Mostrando entradas con la etiqueta mortos_verán. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mortos_verán. Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de noviembre de 2017

Voltas e revoltar arredor

"a cal suxerencia se seguiu por parte do funcionario actuante, que acompañado por don Florentino Suárez Naveira fixo o percorrido aconsellado, atopándose coa certeza das observacións por aquel formuladas, a saber, que as rodeiras do auto estaban marcadas con claridade no camiño que desde a cima da Costa das Rolas leva dereito ó corazón mesmo da serra; o cal camiño seguiron por espacio duns oito quilómetros, ó cabo dos cales as marcas se desviaban en dirección a un campo labrado, onde se perdían en voltas e revoltas arredor dun penedo situado no medio e medio dunha especie de aira"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 127.

sábado, 11 de noviembre de 2017

Un espacio de tempo tan dilatado

"Inquerido para que dixese se sabía que dirección collera a camioneta ó chegar ó alto da costa, se a das Gándaras de Fontearcada, cara á dereita, ou a Serra de Boimorto, cara ó lado contrario, respondeu o señor Suárez Naveira dicindo que era ese un extremo dificilmentre precisable, aínda que pola dirección do vento, que sopraba mainiño do nordés, e tendo en conta os minutos que seguiu oíndo o ruído do tubo de escape, el tiraba a conclusión de que seguira a segunda das direccións citadas, pois caso de seguir a primeira, a enorme parede de pedra que forma o alto do Leboreiro na caída cara á chaira impediría que o auto se seguise escoitando durante un espacio de tempo tan dilatado"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 165-166.

viernes, 10 de noviembre de 2017

Co río polo medio

"mentres oíu voces polos arredores, é dicir, algo máis de media hora, momento en que escoitou de novo o motor da camioneta, que volveu parar uns minutos máis tarde, xusto cando despois de dar a volta pola Ponte Grande enfiou a Costa das Rolas e volveu pasar preto de onde se atopaba, pero co río polo medio"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 165.

jueves, 9 de noviembre de 2017

Ós rebolos

"pero poñéndose novamente de pé pasados uns minutos e protestando de que tragara polvo e tiña que chuspir, para a cal necesidade obtivo autorización dos individuos que o vixiaban, ós que probou aínda unha terceira vez antes de que se confiasen e puidese el pegar un salto ó chegar á curva que chaman da Fontela, por onde caeu ós rebolos ata bater co lavadeiro que hai na entrada da ermita de San Lourenzo, a parede do cal o amparou dos primeiros tiros, botándose logo polos socalcos da ribeira abaixo en procura do río, concretamente das espadanas do Pozo Caión, onde estivo agachado, coa auga polo pescozo"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 165.

miércoles, 8 de noviembre de 2017

Mirar pola fiestra

"Localizado despois de tres días o tal Florencio Suárez Naveira, que se ocultaba na casa duns parentes en terras de Ganade, dixo que sendo aproximadamente as cinco horas da mañá do mesmo día vintetrés do mes en curso, oíra el como un auto se detiña moi preto da súa casa, polo cal sentira a curiosidade de erguerse e mirar polas fiestra para ver que cousa sucedía"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 162.

martes, 7 de noviembre de 2017

Camión ou camioneta

"pois polo ruído do motor tiña para si que o auto de que se servían non era dos chamados particulares, senón camión ou camioneta, diferencia que el estaba en condición de establecer con relativa seguridade pola razón de que un vehículo de características semellantes pasaba tódolos días por diante da súa casa cos traballadores do salto de Madrosende, algúns dos cales residían incluso no lugar"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 161-162.

lunes, 6 de noviembre de 2017

Unha necesidade urxente detrás do muro

"os cales se retoman no preciso instante en que un individuo chamado Anselmo Vidal Dafonte, de trinta e cinco anos, veciño do lugar de Zapeaus, distante dúas leguas desta vila, de profesión labrador, informou a este funcionario que sendo as cinco horas da mañá do pasado día vintetrés do mes de setembro que corre, estando el no trance de facer unha necesidade urxente detrás do muro da horta do seu sogro, xusto ó pé dunha mazaira que se ergue nunha parte próxima ó camiño que vai da igrexa parroquial ó campo que chaman A Cortiña de Isidora, oíu el o motor dun auto que pasaba"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 161.

domingo, 5 de noviembre de 2017

Nun café da capital

"como os que aluden a que na citada misiva se incluía un relatorio detallado, con nomes e datas, das dúas veces que o boticario don Modesto Vilariño Dacal e o señor Fuentes Iglesias se tiñan entrevistado nun café da capital durante o mes de agosto do ano mil novecentos trinta e dous, despois dos sucesos da Virxe do Carme tantas veces aludidos"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 159.

sábado, 4 de noviembre de 2017

Busca e captura do fugado

"Dada a voz de alarma nese preciso instante, organizouse de inmediato a busca e captura do fugado, dispoñéndose ó efecto que unha patrulla da Benemérita batese a zona comprendida entre o vello convento onde o mentado estaba detido e os altos do monte do Picouto, mentres que outra se encargaba de rastrear a comarca próxima ó lugar da Pedrosa, precisamente aquela na que o fuxido fora antes capturado"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 158.

viernes, 3 de noviembre de 2017

Auga recollida na casa dun veciño

"tal como se deducía dunha proposta que o único que pretendía era que se dixese o que moitos agardaban: que as lágrimas da Santísima Virxe do Carme non eran máis que auga recollida na casa dun veciño, exactamente igual á que deitaba a diario o cano norte da fonte da Praza Maior, a cal conclusión estaba en contra de canto ata entón a comisión investigara"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 156.

jueves, 2 de noviembre de 2017

Concentración

"acompañado de Abelardo Pampín González, alias Iscariote, e de Rafael Nogueira Codesido, o cal no momento de chegar ás escaleiras se volveu cara ás persoas que agardaban no adro da igrexa para anunciar que ó día seguinte habería concentración na Praza Maior co fin de protestar contra a farsa inventada polo señor cura don Bernaldo en contra do sindicato"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 151.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

Ter visto chorar

"e que os feitos para el empezaran a noite do día dezasete de xullo do ano mil novecentos trinta e catro, cando sendo as nove horas post meridiem e estando el no acto de reparar forzas antes de ir á cama, recibira recado verbal de que se presentase urxentemente en Palacio, requirido polo señor bispo da diócese para tratar dun asunto secreto, e que era este asunto que unha moza chamada Anunciata Romero Figueirido, de vintedous anos de idade, solteira, natural de Sarois, preto da capital, aseguraba ter visto chorar a unha imaxe da Santísima Virxe do Carme existente na igrexa parroquial da localidade da súa residencia"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 144.

martes, 31 de octubre de 2017

Unha vaca con tose

"e que o pretexto consistiu en pedirlle o favor de que lle vendese dous frascos de xarope Movidaca, que tiña unha vaca con tose e sospeitaba que fora collida por unha peste súpeta que empezara había tres días pola parte de Laroá e que chimpaba os animais en menos de dúas horas, polo cuio era de razón tanto solicitar o sacrificio do señor Vilariño Dacal nun asunto de importancia semellante como atreverse a causar a molestia que el estaba causando"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 138.

lunes, 30 de octubre de 2017

Unha hora tan inadecuada

"Requirido a continuación o condenado para que ampliase ata onde puidese ou considerase conveniente o dato por el mesmo referido sobre o episodio que enfrentara ó capataz Isolino Madarro Fenández con Pedro López Sarandeses no cruce da Rúa Cega co Caleixón das Ánimas, dixo que a única ampliación que podería facer naquel momento era que el sabía de fonte segura pero secreta que o tal Pedro López Sarandeses fora o cebo preparado polas centurias da capital para que o señor boticario abrise a porta a unha hora tan inadecuada"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 138.

domingo, 29 de octubre de 2017

Voltas de madrugada

"que ata o cárcere lle chegara a el, quérese dicir ó declarante, a noticia de que aínda o xoves pasado viran ó señor propietario da Fábrica dando voltas de madrugada polas parroquias de Guntimil e Gorgoloza en busca do aludido, e que non podendo dar con el, colleran a Virxilio López Díaz, do cal lle dixeran que era amigo e compadre do buscado, e que ameazaran con matalo"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 137.

sábado, 28 de octubre de 2017

Choromicaba

"e que había ademais o dato de que o día vintecinco de xullo pola noite alguén vira ó capataz Isolino Madarro Fernández collendo polo pescozo a Pedro López Sarandeses, xusto na esquina que fai a Rúa Cega ó se xuntar co Caleixón das Ánimas, mesmo debaixo do balcón da casa do ministro do xulgado, o que o tal Madarro Fernández lle estaba dicindo unhas frases relacionadas coa participación no suceso de que se fala, as cales frases contiñan ameazas contra o individuo mentado, que choromicaba e aludía ó crime"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 136.

viernes, 27 de octubre de 2017

Aquel mesmo día pola mañá

"respondeu aquel dicindo que a noticia sobre a participación directa do señor Fuentes Iglesias nos feitos investigados lle viñera a el de testigos presenciais, concretamente dunha persoa que o visitara no seu domicilio o mesmo día do crime pola noite e que lle contou que fora xente das centurias da capital a que se presentara de madrugada na casa do señor boticario con intención de detelo ou secuestralo, e que despois fora este conducido nunha camioneta branca ata o lugar que chaman A Devesa de dona Ermelinda, onde xusto ó pé da caseta do peón camiñeiro, no medio e medio do Souto das Carochas, agaradaba o auto particular de don Andrés Fuentes Iglesias, o cal se fixo cargo do detido, trasladándoo inmediatamente ó Campo das Poldras, onde apareceu morto aquel mesmo día pola mañá"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 134-135.

jueves, 26 de octubre de 2017

Na camioneta branca

"do cal dixo a continuación o interrogado que fora el mesmo en persoa, quérese dicir o señor Fuentes Iglesias, quen se presentara no domicilio do declarante na madrugada do vintecatro de xullo  próximo pasado, armado con pistola e acompañado dunha tropa de non menos de dez homes que o detiveron e introduciron na camioneta branca da Fábrica e o conduciron despois en dirección ó Campo da Ladeira, onde foron interceptados por individuos de uniforme militar que se fixeron cargo del e o trasladaron ata o lugar que no día de hoxe ocupa o destacamento provisional destinado nesta praza."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 127.

miércoles, 25 de octubre de 2017

Para o destrago

"e que o Fernando Gutiérrez Allegue pretendía dirixir a milicia municipal, coa cal tiña xa acordada a detención de trinta e tres persoas, entre eles o señor Fuentes Iglesias, ó cal pensaban fusilar despois na mesma Praza Maior coa asistencia obrigada de tódolos veciños, sospeitándose ademais que o tal fusilamento se faría con munición especial para o destrago."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 120-121.

martes, 24 de octubre de 2017

Unha bomba de trilita

"iniciando entón as mulleres o canto do "Ay de mí", que secundaron todos, como secundaron tamén cando Isolina Pérez Landeira conduciu en voz alta o rezo do rosario, co único incidente de que ó chegar á altura da Fonte do Corgo estaba Rudesindo González Sueiro, alias Nécora, mexando no medio e medio da praza, ó tempo que na man esquerda mostraba un bote de pementos morróns que el dicía que era unha bomba de trilita, co cal pensaba desfacer a procesión e mandar a vinte polo menos para o outro barrio."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 118-119.