Mostrando entradas con la etiqueta mitteleuropa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mitteleuropa. Mostrar todas las entradas

sábado, 3 de septiembre de 2016

Mitteleuropa (III)

Retrato de Tagore dibuxado por Risco

"Eu, se hei dicir verdade, na miña vida souben de que ningún indio vestise deste xeito. As vestimentas indias non son nin tan sequera parentas das de Rabindranath Tagore. Semella que o poeta inventou unha vestimenta e un peiteado de orientalismo convencional para el só.

  Ao ver isto, ao velo sentar no estrado e ficar coma unha estatua, namentres o profesor Lüders fixo unha magnífica presentación en alemán, na que recitou versos sánscritos, a frase que o bohemio Teixeira adica a Fradique Mendes: “un mecanismo de posse montado com tão grande luxo”, non pode por menos de me vir  ás mentes aplicadas a Rabindranath Tagore. Hai, en efecto, nel unha falla de naturalidade que fere a un. Claro está que a énfase é se cadra unha cousa oriental; que a énfase é se cadra unha cousa boa que nós, os occidentais imos perdendo na decadencia universal entre nós das boas formas e do respecto polos homes e polas cousas. Mais de tódolos xeitos, este poeta é teatral de máis. A carón seu, a sinxeleza –quizáis tamén enfática- de Gandhi, ten por forza que gañar moito.

  Despois de Lüders, ergueuse Tagore, pillou os anteollos de ouro, de cristais redondos que levaba no peito, pendentes dunha cadeíña do mesmo, despregou os papeis, e encomenzou a ler. Non lle comprendín nada do que dixo, mais explicoumo despois o xesuíta, e tampouco merece moito a pena.

  Á saída, Tagore foi víctima, coma se fose Ourense, da curiosidade pouco discreta das donas, que se apretuxaban e apuraban todas para velo ben de preto, cos impertinentes postos -moitas xa namentres falaba, estivérono catando con catalexos dos do teatro- e aínda procuraban con disimulo tocar cos dedos a túnica e o caftán, para ver de que tecido estaban feitos. El marchaba sen lles dar tino, solemne, pausado, alleo, ollando ao lonxe, botando os pes un atrás do outro con movemento medio e igual, coas mans atrás, nunha delas o manuscrito da conferencia, os anteollos de ouro caídos sobre o peito...

  Deste xeito esvaíuse diante de min en Berlín, a imaxe de Rabindranath Tagore.”


1934: Risco, Vicente. Mitteleuropa. Ed. Galaxia, Vigo, 1984. 2ª edición.   (1ª edición do ano 1934, Editorial Nós) páxs. 169-173


Publicado orixinariamente na revista “NóS” en: “Rabindranath Tagore” en Nós (Boletín mensual de cultura galega) nº104, año XIV,tomo 9º, Ourense 15 de agosto de 1932, p. 146-148.

viernes, 2 de septiembre de 2016

Mitteleuropa (II)

Páxina da Revista Nós, nº 104, 1932
 "  ¡Quen che mo había de dicir a min, que agora aquí en Berlín había chegar a ver e ouvi-lo gran poeta bengalí! Voltas que dá o mundo, ¿non si?
 
  Pois ben: souben que Rabindranath Tagore estaba en Berlín, e que, invitado pola Kaiser-Friedrich-Universität, daría unha conferencia tal día, no salón nobre do que foi pazo do Kronprinz. O Canedo fíxose con tarxetas e alá fomos. O salón estaba cheíño. Máis da metade dos asistentes, eran indios. O salón é dun estilo neoclásico severo e suntuoso, cunha gran galería de arcadas por enriba, e con pouca luz. Agardamos moito. Connosco ía un rapaz,  xesuíta valenciano que estudia sánscrito e que está lendo o Buddhacarita d´Açvagosha. É un bo mozo, outo, loiro, guapo, cun levitón e un chapeo de grande ala, moi comunicativo e simpático. Estivo na India, comprende o inglés, e coma Tagore vai falar en inglés, énos de moito servicio a súa compaña. Atrás de nós están sentadas dúas rapazas alemanas; un rapaz indio cor de palosanto, moi elegante, estalles explicando quen é Tagore, a súa vida, a súa parentela, as súas obras, as súas viaxes.

  Entran un fato de indios. Un deles leva unha capucha branca, árabe, atada cun turbante negro, e envólvese nun gran manto negro. Din que é un irmán de Rabindranath. Pola súa vestimenta, semella un mouro marroquí de clase ergueita. Con el van tres rapazas novas, pequenas, da cor e cos ollos das cíngaras, cos movementos rebulideiros e serpexantes das xitaniñas; van vestidas á india: saia longa de vuelo, manto, rodeando o corpo e botado logo pola cabeza. Pola vestimena  semellan figuras da Biblia. Vanse sentar no estrado, nos lugares de preferencia.

  Por fin entran un fato de señores enlevitados e enchaquetados, e no medio deles vai Tagore. A xente érguese e aplausa.

  Tagore vai coma sempre, coa testa descuberta, a branca cabeleira de brillante seda chegándolle aos ombreiros, as longas barbas brancas, respetosas, apostólicas e sabias, o ollar inmóbil, espetado cara adiante, coma mirando para o lonxe, coma se fose alleo a todo, coma se non vise nada, coma se camiñase hipnotizado. Camiña dereito, pausado, solemne, isócrono, mecánico, tamén como hipnotizado, ensimesmado, solagado no pensamento. Leva as mans atrás, e nunha delas o manuscrito da conferencia. Viste unha longa túnica branca, deica os pes, e enriba un caftán negro do mesmo longo..."


1934: Risco, Vicente. Mitteleuropa. Ed. Galaxia, Vigo, 1984. 2ª edición.   (1ª edición do ano 1934, Editorial Nós) páxs. 169-173


Publicado orixinariamente na revista “NóS” en: “Rabindranath Tagore” en Nós (Boletín mensual de cultura galega) nº104, año XIV,tomo 9º, Ourense 15 de agosto de 1932, p. 146-148.

jueves, 1 de septiembre de 2016

Mitteleuropa (I)


Portada da 1ª edición, ano 1934
"17. RABINDRANATH TAGORE

   Eu fun un gran admirador do gran poeta indio Rabindranath Tagore. Cando lle derono Premio Nobel, eu falei del nunha conferencia feita no Ateneo de Madrid. Aquela conferencia, con gran chea de datos sobre o poeta, a súa castimonia e a secta relixiosa a que pertence (a Brahmo Samaj), publicouse nunha revista escura, chamada La Palabra, que publicaba un  señor taquígrafo do Congreso, unha desas revistas raras que non se sabe onde se atopan nin quen as le.

  Agás de estar conforme con moitos dos pensamentos do poeta e pensador Rabindranath Tagore, este representaba para min daquela o triunfo do espírito oriental no seo do Occidente, e os espírito oriental representaba para min o oposto per diametrum á civilización mecánica e maquinista e ao espírito racionalista e materialista que as move. Hoxe, as circunstancias, en min e mais no mundo, teñen cambiado moito; por unha banda, eu teño descuberto, no Occidente mesmo, as pegadas dun espírito que se pode opor, dentro do noso concepto da cultura, ao espírito racionalista e mecano-materialista; por outra banda, na India mesma, apareceu quen moito mellor do que Rabindranath Tagore, representa a alma enxebre daquela terra, o espírito oriental, e que ademais oponse dun xeito nidio, específico –e patente, teórica e practicamente-, á civilización occidental, e precisamente nos seus aspectos máis odiosos: o Mahatma Gandhi. Ademais, Rabindranath Tagore chegou a nos aparecer coma un contemporizador co occidentalismo mecánico, e ademais, coma un deses universalistas vagos, da escola do gran cursi do Romain Rolland, con ideoloxía de Hotel Metropol. E así, non pode ser.

  Mais o conto é que eu fun outrora tan admirador de Rabindranath Tagore, que en Madrid, tódolos meus amigos daquel tempo, chamábanme Tagore, e aínda os había pouco enteirados desas cousas, que coidaban que eu efectivamente me chamaba así."

1934: Risco, Vicente. Mitteleuropa. Ed. Galaxia, Vigo, 1984. 2ª edición.   (1ª edición do ano 1934, Editorial Nós) páxs. 169-173


Publicado orixinariamente na revista “NóS” en: “Rabindranath Tagore” en Nós (Boletín mensual de cultura galega) nº104, año XIV,tomo 9º, Ourense 15 de agosto de 1932, p. 146-148.