Mostrando entradas con la etiqueta biosbardos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta biosbardos. Mostrar todas las entradas

martes, 1 de julio de 2014

Quedei estantío

"¡Parvo de min, malia a min! ¿Como non pensei en que terían que parar no hotel?

Pedín licencia pra ir a vere os titiriteiros que funcionaban no Campo dos Remedios. Meu pai dixo que non; miña nai dixo que si; e, de tal modo, fun.(...)

Sortiu o rapaz de alí a pouco, a un recado, e pergunteille por elas.
-Fóronse á mañá, no rápido. Díronme isto. Sacou do peto unha presa de realiños de prata e botou a andar.
-¿Fóronse pra onde, besta? ¿Quenes eran?
-Non sei. Falaban estranxeiro, todo estranxeiro- e liscou a correr.

 Quedei estantío. Botei a camiñar. Entrei nos títeres. Non vin ren."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.87

lunes, 30 de junio de 2014

Moito máis morriñentas

"Seguín dando voltas. Fíxose oscuro. Non aparescín na casa.

 Á noite funme ó paseio da Alameda. Alí tería que estar. Alí ía todo o mundo, os da cibdade, os forasteiros, pra veren o fogo de artificio dos portugueses, a iluminación, tamén dos portugueses; a bailar, a beber refrescos e copas, a locir a roupa de estreno.

 Andiven os cinco paseios, contrapeándome no camiño da xente pra vela toda. Ollei todas as caras, unha por unha, moitas repetidas. Furguei nos xuntoiros frente ós telderetes de bebidas e lambetadas, nos xogos e rifas, nos rueiros apartados onde se baila ó solto; unha vece, outra...

 Só me din por vencido cando botaron as doce bombas do remate. A xente foise indo. Baleirouse todo. Facía fresco, estaba canso e tiña fame. O po íase asentando. Esparexíase o ulido a xente. Escomenzaba a subir do río Barbaña un cheiro a podre. Apagaron a iluminación. Quedaron as farolas de sempre, moito máis morriñentas."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.86

sábado, 28 de junio de 2014

Polas rúas soedosas

"Votei polas rúas soedosas, polas prazas baleiras. Derrubeime nun banco do xardín do Posío. Guindei a chaqueta. Tiña noxo de todo, do traxe enrugado, da camisa suada, das botinas cheias de po, desamalloadas... Non se me ía dos ollos, tan leda, tan levián... ¿Onde andaría?

 Dempois de moito cavilar veume a ideia de que tiñan que estar no Cumial. Enrabecheime de que non se me tivese ocurrido denantes... Malia a que as botas novas encetáranme os pés, collín pola carretera de Mariñamansa, coasi á carreira.

 Ó chegar perto de Seixalvo, a xente xa viña de volta, rexoubeira como fora."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.85

viernes, 27 de junio de 2014

Como un can perdido

"Voltei á cibdade. A xente desembocaba na carretera con ar de xolda, de romaxe. Ían todos ó alto do Cumial a ver ó aviador, que viñera aquil ano pola primeira vece. Lembreime de que meu pai tiña apalabrado un cesto dos do Mangana, de dous cabalos, pra irmos a velo. A grande ilusión que tivera de víspora, que até me privara do sono, fóraseme de todo e nin fixen mentes de voltar prá casa. Íbanme rifar, pro non me importou nada.

 Metinme na xente, ollaba pra todos como un can perdido; entraba no rebumbio, nos empuxós...

 Cerco da fonte do Picho, atopei co meu primo Lisardo, que me berrou sin se deter.

 -Andan todos a precurarte... A tía está chorando... Vante brear."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páxs.84-85

jueves, 26 de junio de 2014

Botarme á rúa

"O que eu quería era sortir e botarme á rúa.Quería vela, pasarlle de cerco, aínda que non me ollase; vela camiñar, movérese, sentir o arrecendo que desbotaba de si.

  No intre da sesta escapei. O sol escachábase nas rúas, a cibdade estaba queda embaixo da soalleira,o calor non deixaba alentar. Non había ninguén, como si todos tivesen fuxido. Nas rúas estreitas saía das tascas cheiro a comida. Eu suaba a me esmorecer, pro seguía avante, dálle que dálle, i ás vegadas atopábame no mesmo logar sin me dare conta, trasleado.

  Fun por onde elas estiveran á mañá. As eirexas estaban fechadas, a praza do Trigo, baleira. Collín cara a ponte, baixe o rianzo, senteime no mesmo penedo (alí estaban as pelas dos figos); pouco foi o que puiden acougar. Seguín pola beira do río, anque ben me deprocataba que non andarían por alí."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.84

miércoles, 25 de junio de 2014

Atoutiñado, como un abesouro

"Pola pouca xente que se vía, deprocateime que xa era hora de xantar, pro non me importou. Seguiron pola carretera, baixaron perto da Ponte Maor, sentáronse nun penedo, quitaron as luvas, refrescaron as maus na iauga do río e puxéronse a debullar os figos, a comelos...

  Váinme ben andar por alí, atoutiñado, como un abesouro, pro como si non me visen. Ríanse moito, a rapariga tiraba coíños ó río. Non ollaban pra min, debían de coidar que era un tolo.(...)

Dempois botáronse a andar pola beira do río, i eu, como xa esmorecía de fame, deixeinas ir e voltei prá miña casa. Non vin ren, non sei por onde fun nin como cheguei, e xa me sentía arrepentido de telas deixado."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.83-84

martes, 24 de junio de 2014

Dálle que dálle

"Logo subiron a San Francisco, entraron no camposanto. Eu xa non aturaba o calor. Baixaron de novo, metéronse pola Travesía, mercáronlle figos á tía Delfina, no remate da rúa de Alba, colleron pola carretera do Progreso. Dálle que dálle; eu abafado, eles tan campantes...

  Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.83

lunes, 23 de junio de 2014

Perder a procesión

"Metéronse en Santa María la Madre, na Trinidade, en Santa Eufemia e ficaron moito tempo, decorrendo todo moi de vagar. A dona asinaláballe á mociña, chamándolle a atención de non se sabía que: as paredes, os teitos, algús santos (non todos), as lousas do chao...

  Co esboirar das bombas (estabamos na eirexa de Santo Domingo) deime conta de que ía a perder a procesión, que me rifarían si non chegaba a tempo pra vela pasar; pasaba propiamente por embaixo das nosas fiestras, i a miña irmá María del Carmen i a miña prima Obdulia, ían vestidas de angelitos. Pero non fun."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.83

viernes, 20 de junio de 2014

Zapatiños coor limón

"Vina na Praza Maor. Nin daquela nin dempois, reparei tanto en ninguén. Levaba unha grande pamela con mapoulas de raso, cereixas de vidro, longa brida. Era branca, moi loira, curta de narís, os ollos gazos; beizos grosos, pálidos.

  Camiñaba coasi sin pousar, atal si esvarase sóber dos zapatiños coor limón; a saia verde murcho; branca e chambra, broslada de tonos lixeiros, asallosos; luvas amarelas; as maus entretidas en acenos pra o lonxe, asinalando, ou no renovar gracioso do abano."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páxs.80-81

jueves, 19 de junio de 2014

O sol encirrante

"I o sol encirrante, avisando, chamando, acenando que o Corpus brincou do ostentoiro, fuxiu do sagrario i anda polas rúas reloucante, no brilo dos ollos, no súpeto vivir da xente, nas azas das anduriñas, que pasan a rentes como ramos fuxidíos, guirlandas coalladas un ponto no susto das bombas de palenque.

  Cando non puiden aturar máis e me botei á rúa, as campás da catedral, enriba do meu tellado, despenánbase a cachón, derrubábanse polos ancos da torre, todas xuntas, mestas, arreguizando o ar, tremándome nos dentes, enchéndome o peito (nunca se ouvía eisí) coa burbulla crecente do anceio, do gozo.

  Bote a andar, coa ledicia de non ire a ningures, porque somentes saír á doce aperta das rúas, faiscantes, ateigadas, anovadas, era xa chegar."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.80

miércoles, 18 de junio de 2014

No celeste vagantío

"Tivo que ser no día do Corpus; unha mañá do día de Corpus, nas que se campa coa roupa nova i as almas da xente moza se estrenan tamén por algún canto aínda non encetado.

 Son -eran- mañás en que o ceio chega a Auria difrente de todos os ceios do ano; nas que o ceio i a vila, na boca do vrau, casan nun confiado intre que non se voltará a repetir en todos os ceios do ano por ledos que veñan.

 Non se sabe ben si é o ceio o que peneira encol da vila o escintileo lizgairo que anova o corazón, ou si a terra i a xente trocan a condición do ceio nun relanzo breve de espranza misteriosa, de agardada solpresa.

 Foi aquela mañá do ceio dourado, ceibe, arrecendente a frores, a pólvora, a viño; navegando por vagaxeiras nubes que se fan e desfán: gasas, fumos, lenes, ronseles preguiceiros, adornos ociosos da festa, brinquedos no celeste vagantío."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.79

martes, 17 de junio de 2014

O estreno

"O libro remata con este relato, un texto romántico de gran fermosura, verdadeira metáfora melancólica dun enamoramento. A narración é un himno ó amor, polo que este ten de misterio e de tola e vivificante teima. A mesma mañá do Corpus, o narrador cumpre dezasete anos e estrea traxe novo e pantalón largo. Tamén nesa mañá, de súpeto, o rapaz queda enfeitizado pola beleza dunha misteriosa rapaza que pasea polas rúas do bracete da nai. É unha forasteira que se hospeda no hotel. Namorado dela, vai na súa búsqueda, que resulta infructuosa, pois a moza desaparece da cidade sen deixar rastro. Quédanlle ó narrador un sentimento inefable e unhas terribles ganas de chorar.

  Esta narración, na que o protagonista xa non é un neno, senón un mozo, é a única que rompe coa atmósfera opresiva que caracteriza os demais relatos, entre os cales destaca pola euforia vital. O comezo podémolo considerar como un exordio poético cheo de imaxes que van xerando esa atmósfera luminosa e de estourante alegría na que se acabaría producindo o descobremento do sentimento amoroso. Fuga visión, fonda iluminación, intenso sortilexio, son as vivencias do protagonista que nos lembra o encontro que tamén literaturizou o Dante con Beatrice Portinaria."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 110-111

lunes, 16 de junio de 2014

A romería dos Gozos

"Poucos días antes de voltar pra América, convidounos á romería dos Gozos. De comenzo andivo moi espetado, de eiquí pra aló, na compaña da dona, ollando con moita prosma pra todo, como si andiveran por un museo: os ofercidos, a puxa das andas, os moinantes, as pulpeiras... Non sacou o chapeu cando pasou a procesión. Como acenaba co bastón pra os santos que pasaban, un paisano díxolle que por que non o metía no... Ficou abraiado cando o xílgaro da sorte "del pajarito" sacou un papel que decía: "Sus mayores disgustos son por un hijo. Hará pronto un largo viaje"."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O salvamento", páx.76

sábado, 14 de junio de 2014

Nunca nunha taberna a merendar

"Tamén me doía que naquelas camiñatas tan longas non nos meteramos nunca nunha taberna a merendar, porque disque padecía do estómago; cuio era verdade porque tiña a mesa estercada de remedios e bebía auga de Verín.(...) Os da Habana, anque eran máis secos e louridos, coasi murchos, polo que se vía non lles doían tantas cousas; manxaban como sabañós e convidaban a beber viño nas tabernas i as copas no café. Polo menos a min o pai do Chanquiñas convidárame a peixes fritos, con pementos, na feira do Bellao, i o fillo da Viúva Verde, cunha boa posta de carne, na taberna da Manoela do Lago...

(...) Onte non apeguei ollo coa gallifada que armaron uns pándigos, toda a noite, na taberna do Narizán."
Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O salvamento", páxs.73-74

viernes, 13 de junio de 2014

As grandezas de aquil país

"Cando me pillaba por alí sin ter que facer, levábame a paseiar pola carretera da Granxa. Eu consentía á forza, pra non disgostar á miña nai.Volvíame tolo a falar das grandezas de "aquil país", no que, polo visto, collía o noso unha cheia de veces; somentes o camposanto da capital, era meirande que toda Auria cos arredores, i había que o percorrer en automóbil."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O salvamento", páxs. 72-73

jueves, 12 de junio de 2014

Moitas matemáticas

"Louvaba moito que eu lle adicase tanto tempo ó estudo (porque me gostaba, non porque me mandase ninguén). E unha vece díxome:
-Así se fai, Pedriño, así se fai... Xa ouvín que sacas as mellores notas no Istituto. ¿Xa andas no quinto, non?
-Por eí, por eí...
-¿No quinto ou no sesto?
-Finei o quinto e preparo o sesto.
-¿E que pensas ser?
-Derviche.

Non entendeu, pro como nunca daba o brazo a torcer, seguiu baduando.
-O que sexa... Pro matemáticas ¿eh?, moitas matemáticas. Todo o demais é botar a perder o tempo. Sin matemáticas non hai porvir..."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O salvamento", páx.71

miércoles, 11 de junio de 2014

Dúas mágoas que levaba

"A min dábame raiba aquel fardárese de mozo señorito, que non lle acaía ben ós seus anos (nin ó seu bandullo, que o trouxera moi comprido) e que facía rir á xente, que até disque que no Casino lle levaban a conta das cravatas.

O único que me daba pena dil eran dúas mágoas que levaba, a segredo, no peito: que o seu fillo americán nunca acadara titulárese de doctor, e que, na outra ocasión que alí estivo, quixo entrar no Casino de Caballeros, e botárono moi finamente."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O salvamento", páx.70

martes, 10 de junio de 2014

"O salvamento"

"O asunto xira arredor da figura dun emigrante vista polo narrador, un rapaz de quinto curso de bacharelato. O distanciamento e a ironía son os elementos constitutivos do conto. O tío Ramón, fachendoso da súa fortuna, móstrase despreciativo cos modos de vida e as crencias das xentes da súa cidade. Non para de falar das grandezas e das marabillas de América e trata de convencer ó sobriño para que se marche alá, onde hai grandes perspectivas de triunfo, sempre que se saiban ben as matemáticas, imprescindibles para facer fortuna.

  Ramonciño atura as peroratas do seu tío con certo humorismo, resistíndose ás constantes invitacións de levalo para Arxentina. Cando remata o bacharelato, a familia recibe unha carta do tío chamando polo sobriño predilecto. O rumboso e rico empresario de tuberías e desatascos mándalle unha pasaxe de terceira clase para levalo cabo del a triunfar como tantas veces lle dixera.

  Pero o pai salvara a Ramonciño de emigrar contra a súa vontade. Este último motivo pon de releve a cutrería do tío, un personaxe disonante xa no entorno familiar no que se desenvolve a historia.  Contrasta coa imaxe do pai (unha das escasas visións positivas desta figura humana en toda a obra de Blanco-Amor), un home que non se deixa engaiolar polas andrómenas do seu cuñado, a quen non lle aguanta ningunha das súas parvadas."
Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 109-110

lunes, 9 de junio de 2014

O asubío do tren

"A min dábame moita tristura o asubío do tren. Cando era no bo tempo duraba pouco, pasaba rachando o ar como un paxaro. Pro no tempo das chuvias perdurabres, ía e viña por sóber de nós, arredor de nós, estarricándose, subindo e baixando por enriba dos nubeiros, mergullado nos profundos da terra, rolando polas canles do sangue noso. Era un laído rondo, axordado, ouveado que metía a pena no corazón. Alonxábase, facíase mol, i o tren arrastrábao após de si como un pano longo, como un fumo vagantío, até desaparecer. Entón o silencio debruzábase outravolta en col da cibdá e tornaba a ouvirse máis rexo e seguido o escachar da chuvia nos teitos, i o vomitar dos canos nas lousas das rúas. Con todo, o asubío do tren era como unha escampadela, e cando se deixaba de ouvir somellaba que chovía máis arreo, con raiba aínda maor.

  Dun xeito ou de outro, eu sempre estaba agardando o asubío do tren, aínda sendo triste, como si fose unha carta leda de algúen, como unha nova que chegaba de lonxe, como un aceno que pasaba chamándome, que fuxía de aquela cibdá, de aquela esterqueira, solagada baixo a iauga dos ceios."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O encalatro", páx.37

sábado, 7 de junio de 2014

Cando finaba aquil vrau

"Cando finaba aquil vrau, ó meu primiño déronlle outra vegada as callenturas, que non era ningunha novidá. Pro como non se lle ían, levárono empanado ó Santo Cristo de Auria, e voltou pior. A min sempre me paresceu que Deus tiña mentes de o chamar a par de si, porque ven se vía que non era moito o que tiña que facer niste mundo."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "Bartomeu i os Biosbardos", páx.65