José Paz -así escrito en
reintegrado galegoportugués como a el gusta e debera ser- é un ourensano da
Corna, aldea empoleirada nos montes de Piñor de Cea, a primeira da diócese de
Ourense, vindo de Compostela. E como todos os desta bisbarra, entre Oseira, o
Arenteiro e a Madanela, é teimudo, profundador, afeito á cultura dos camiños, á
tolerancia das encrucilladas, amigo dos amigos e sempre cun sorriso agasalleiro
por diante. Tamén nestas terras montesías tiña devanceiros Camilo José Cela, e
notábaselle ben, escenarios que aproveita como inspiración neoesperpéntica para
a súa 'Mazurca para dos Muertos'. Terras de feirantes, de franciscanos, como
Xoán Xacobo Fernández, mártir en Damasco, dos Legísima, do campeón de loita
libre o 'Gorila'.... José Paz é dos que leva unha estrela na fronte e no bico
un cantar.
Alí, na Corna, a carón da vella
estrada de Ourense a Compostela, coida a súa casa de ida e volta e ás súas
queridas pantasmas. Pasa e fai pousada e fonda fixa en Auria, cidade- roda de
afiar, da que é faísca de luz, couto ou nimbo que é o noso Ourense.
José Paz, ten os pes na Terra:
fondo coñecedor do Seminario de Estudos Galegos, de 'Nós' e da súa sementeira
de 'bos e xenerosos', onde Ourense tanto aportou con Vicente Risco, Cuevillas,
Otero Pedrayo, Xocas e moitos que o mesmo Paz e outros tivemos o privilexio de
coñecer. Bo seminario para un sucesor de don Vicente Risco, como profesor de
Didáctica na Escola Normal de Ourense, da que


