Mostrando entradas con la etiqueta Resvié. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Resvié. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de mayo de 2018

Aloucadamente no peito

"Na esquina da catedral observou a dous cóengos, un deles coas mans metidas nos petos da sotana e o outro fumando un pito de forma discreta, como se pretendese evitar que o visen desde as terrazas da praza. De maneira inconsciente, a pesar de que ela xa tiña pensado seguir polo mesmo camiño onde se atopaban os cregos, torceu cara á esquerda. Cando se estaba achegando á altura da librería Resvié, sentiu que o corazón lle saltaba aloucadamente no peito e que unha dor fina coma unha agulla se lle cravaba no medio do esternón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 265.

viernes, 16 de mayo de 2014

As botinas do comercio

"Eles levaban morceguís, como os dos paisanos, deses que se mercan na feira do 7, untados de grasa, ou zocos cando chovía, que, tal como decían, mantiñan os pés quentes como roxós. En troques a min as botinas do comercio, decote furadas no meio da sola, collíanme auga no tempo das chuvias, que era coasi todo o inverno, tendo que ire dende a miña casa, na rúa dos Fornos, até a escola de balde que era no Posío, tapado con pariaugas de muller, o da miña nai, xa moi vello, que se daba volta co vento, aínda que fose pouco, e facía rir a todos.

  (...) Tamén teño que decir que a señora Fermina non sabía ler nin escribir, pro levaba moi ben as contas, moi polo miúdo, nuns coadernillos, dos da letra inglesa, que me mandaba mercar na librería do Resvié."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 29