Mostrando entradas con la etiqueta pico_zas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pico_zas. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de octubre de 2018

Un sol negro e violento

"Eu non me sentía roubada nin burlada nin asaltada, senón amada. Pero sentía tamén que todos aqueles veráns de Beiro, as nosas conversas no Carpazal, o noso mundo do wigwan, as historias que nos contaba o criado Anselmo, todo, absolutamente todo canto levabamos vivido naquela casa, incluso a vida da propia mamá, aquel seu encontro con Leopoldo durante aquel afastado verán, todo estaba tinguido agora pola color vermella daquela auga manchada de sangue que eu vira na bañeira o día da morte de Carlos, e que sería imposible de recordar xa nunca máis a limpeza azul e transparente dos ceos color turquesa que amparaban as nosa vidas cando estabamos en Beiro. Tiña  a impresión, pechada na biblioteca, escoitando de lonxe os ruídos que chegaban de fóra, o picar dos canteiros en Zas, as voces dos labregos traballando a terra nos campos de arredor, o cacarexar das galiñas no patio da casa, á beira do pozo, mesmo o silencio das teclas inmóbiles do piano, que se convertían nun estrondo, como se o pistoletazo que Carlos disparara naquela madrugada quedase para sempre suspendido no aire, convertido nun sol negro e violento."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240-241.

viernes, 14 de septiembre de 2018

Sós ata a canteira

"Ao primeiro valeuse de Susa, pero cando se decatou de que a criada os acompañaba a distancia e que baixaba con eles ata o Carpazal, pero que os deixaba subir aos dous sós ata a canteira de Zas, e que ela quedaba sentada no banco da Carballleira da Fonte, alegando que lle doía un calo ao andar, puxo a mamá a bordar unha mantelería que empezara o inverno anterior.

  (...) Eu quería imaxinar a mamá como unha rapaza de dezaseis anos, intelixente e fermosa, vivindo durante moito tempo no paraíso daquela casa de Beiro, rodeada de xente que non pretendía outra cousa que facela feliz, desde a criada ata os seus pais."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 212.

martes, 4 de septiembre de 2018

Unha sombra temida

"Eu sentei ao lado de mamá, mirando en dirección ao río. Da parte do Pico de Zas, á esquerda do Carpazal, sobre o azul do ceo debuxábase unha nube minúscula, quizais os restos do lume feito polos paisanos para queimar a maleza dalgunha bouza. O criado Anselmo contara na véspera que os veciños do lugar andaban á caza do lobo Toribio, que como todos os veráns se deixaba ver de cando en vez, apenas unha sombra temida no medio da noite, atravesando os bosques camiño dos prados."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 198.

martes, 7 de agosto de 2018

A beleza dos obxectos

"Era certo que Beiro conservaba a beleza dos obxectos e das cousas, o monte e os bosques, a horta e o estanque, mesmo o tintín dos picos dos canteiros de Zas, e aquela casa, cos seus salóns, o piano, as pinturas de papá no meu cuarto, a solaina aberta cara ao río. Pero eu non acababa de resignarme a vivr soa con Arturo, sen a presenza de mamá e de tía Mercedes e de papá e de Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 159.

lunes, 30 de julio de 2018

Os golpes dos canteiros

"Mentres o dicía achegouse a min por detrás, colleume a cabeza para xirala cara a el,, miroume aos ollos e bicoume. Por riba do seu ombro eu vía o Pico de Zas e pareceume que escoitaba os golpes dos canteiros cantando sobre a pedra. Fixen o xesto de aguzar o oído para escoitar mellor e Arturo preguntoume qué cousa estaba escoitando. Respondinlle que non escoitaba nada. Soltoume e empezamos a andar cara ao alto da horta, camiño da csa."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 154.

sábado, 21 de julio de 2018

O tintín, rítmico e pausado

"De lonxe chegaban as voces da xente que traballaba nas terras de arredor e o tintín, rítmico e pausado, dos picos dos canteiros que labraban a pedra na canteira de Zas. De máis lonxe aínda, entrando pola conca do río, viña o balbordo rumoroso da cidade, alá abaixo, como un rezo aburrido. Acordeime do Parque de San Lázaro e das miñas amigas, coas que xogaba alí polas tardes, vixiadas sempre por Delfina, e dos recreos no patio do colexio e da madre Eulalia, que nos paraba nos corredores e nos obrigaba a mirala fixamente aos seus ollos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 135.

martes, 10 de julio de 2018

As estrelas

"Recordeillo no coche, a noite da súa morte, cando estabamos parados na estrada, á beira do bosque que baixaba desde o alto de San Vitorio. (...)

  Apertoume unha man e sinalando cara o ceo, dixo: "Mira, Periquita, aquelas estrelas que se ven alá, por riba do Pico de Zas, son as constelacións de Xéminis". Díxome que lle gustaba mirar as estrelas polas noites, que unha vez, sendo neno, estaba paseando co seu pai pola horta da casa de Bóveda, despois de cear, e que Leopoldo lle dixo rindo que lle podía regalar o ceo, e que á mañá seguinte o chamara á biblioteca e lle dera un libro que traía uns mapas do firmamento, e que pouco despois, unha semana máis tarde, o seu pai baixara á cidade e aparecera cun telescopio."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 110-111.

martes, 26 de junio de 2018

O Xigante Briareiro

"Eu non sabía ben quen era o Xigante Briareiro, pero Carlos aclaroume que na parte máis alta do Pico de Zas, nunha das canteiras abandonadas, entre as neves, vivía un monstro horrible, con tres cabezas e centos de brazos. "Pero se non Pico nunca hai neve", dixenlle eu. (...)

  Colleu catro paus bastante gordos, fixo con eles unha especie de cadro e colocouno no medio da parede da caseta que daba cara á parte alta do Carpazal."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 77.

lunes, 25 de junio de 2018

Unha ventá

"...xa nós estabamos correndo escaleiras abaixo, abriamos o portal da horta e seguiamos correndo sen parar, monte a través, polo medio do bosque, camiño do Carpazal." p.74

"Todo empezou porque eu quería construír unha ventá na parte da caseta que daba ás canteiras de Zas e el prefería poñela do outro lado, cara á parte alta do Carpazal." p.76

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. 

miércoles, 20 de junio de 2018

Unha grella ardendo

"... e despois tocoume levemente cos dedos na punta do nariz e dixo: "Vai unha noite preciosa". Mirei para o ceo. Cara á nosa esquerda, por riba do Pico de Zas, o resplandor das luces da cidade, escondida detrás do monte, dáballe a este un aspecto místico, un aura de cousa santa que a Carlos, en cambio, lle pareceu como o lombo azulado dun porco bravo posto sobre unha grella ardendo. Naquel momento escoitouse ao lonxe o ouveo dun can, un lamento ferido de animal que venta a morte e que me deixou muda, coa gorxa apertada polo medo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 62-63.