Mostrando entradas con la etiqueta antioquía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta antioquía. Mostrar todas las entradas

domingo, 22 de enero de 2017

O quiquiriquí das doce

 "Non lle deu demasiado tempo porque nese preciso instante escoitou o estralido do lume ó prender nas xestas e nos garabullos, nunha especie de forno que fixeran debaixo da leña gorda. Tamén escoitou berros e algúns aplausos. Un dos que aplaudían era o sacristán de Penín. Doeulle porque lle tiña afiado unha serra tres ou catro veces, sen cobrarlle nunca nada. (...)

  Nuns poucos segundos xa se decatou de que voaba. Cando foi consciente do que estaba pasando, bateu as alas para confirmar a sospeita, deu dúas voltas arredor da praza, situouse na parte onde estaban os nenos para facer un par de monadas e logo saíu en dirección de Sabucedo. Tiña que apurar e voar con forza se quería chegar ó campanario de Antioquía e cantar o quiquiriquí das doce."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 38.

jueves, 19 de enero de 2017

Un potente quiquiriquí

"O primeiro en baixar foi o señor cura, ó que non tardou en seguir o ferreiro. Durante uns minutos seguiron baixando. Chegaron logo a un descanso, aproximáronse a unha varanda de pedra e desde alí viron a cidade, un conxunto apretado de rúas estreitas e longas e dúas prazas bastante grandes, redonda a da igrexa, cadrada a outra, esta formada por catro edificios nobres. O ceo era transparente, como se o aire estivese metido dentro dunha burbulla. Entre eles e o campanario interpúñase un foxo enorme, sen fondo. Entón falaron a primeira vez. O cura limitouse a dicir: "O que che dicía eu, Antonio: a cidade de Antioquía". Cando se volveu para mirar o ferreiro, este estábase convertendo nun galo. Uns segundos máis tarde, xa o viu revoar arredor do campanario. Finalmente, pousado no mastro de ferro, no alto da torre, lanzou un potente quiquiriquí que ó rebotar contra a bóveda de auga caeu sobre a cidade como unha chuvia de música. Foi entón cando se abriron as ventás e as rúas se encheron de xente."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

lunes, 16 de enero de 2017

Entre bocado e bocado

"Entón, entre bocado e bocado, case rindo de contento, púxose a contar o que vira a véspera cando andaba traballando no prado da Acea, á beira mesma da lagoa. Describiu moi ben o campanario, que pintou como se fose a Torre da Forxa, aínda que redonda, e falou con moito mimo do mastro de ferro que coroaba a punta. Sen deixar de revolver coa culler a taza de chocolate, a segunda que lle mandaba aquela mañá, don Marcelino dixo con naturalidade: "Ese é o campanario da igrexa da cidade asolagada de Antioquía, que se pode ver tres veces ó ano. Aínda tiveches sorte, amigo Antonio"."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 30