Mostrando entradas con la etiqueta gustei. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta gustei. Mostrar todas las entradas

miércoles, 5 de agosto de 2020

Un día anubado e gris

 "A Porter gustáballe almorzar todos os días no Ferradas, pasando as casas baratas de Ervedelo, mentres lía devagar a folla parroquial e comentaba a actualidade informativa. Daba un tertuliano exquisito, pero prefería dedicarse a ser a estrela máis relucente de Información Directa, o semanario de sucesos que anos atrás rebentara as vendas dos quioscos de toda a provincia. Eu acompañábao cando conseguía madrugar, é dicir, con encomiables esforzos. Víñasenos enriba un día anubado e gris chumbo que anunciaba un tremendo bochorno. Cheiraba a queimado por toda a cidade. Ardía seguido en Bentraces, Alongos e pasando Gustei."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 39-40. 

martes, 20 de diciembre de 2016

Un fato de malas e derrengadas chouzas

"Por riba de Cudeiro, entre Vilarmar e Gustei, amontoánse ó redor da eremida de San Benito das Tres un fato de malas e derrengadas chouzas, cuio pobo recibe o nome de Sartedegos.

Nada máis triste e melánconico.

Baixo un ceo de promizas nubes, tan rentes que parecen tocarse coas maus, cercado por todas partes de altos petoutos e escarpadas serras, entre as cales se van anacos de arregueado millo, ofrece un cadro que impón.

Nun rincón deste pobo e na máis mala casa, si algunha boa se lle pode chamar, cuberta con palla de centeo e chea de rendixelas, polas que o vento e a chuvia entra como pola súa casa, vivía fai anos unha rapaza chamada Pepa."

Heraclio Pérez Placer.“Pepa” (Un conto con moita historia). Publicado en dúas entregas en O Tío Marcos da Portela, Ourense, Parrafeo 148, páxs. 5-6 (3/10/1886) e Parrafeo 149, páxs. 1-3 (10/10/1886). Recuperado, posteriormente, no ano 1998 en Obra narrativa en galego de Heraclio Pérez Placer, edición de Mª Isabel Soto López, Colección Narrativa Recuperada, editada polo Centro Ramón Piñeiro da Xunta de Galicia, páxs. 527-534

martes, 26 de abril de 2016

Caterva familiar barulleira e famenta

"O que menos esperaba eu era traballar en plenas festas. A Tina metera no noso piso do Riberiño -a casa sindical que nos concederon por recomendación de don Jesús, párroco das Caldas- unha caterva familiar barulleira e famenta, que non voltaría á súa aldea da Limia ata roer o último óso dos dous años mercados por min para a ocasión. Vale Deus que a miña parentela tiña festa en Gustei e non quixo baixar á Ponte."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.37

martes, 13 de octubre de 2015

Un serrallo de recente apertura

"Grazas ao meu instinto detectivesco, en canto saímos da cidade comprendín que os avogados ían de putas. O Delirios era un serrallo de recente apertura próximo a Gustei, moi coñecido pola donosura exótica das churrianas, os prezos axustados e a solvencia dos seus clientes.(...)

  Acordei ben entrada a mañá. O Delirios parecía desafiarme baixo as raiolas dun sol irrisorio e parvo. Morría coa sede."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 35-37

jueves, 5 de marzo de 2015

Ledos vivas polo áer aceso de maio

"Os primeiros movimientos dos gremios locais nise día eran pra agardar, frente ao Xardín do Posío, aos que chegaban de Celanova, Xinzo, Verín... e despois no comenzo da Ponte Vella, aos que viñan dos Ribeiros ou baixaban dos planaltos e chans montesíos das bisbarras de Amoeiro, Trasalba, Gustei...

 Nos alcontros duns cos outros (moitos diles non se tiñan visto en todo o ano), dábanse grandes apertas e ceibaban ledos vivas polo áer aceso de maio. "¡Viva a unión do proletariado mundial!". "¡Vivan os traballadores de Cudeiro". "¡Vivan os mártires de Chicago"."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 296-297, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)