Mostrando entradas con la etiqueta escuros_soños. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta escuros_soños. Mostrar todas las entradas

sábado, 22 de julio de 2017

Un pauto co demo



“Salvouno a revolución de 1868, anque el o atribuía a un pauto co demo, a quen lle chamaba sempre Perello. Volveu á sua aldea e en 1874, como dixen, proclamou a República Independente de Francelos, cos resultados que xa se saben. Morreu xa velliño en 1885, tres días despóis do pasamento de El Rei. Dixeron daquela, según refire o folleto que resumo, que o desminte, que don Luis se fora deste mundo de resultas dunha enchenta solitaria, con moito de porco e bastante de viño, para celebrar o acontecemento. Pero o seu apaixonado defensor e biógrafo asegura que foi o saber que a Rexente, dona María Cristina de Habsburgo-Lorena, quedaba empreñada, o que lle meteu tal tristura na alma que o foi ensumindo, ensumindo, hastra dar co seu corpo, enrugadiño e flebe, no camposanto, pois o señor abade de Francelos non pasou por que fora enterrado nunha leira, xa que, tolán e todo, don Luis non deixaba de ser un veciño.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 127-128.

viernes, 21 de julio de 2017

A tertulia da rebotica



“Pasados os anos tolos de estudiante, don Luis volveu a Francelos, onde mirando pola tenda que fora do seu pai vivíu sin facer gran cousa hastra 1835, data en que empezou a frecuentar a tertulia da rebotica de Chao en Ribadavia. Nela ganou zona de home equilibrado, por mais que chuspira cando vía ao cura pola rua ou se puxera de costas contra a parede cando se cruzaba cos frades franciscanos, pois, según el, había que protexerse, porque “Esta xente nunca se sabe”, decía.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 126.

jueves, 20 de julio de 2017

Rinchaba como cabalo á porta da eirexa



“Según este folleto, que copiei íntegramente, don Luis Meruéndano del Campo foi un pequeño fidalgo do ribeiro, con pazo ou casa grande no lugar de Francelos. Estudiou Dereito en Santiago, onde se afiliou á loxia co nome de “Plubio”. Deseguida criou fama de terrible, cagou nunha alfombra do bispo Monroy sóio por ser do bispo, confesaba unha vez cada semana para lle decir animaladas ao confesor e rinchaba como cabalo á porta da eirexa de Salomé tódolos domingos ás dez, para molestar aos que estaban dentro escoitando misa.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 125.

miércoles, 19 de julio de 2017

Un día, ao chou



“Pero un día, ao chou, cando andaba buscando datos para un traballo sobre Curros Enríquez na biblioteca Rey Soto, cosido a un mazo de exemplares do periódico “O Tío Marcos da Portela” atopei un pequeno folleto manuscrito titulado: Malaventuras de don Luis Meruéndano del Campo, condenado a morte e salvado nas últimas por intercesión do Perello, e morto na cama moitos anos despóis de mal da alma, por Farruco Paz, Licencidado en Dereito.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 124-125.

martes, 18 de julio de 2017

A pista do personaxe



“o caso é que no citado impreso se di textualmente: “Cierto es que el insigne farmacéutico era un genio tanto de la química como de la mecánica, pero no es menos cierto que su inmenso saber no era menor que su proverbial generosidad y que a través de esta última se derramó aquél abundantemente. Discípulo aventajado suyo fue don Luis Meruéndano del Campo, de Francelos”.
Tal insinuación picoume tanto na curiosidade que decidín seguir a pista do personaxe. Durante anos non conseguín averiguar sobre el outra cousa que nacera en Francelos en agosto de 1803 e que morrera no mesmo lugar en novembro de 1885.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 124.

lunes, 17 de julio de 2017

Cadea nos máis negros tempos



“Trátase alí de exculpar ao boticario Xosé María Chao, de Ribadavia, a quen, como é sabido, o xeneral apuña ser o fabricante da carta bomba que lle arramplou cunha man no seu despacho da Capitanía, na Coruña, feito polo que Chao sufríu tormento e cumpríu cadea nos mais negros tempos do absolutismo fernandino. Fora inocente ou non o boticario republican, e polo primeiro parece que se inclinan o autor do folleto e o mesmo Curros Enríquez, que así o sostén no estudio biográfico que lle dedicou ao seu fillo Eduardo Chao, Ministro de Fomento na Primeira República.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 124.