Mostrando entradas con la etiqueta xoán_babarro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xoán_babarro. Mostrar todas las entradas

viernes, 30 de septiembre de 2016

aquelas sesións de Shantiniketon

"A ver, Vilariño-dixo-, que é isto? - e mostroume o cartonciño & (1).

  E coa mesma..., empecei a balbucir. Menos mal que, despois de tatabexar con pavor a primeira frase, Robindra traducíullela. Deste xeito dábame tempo a ir pensando a continuación da historia. (...)

 Cando Conso vía que me remataba a inventiva, sacaba outro cartonciño no que sempre aparecía nalgunha palabra a letra sobre a que eu argallara o conto. Isto foi o que a min me fixo crer, despois da terceira actuación, que o profesor tiña algo de mago, porque encontraba decote un texto relacionado co que eu acababa de inventar. (...)

  Como verás despois desta páxina, primeiro escribo a historia, seguindo a miña acordanza, e a continuación reproduzo as traducións que me fixo Robindra dos versos que sacaba da bolsa. Aos poemas do profeor mantéñolles o título en bengalí, tal como el mo deu. (...) pero penso que con isto que lembro xa podes ter unha idea de como foron aquelas vinte e dúas sesións de Shantiniketon."

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs.14-16

(1): aquí, no orixinal, reprodúcese unha letra bengalí, como o noso teclado non dispón dela escribimos o signo &.

jueves, 29 de septiembre de 2016

Co ruído dos cinzarros

"Co ruído dos cinzarros e a novidade do personaxe, os curiosos concentráronse. E eu, con todos os nervios do mundo metidos no corpo, alá me vexo mergullado na miña primeira función, perante un público que podía chamarme as de sanquintín, que eu ben sei que non ía entender nada.

 Robindra, que era quen levaba a voz cantante, seguramente para tranquilizarme, volveume lembrar...

  -Acórdate... Somos dous irmáns xemelgos, ti chámaste Vilariño e eu chámome Conso. Deixa que vaia abrindo a función, verás que ben nos sae...  

  (...) Despois de nos lucir por entre o público cos traxes e facendo soar os chocallos, paramos ante unha chea de ollos esculcantes, e calaron as bocas. No medio da inmensidade silenciosa, o corazón comezou a acelerarse coma un cabalo desbocado, e así estaba cando Robindra se dirixiu a min:

 - Que tal estás, Vilariño?

  - Estou ben, Conso?- respondín entre dentes."

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs.12-13

miércoles, 28 de septiembre de 2016

Un idioma raro

" - Seguiremos presentando letras e contos; pero os contos valos contar ti...

  - Que que que...!!!??? U-lo meu bengalí? Non me entenderían nada -contesteille, como querendo dar unha negativa rotunda.

  - Por iso non te preocupes. Eu direi que o meu irmán xemelgo estivo nunha terra perdida durante moitos anos e agora regresou falando un idioma raro que tan só eu comprendo. Deste xeito, ti inventas o conto sobre o signo que che mostre, e, segundo ti vas falando, eu fago a dobraxe para que entendan, e asunto acabado. Despois, xa me encargarei do que vaia xurdindo.

  - Pero..., que lles podo contar, se na vida vin diante un silabario bangla?

  - É ben fácil! Como ti te esqueciches do noso idioma, unicamente me terás que dicir que ves na figuriña que teña na man en cada momento, Todo será que botes a andar a imaxinación.

  Robindra estaba encantado coa máscara. Non paraba de saltar e moverse para armar ruído cos chocallos do cinto coma un verdadeiro boteiro do Bolo. Como me ía negar? Daríalle algo!"

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs.10-12

martes, 27 de septiembre de 2016

Robindra

"Pero cando Robindra soubo que eu non xogaba ningún papel importante e que tiña dous disfraces completos de Vilariño de Conso, exclamou emocionado:

  - Perfecto! Ti traballas comigo. Mentres actuemos coas máscaras, descansarán os monicreques. Desempeñaremos o papel de xemelgos. Os teus disfraces permítennos liberdade de movementos. Presentareino como unha novidade do festival. (...)

  Robindra dedicaba o tempo que non ocupaba co curso escolar e coa familia a aprender a ler a nenos da rúa de Bengala. A ler..., a contarlles historias..., a recitarlles textos... Pero facía todo isto a través da maxia dunha morea de marionetas con nome propio."

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs.9-10

lunes, 26 de septiembre de 2016

O seu estaribel

"Fomos coller o avión a Londres e, antes de aterrar en Kolkata, fixemos unha escala en Dubai. Logo, cento e pico de quilómetros en coche. (...)

  O primeiro foi acomodarnos onde nos iamos hospedar, na casa do profesor Robindra, un sosegado mestre de literatura amante do teatro de monicreques, quen, afortunadamente, ademais de bangla, sabía falar coma nós, xa que asistira de mozo a uns cursos en Compostela. Con el ao lado e explicándonos todo, faltounos tempo para sentírmonos de cheo merguallados no ambiente festeiro co que pintaban a cidade monicreques de todos os feitíos, tamaños e técnicas.

  Robindra quixo evitarnos problemas de comunicación e montou o seu estaribel..."

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs.8-9

domingo, 25 de septiembre de 2016

Así che foi a cousa

"Aínda tiña noviñas do trinque, como podes ver na foto, as dúas carautas de boteiro de Vilariño cando apareceu o primo...

 -Que che parecería lucilas en Bengala?

  -En Bengala? -contestei sorprendido-. Que perdín aló tan lonxe?

  -Has de saber que imos a gastos pagos os tres. Non o penses -continuo ao verme xesto de estrañeza-. Co teu disfrace de boteiro de Conso terías traballo como para non te aburrires.

  Meu primo Lalo e a súa muller, Carme, que pertencen a Pallasos sen Fronteiras, entréganse no tempo libre á paixón da súa compañía de marionetas, e acaban de confirmarlles desde a Embaixada da India que ía en firme a oferta de acturaen no festival internacional de Shantiniketon."

Xoán Babarro González, As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 198. Vigo, 2015. páxs. 7-8