"Baixo o lema de "A cidade e a palabra", o outono de Ourense mesturouse coa primavera exultante das letras que se reúnen para coñecerse e mestizarse, nunha vontade de multiculturalidade que rompe fronteiras desta globalización estéril.
"Cando eu era aínda moi rapaz, seguíase a falar do caso entre as boas xentes de Auria, cibdá onde nascín e onde as cousas ocurriran. O caso contábase de moitos xeitos pro todos viñan a casar no final, que decote era o mesmo." Eduardo Blanco Amor deixou nesa "Documentación" d´A esmorga a vontade memorística e de recuperación dos feitos históricos e, polo tanto, reais dos sucesos que na novela se relatan. Este afán de veracidade do contado resulta excesivo. Non o sería, probablemente, ao falarmos de calquera outra cidade, pero falar de Ourense é falar de credibilidade do literario parece redundante. Todas as narracións, de Otero Pedrayo a Ameixeiras, de Fernández Naval a Bieto Iglesias, de Ferrín a Risco, de Antón Riveiro Coello a Fernández Ferreiro, de Camilo Franco a Carlos Casares teñen o seu pouso e apouso no Ourense das burgas e da ponte romana, de La Zarpa e do viño novo do Ribeiro. A sordidez urbana abrolla xunto coa saudade fidalga e pazos e quintas e mestúrase toda ela cunha cidade e un río como único arrecendo. Tamén os poetas cantaron dende Auria da man dun poema que navega nas vides, nos entroidos, nos magostos e nos maios atemporais de Antón Tovar, Celso Emilio Ferreiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, Chus Pato, Pura e Dora Vázquez, Lamas Carvajal ou Curros Enríquez. É o Ourense da xeración Nós e tamén o actual, unha auténtica célula da universalidade, en lembranza da intelectualidade que nos anos vinte encheu de ouro literario as rúas da cidade, pero tamén como parodia da situación política actual. Ourense vístese de pasado de letras glorioso e reafírmase cada día con tinta verquida dos pulsos dolorosos de quen cre nunha lingua e nunha creación literaria. É por isto que un Galeusca dedicado á cidade debía recoñecer e recoñecerse en Ourense, cun punto de apoio complementario e fundamental na vila de Allariz.
