Mostrando entradas con la etiqueta cd_ourense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cd_ourense. Mostrar todas las entradas

sábado, 8 de octubre de 2016

Outra andrómena

"Aínda parei unhas señoras, no cruce da rúa do Concello, para preguntarlles onde estaba. É outra andrómena que uso moito cando estou decaído. Paro transeúntes no Progreso, no Paseo ou na Diagonal e interésome polo nome da rúa. A xente -procuro preguntarlle a señoras que van de compras ou a empregados da banca- alégrase de poder lucir os seus coñecementos. General Franco, José Antonio, Juan XXIII, responden os sabichosos, sen darse idea da gracia que me causan. (...)

  Os compañeiros, a medida que foron chegando, engancháronse na discusión de sempre sobre os males rojillos. Que se Ordax sufría tortícolo e non metía un cabezazo entre os tres paus, que se Fuertes era un chanquiñas e Montenegro unha bailarina... Falouse incluso de deixar os sensabores do balompé e organizar un campionato de chave."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.120

domingo, 24 de abril de 2016

¡Qué partidazo!

"As visitas rodeaban de afecto ós doentes, e os doentes parecían encariñados cos seus achaques. A Tina non se presentou. Á tardiña veu o Maragato contarme do Trofeo de verán disputado no Couto:

  -¡Qué partidazo, Sindo! Empates ata case o final. A xente xa lle berraba ó negrito do Sevilla. ¡Chamizo, tizón, vaite cos monos!, porque o pillabán xoga como quere e volvía tola a nosa defensa. E coa mesma, Seara rouba un balón e pásallo ó Pataco; este canea a dous ou tres e lanza ó extremo esquerdo; centra Cortés a media altura; o Taboada dálle un couce ó aire, el se non é coa testa nada, é coxiño das dúas pernas, con tan boa sorte que despexa un defensa e rebota no Saltón. Nos trastes, pegoulle nos trastes. Dobrouse ragañando os dentes coa dor, pero o rebote entrou e o demais son contos."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.32

viernes, 22 de abril de 2016

¡Velaquí o gran home!

"-¡Velaquí o gran home! Quero felicitalo sinceramente, inspector Nespereira. Debían tomar exemplo máis de catro maulas. Cuns cantos funcionarios coma vostede, celosos do seu deber, o Réxime veríase libre de senvergonzas e aproveitados.

  Nada dixen, pero estaba por xogar algo co Maragato a que acertaba o próximo presidente do C. D. Ourense. E podía incluír na aposta a dirección da Caixa de Aforros. De alí a pouco, entrou no salón o meu xefe, cariacontecido e visiblemente amolado por terme saltado eu o escalafón, visitando ó Marqués antes de presentarme a el.

  -¡Ah, comisario!, ben me podía emprestar para a Deputación algún dos seus homes. Se todos son a metade de eficaces que o inspector, xa pode sentirse orgulloso."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.31-32

miércoles, 20 de abril de 2016

Era preciso espilirse

"-Voou o paxaro. "DESFALCO EN LA CAJA. Su presidente y conocido industrial tostadero, así como dirigente deportivo del Club Deportivo Orense, huyó al Brasil, según ha podido saber nuestra redacción de fuentes bien informadas próximas al Gobierno Civil."

  Pasei a tarde dándolle voltas á miña situación. Era preciso espilirse. O xefe non sabía nada de min. Tal vez me dese por morto ou me fixese en Copacabana, apalpando mulatas co Tostão. Tiña que asomar a orella para ben ou para mal. Cando oín a sirena da Fundición Malingre, chamei á Tina e encargueille un mandado.

  -Vas a San Francisco, ó cuartel da Garda Civil, e preguntas por un tal Noguerol. Dáslle o meu nome."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.29-30

domingo, 17 de abril de 2016

O moi conán

"E non sei tampouco como lles sentará ós xefes de Madrid o conto, se llo meteron no cu. Prohomes de Ourense, país irmán que precisa soldados para que os pretos non se manden mudar e Portugal non fique pequenito. ¡Ca, mal asunto!

  -Pero a vostede non lle vai nin lle vén. ¿Que quere? ¿Diñeiro?

  -Quero que o Ourense suba a segunda dunha vez, e con presidentes coma vostede... ¿Sabe por que o convidei precisamente aquí? Olle o río, esa auga escura. É o pozo Maimón, onde veñen parar e saen á cima os afogados. Todos os veráns dous ou tres bañeses afogan no río e terminan aquí o solago. ¿Comprende?

  O Tostão ergueuse e deixoume sen dicir palabra. Nin sequera pagou o xantar, o moi conán."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.28

sábado, 16 de abril de 2016

Aquí non se move unha palla

"Despedín á Tina, encomendándolle que pasase pola redacción de A Zarpa a comprobar en números vellos os goles marcados polo Saltón nas seis tempadas como titular do Club Deportivo Ourense. Axiña a chamaría eu con instruccións, segundo soprase o vento. Polo mes de Santiago aquí non se move unha palla, de maneira que o Tostao entendeu ben a que me refería."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.27

martes, 29 de marzo de 2016

Paga, Maragato, paga

"-O Saltón vaise ó Atlético de Madrid. O senvergonza do Tostao vendeuno por catro cadelas. Ese polos follatos... Eu vou rachar o carné de socio. Estou ata os trastes de facer o pagano.

  -¡Ai, amigo!, se non houbese parvos coma ti, ¿de que vivían os agudos? ¡E como viven! Escoita: "...la hija del señor Rivas Caridad, destacado industrial de nuestra ciudad y presidente del club rojillo, contrajo nupcias con un joven médico de brillante porvenir. El banquete congregó en el Restaurante Carneiro a más de doscientos amigos." Paga, Maragato, paga, segue cebando ós que xa están ben gordos.

  -Non che chupa só do equipo. Nin do café. A min que non me amolen. ¿De onde sae ese haiga no que pasea e o chalé na Derrasa."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 12