Mostrando entradas con la etiqueta queizán. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta queizán. Mostrar todas las entradas

viernes, 2 de diciembre de 2016

Unha indecorosa parafernalia

"O seu, despois de dúas noites de marxinación, foi un alarde de impostura, unha indecorosa parafernalia. Honras e fastos para quen deostaron en vida. Non todos, pero canta impostura! Dáme por pensar en que talvez cargaron co seu cadáver os que non ousarían pasear do seu brazo cando vivo. Talvez porque el tampouco ousou pasear do brazo dun amante.

  Pasaron, como pasa o tempo, trinta e cinco anos daquela perda. Hoxe somos máis as persoas que aceptamos e valoramos A esmorga como un vento chileno que se confundiu cos bafos das Burgas para darlle un magnífico pulo á literatura galega, e ao seu autor."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.146-147

(Neste 2016, xa pasaron trinta e sete anos daquela perda.)

jueves, 1 de diciembre de 2016

O grande escritor tirado no gris cemento

"Conmemóranse agora os trinta e cinco anos do pasamento do autor. A súa morte correspóndese coa incomunicación que tivera en vida. Morreu só nun taxi. camiño dunha clínica. O seu cadáver foi levado ao depósito do Hospital Municipal de Vigo onde ninguén o vai velar. De mañá chámanme por teléfono e dinme cales son as circustancias. Achégome deseguida e imos ser, Maximino Keyzán, Daniel Heras, Itos Domínguez e eu mesma, catro persoas sen ningunha representación oficial, as que estamos nun cuarto lañado, agrisado pola humidade e o deterioro, absolutamente baleiro, co cadáver de Blanco Amor metido nunha caixa, depositado no chan, agardando que chegase unha ambulancia que o había transportar ao hospital de Ourense.

  Foi un momento decisivo na miña vida. Mantiven con el unha conversación, na que Blanco Amor non me respondía, como a que Cibrán mantén co xuíz. Neste caso a xuíza era eu.

  Reprocheille a covardía no recoñecemento da súa sexualidade. El, un home tan orgulloso, humillado pola noxenta normalidade dunha sociedade hipócrita. El, tan insolente no relativo a aspectos políticos ou a crenzas relixiosas, obrigándose a mentir, a disimular nos aspectos básicos da súa personalidade.

  Por que o fixeches, preguntaba eu indignada, aflixida ante un cadáver sen pranto, un pobre defunto gris, o grande escritor tirado no gris cemento? De que lle serviu a transixencia?"

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.145-146

(Neste 2016, conmemóranse xa, os trinta e sete anos do pasamento)

viernes, 3 de abril de 2015

Incluído o San Luns

"En A esmorga, obra escrita en Buenos Aires ao regreso de Chile, xerada en Chile, de onde saen uns esmorgantes que se emborrachan tres días, incluído o San Luns, e unha boneca de tamaño natural, Sara Braun, é nova no panorama literario e coincide coa Nova Narrativa Galega, integrada por xente moi nova. El xa rousa os sesenta anos cando a escribe, pero utiliza a técnia telefónica e outras moitas innovacións literarias propias do momento."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.143

jueves, 2 de abril de 2015

Sen cidades non hai futuro

"Consciente da significación  da cidade e do progreso: "Sen cidades non hai futuro, nelas é ondese proxectan os grandes problemas", na grande urbe terá facilidade para desenvolver as súas inclinacións sexuais.  Imaxinemos como sería a vida do noso escritor de vivir en Ourense, abafado polo provincialismo reaccionario, baixo o maxisterio de Vicente Risco e máis tarde, probablemente de Ramón Piñeiro. Nunca chegaría a escribir as novelas coas que hoxe gozamos.

  Na obra narrativa de Blanco Amor non encontramos a mística telúrica do maxisterio risquiano nin tampouco a influencia ideolóxica piñeirista que modelou a literatura das seguintes xeracións.

  Os heroes e heroínas das novelas do noso autor, as que representan a conciencia ética, son a clase obrerira e mesmo o lumpen dos arrabaldos cidadáns. Loita contra o mito, a manipulación e a mentira. Non hai espiritualidade, nin sentimento de terra."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.142

miércoles, 1 de abril de 2015

Metía medo aquel home escuálido

"Aurelio Andrada saíu galopando pola porta do pazo como outrora. Puña a voar a crina de Lusco e a súa cola ondeante. Un aire de amencer dáballe no rostro, era quen de saltar valados e penedos con furia. Furia, frenesí que estrañamente diminuían o odio, ao chegar ao barrio vello, ás rúas percorridas polos esmorgantes.

 Ao velo, foron pechando todos os garitos, os prostíbulos e as tabernas. Metía medo aquel home escuálido, coas barbas enxameadas en sangue, e os ollos acesos de desesperación. Os cascos de Lusco resoaban nas vellas pedras ourensás como disparos, anuncios asasinos, presaxios de mortes. E a lúa escondíase, a xeada caía e a fera non durmía.

 Non era nos garitos da cidade onde os ía atopar."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.138

martes, 31 de marzo de 2015

A fermosa boneca

"E dándolle un tremendo couce á cadeira, guindou
coa dona no chau, que alí quedou do mesmo xeito que
estaba sentada, cos ollos estantíos brilando co luar.
Logo de dare dúas pasadas aínda voltou, cheio de carraxe,
 i afundiu o tacón dúas ou tres veces na cara da boneca
que quedou feita un buraco, mouro e témero,
coma unha calivera escachada."

"Así remata en A esmorga a fermosa boneca, reprodución de Sara Braun, feita en China, encargada por José Nogueira para agasallar a súa dona no seu trinta e sete anversario. A tise levou a José Nogueira antes de poderlle entregar o agasallo el mesmo. Sara conservaba, o que pretendía ser a súa reprodución, na súa mansión de Punta Arenas como un tesouro. Das súas mans pasou ás de Aurelio Andrada como mostra do grande amor que lle profesaba e lle negaba por imperativos familiares. Andrada tróuxoa para Ourense, e vivía só para contemplar a súa amada, Sara, nos momentos lúcidos que lle consentía o opio."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.135

lunes, 30 de marzo de 2015

Siútico

"Unha palabra chilena chama a atención do escritor: siútico, a persoa auto vixiante, pendente de si, ensimesmada. Unha tendencia do neno ourensán da Catedral, do Blancaflor asustado polo sexo ou do siútico Cibrán de A esmorga."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 126

domingo, 29 de marzo de 2015

Chile a la vista

"No ano 1949 chega Blanco Amor a Chile e vai escribir Chile a la vista.

Procede de Buenos Aires, cidade onde reside desde hai anos e viñera, case un rapaz, desde Ourense, e aí é onde vai colaborar co galeguismo tanto cultural como politicamente. Malia ser certo que modificou a súa posición ao longo do tempo por motivos de supervivencia económica. En poucas ocasións tivo un oficio seguro e unha economía estable. De aí os bandazos que houbo dar na súa vida."
Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 119

sábado, 28 de marzo de 2015

O vento cada mañá

"Cando o barco desatracou do porto, que xa non se parecía nada a aquel no que atracara hai, cantos anos? María, como un anxo da garda, dicíalle adeus con bágoas nos ollos. A Aurelio pareceulle ver a Sara, un rostro cos ollos engradados, unha figura querida levada polo vento. Así foi. A Sara traíaa o vento cada mañá.  A súa substituta protexida por Aurelio até chegar a Ourense, tomou posesión do pazo de seu."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.117

viernes, 27 de marzo de 2015

Vaguidade fidalga

"Abandonado na branda alfombra do seu reclinatorio, entre néboas de opio, fumando da súa pipa e tamén da dos demais, Aurelio volvía ser Andrada, a sentir a vaguidade fidalga. Vacuo, melancólico, veuse no pazo, no verdor escuro que entraba pola fiestra como saudade, baleiro, negra sombra, querida negra sombra, poalla na mente, balor dos devanceiros acumulado nos recunchos acendendo os altares do silencio, lugares que nunca se limparan, balor que paraliza, nugalla habitude, entre a brétema e serán infinda, conformidade herdada ou asumida, harmonía na voz de Manuela chamándoo, e chove sobor das rosas e as escalinatas do pazo."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 114

jueves, 26 de marzo de 2015

Fidalga no seu pazo

"Era tal a forza poderosa daquela paisaxe que Aurelio pensaba que a súa paixón era arrebatadora como glaciar, o seu amor tiña o poderío dos Andes e Sara xurdía dun volcán. Talvez en Galicia se adozara en amoriño na beira do mar. Pero, en ocasións, como nun soño, podía ver a Sara como fidalga no seu pazo de Ourense.
(...) Aurelio pensaba que o xardín do pazo ourensán, ben preparado, vizoso e amable como o foi en tempos, sería preferido por Sara a este ridículo xardín de inverno, un pequeno milagre fronte ao frío e o vento daquelas latitudes. Non era esta terra de xardíns.

 Na súa fantasía podía ver a Sara paseando polo xardín do pazo dos Andrada. Mais, ben sabía que Sara non era muller de xardín; era unha pioneira, unha muller que se arriscou a vivir en terras duras, a traballar e abrise camiño."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.107-108

miércoles, 25 de marzo de 2015

Os bafos das burgas

"Os bafos das burgas ourensáns afogábano. A cidade e a súa xente provinciana impedíanlle mesmo respirar. Non se lle pasaba pola mente abrir un gabinete médico nese ambiente. A súa ansia era marchar de alí, a poder ser moi lonxe.

  A forza centrípeta dos Andrada impedíalle facelo. Tamén o cariño pola nai. Non quería deixala soa. Chegaría a ocasión. Coa indolencia da estirpe, paseaba polo Xardín do Posío ao paso lento de Fina, a quen lle diagnosticaran unha doenza de corazón."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.69-70

martes, 24 de marzo de 2015

Un señorito ourensán

"Chega de Ourense, no ano 1892, Aurelio, vinculeiro dos Andrada, un señorito ourensán. Escoitara comentar que neses lugares de América os homes facíanse ricos decontado. El é un fidalgo pobre. Ten escudos, brasóns e un pazo, e pouco diñeiro para mantelos.

 Emigra despois de morrerlle a nai. O pai falecera había poucos anos. De cirrose. A fidalga pouco resistiu despois da morte do marido, e non por saudade.

 O pai de Aurelio, don Alfredo, da casa dos Andrada, conservou sempre a fachenda  da fidalguía."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 53

lunes, 23 de marzo de 2015

A boneca de Blanco Amor


"Chega a Chile Aurelio de Andrada no ano 1892. Non vai escribir ningún libro, pero será fundamental na creación dunha importante novela galega: A esmorga."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 72