Mostrando entradas con la etiqueta estrada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta estrada. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de julio de 2018

As estrelas

"Recordeillo no coche, a noite da súa morte, cando estabamos parados na estrada, á beira do bosque que baixaba desde o alto de San Vitorio. (...)

  Apertoume unha man e sinalando cara o ceo, dixo: "Mira, Periquita, aquelas estrelas que se ven alá, por riba do Pico de Zas, son as constelacións de Xéminis". Díxome que lle gustaba mirar as estrelas polas noites, que unha vez, sendo neno, estaba paseando co seu pai pola horta da casa de Bóveda, despois de cear, e que Leopoldo lle dixo rindo que lle podía regalar o ceo, e que á mañá seguinte o chamara á biblioteca e lle dera un libro que traía uns mapas do firmamento, e que pouco despois, unha semana máis tarde, o seu pai baixara á cidade e aparecera cun telescopio."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 110-111.

jueves, 5 de julio de 2018

Pechados os dous

"Tiña mellor memoria ca min. Non obstante, naqueles instantes, sentados os dous no interior do seu coche, á beira da estrada, estaba claro que Carlos xa non tiña intención de seguir falando das conversas entre el e o seu pai, pechados os dous na biblioteca da súa casa de Bóveda, tomando un whisky despois de cear."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 92.

martes, 3 de julio de 2018

Por aquela mesma estrada

"Tiven o desexo, xa imposible, de que algo así nos puidese ocorrer a Carlos e a min a noite anterior, cando circulabamos por aquela mesma estrada no seu coche e entrabamos nas curvas a unha velocidade que soamente a alegría que eu sentía me impedía apreciar o perigo que supuña. Pensando naquela posibilidade, a angustia volveume estralar no medio do corazón, pensei se cando iamos xuntos no seu auto, Carlos sabería xa o que ía suceder unhas horas despois, ao meterse no cuarto de baño e pegarse un tiro na cabeza."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 90-91.

lunes, 2 de julio de 2018

A tristura daqueles mozos esnaquizados

"Cando escoite aquela historia, por primeira vez desde que entrara naquel coche que Arturo seguía conducindo con tanta calma, por uns minutos deixei de pensar en Carlos e nos anos de Beiro, porque naqueles instantes sentín que á miña tristura se engadía tamén a tristura daqueles mozos esnaquizados no medio daquela estrada que eu percorría agora camiño da cidade. Non os coñecía de nada, mesmo non prestara moita atención á noticia cando se produciu e a criada Delfina nos dixo á hora do almorzo que aquela noite se mataran en accidente de automóbil dous mozos de Turei."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 90.

domingo, 1 de julio de 2018

A Ferradura do Demo

"Nunca me decatara do fermoso que eran os grandes pradairos de casca amarela que se aliñaban ao longo da estrada e que Arturo me acababa de dicir que os ían cortar a principio do outono porque resultaban perigosos para a seguridade dos automobilistas. Recordoume que alí mesmo, na curva que chaman a Ferradura do Demo, se mataran dous rapaces había tres meses, en plena primavera, un mozo e unha moza, e que un pouco máis abaixo, na última recta, antes de entrar na estrada xeral, un emigrante americano subiera dous ou tres metros co seu coche polo tronco dunha daquelas árbores."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 89.