, e o río corre maino, sereno, profundo ás veces, ás veces algueirante e prateando nos coiñais.

  Pé da ponte, nos brancos penedos, báñanse os rapaces.

  Sobre o azur do río destácase o fresco das carnes coma unha nota viva, alegre, que anima a soidade da ardente paisaxe."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84-85

jueves, 20 de agosto de 2015

Da beira de acó

"O casarío de Canedo, ben alumiado polo sol, loce as vivas cores das casas novas, trónzase pola vía que corre río abaixo saltando as valgadas, e beira do río téndense os soutos de amieiros e sanguiños en verdes alamedas.

  Da beira de acó, antes de chegar á aldeíña de Reza, o convento de Ervedelo, deitado no monte entre pradeiras e piñeirais, parece unha paisaxe de Nacemento, e o pelado monte das Neves limita o ceo coa súa ermida solitaria e vella."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84

miércoles, 19 de agosto de 2015

O sol cae de plano sobre o río

"O sol cae de plano sobre o río coma unha queimante marea de lume, enchendo a paisaxe dunha luz viva, forte, poderosa, media velada polo brancuxo tul da canícula.

  A xigantesca ponte tende os lixeiros arcos de pedra picada coma xeitosas arcadas de templo gótico, e polo atrevido arco maior pasan coma lóstregos, chirlando, os vencellos, as andoriñas e as lagarteiras.

  Métense os primeiros nos buracos, rasan as segundas as azuis augas para remolla-las plumas, e o gavilán sobe e sobe furando o ceo en espirais para mirar dende as nubes a cidade de Ourense, adurmiñada na sesta."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84