Mostrando entradas con la etiqueta aspanitas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aspanitas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 30 de diciembre de 2015

Regalos aurienses para cativas e cativos



Nadal de 2015: como en decembros anteriores rematamos un ano e comezamos o seguinte recomendando lecturas para cativos e cativas que os introduza no mundo literario e xeográfico de Auria. Se en anos anteriores viaxamos coa familia Bolechas e o capitán Aspanitas e o seu equipo, desta viaxamos, con Brais e Nemeto, a Lánsbrica.

Os Bolechas van de viaxe: As pozas de Ourense (2009) , banda deseñada de Pepe Carreiro, presume de ser a primeira guía turística de Ourense, guía para que os cativos entren en contacto, xa con poucos anos, cos lugares emblemáticos de Auria: a ponte romana, as Burgas e as pozas e a pasarela de Outariz. Outros lugares como a traseira da Ribeira de Canedo e o Tinteiro son  menos coñecidos. Facer un percorrido desde a praza Maior até Outariz no tren turístico que usan os mesmos protagonistas da historia é unha oportunidade marabillosa para descubrir a cidade por parte dos cativos, e tamén dos visitantes que se achegan por vez primeira a nosa cidade.  A idea de fotografar aos menores nos mesmos lugares que visitan os Bolechas pode ser o complemento ideal a nosa experiencia iniciática, tanto literaria como turística. Baixo un intenso calor estival os nosos protagonistas entrarán en contacto coas augas quentes da cidade,  ao tempo que se introduce o tema das separacións dos pais, tan frecuente hoxe en día, e como certos nenos/as cambian de casa algunhas fins de semana.De 0 a 5 anos.

O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (2013) de Ramón Caride. Novela infantil, con debuxos de Jaime Asensi, que tendo de novo como protagonistas as augas da cidade, esta vez cun aire de intriga, é unha desculpa perfecta para realizar un recorrido literario-turístico pola cidade de Ourense. Acompaña a novela dous mapas que poden axudar aos rapaces e rapazas a aprender a orientarse, ao tempo que seguen as aventuras dos nosos protagonistas. Auditorio, Burgas, Canedo, Catedral, Chavasqueira, cemiterio, edificios (Bispado, Correos, Simeón), esculturas (Ánxo Caído, Leiteira, Santo Cristo) Muíño das Veigas, Oira, Outariz, parque S. Lázaro, Ponte Romana, prazas (Bispo Cesáreo, Correxidor, Ferro, Maior,  San Marcial),  Remedios, río Miño, rúas (Cardeal Quiroga, Concello, Desengano, Fornos, Lepanto, Parada Justel, Paz, Progreso, Ribeira Sacra, San Miguel, Santo Domingo) e  San Francisco. Múltiples lugares que descubrir da nosa cidade, recorrelos, familiarizarnos con eles. Unha boa opción é seguir en bicicleta, como os protagonistas, o recorrido desta aventura. O Capitán Aspanitas, o noso superheroe local tamén nos permite achegarnos ao mundo e a labor das persoas discapacitadas. De 6 a 12 anos.

Viaxe a Lánsbrica (2012) de Miguel Mosquera Paans, novela xuvenil que nos achega a historia das terras ourensáns, desde a prehistoria, e múltiples lendas que aínda se conservan polos recunchos da nosa provincia. Brais, un estudante de secundaria do Carballiño, visita xunto aos seus compañeiros/as o castro próximo de san Cibrao de Lás. Despois de caer nun  pozo fará unha viaxe no tempo até a prehistoria, e dende aí, xunto ao xigante Nemeto irá recorrendo distintos lugares de Ourense nunha viaxe pola nosa historia.  Ideal para empezar a coñecer a provincia, e tamén toda Galicia. De 12 a 16 anos.

jueves, 5 de febrero de 2015

Por sorte, alí estiveramos nós

"El intervira nas obras dos centros termais, e por iso instalara dispositivos clandestinos para sabotalos, ao cabo dos anos.
 Como sospeitaramos, planeaba facer unha demostración masiva, tras as probas que nós lle impediramos, deixando todas as burgas sen pinga de auga. Para devolver a auga termal, pediría unha fabulosa cantidade de diñeiro.
 A piques estivera de lle saír ben, e Ourense sen burgas xa non sería Ourense.
 Por sorte, alí estiveramos nós e o Capitán para impedilo."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.72

miércoles, 4 de febrero de 2015

O malandro

"O malandro batíalle forte, tíñao debruzado da varanda da pasarela, colgado por unha soa man. Contivemos o alento, semellaba que o Capitán ía caer, sen remedio.
 Pero en vez de deixarse ir, en caída  vertical, o Capitán pegou un salto atlético. Foi caer aos cabos de suxeición da pasarela, onde se agarrou. De alí volveu choutar ao alto da pasarela, coma un canguro.
 -Beeennn!!! -berramos os espectadores, aliviados.

 O malfeitor estaba a fuxir, coma un alustro, pasarela abaixo, cando o Capitán lle caeu enriba. Non foi quen de resistir máis.
-Entrégome! -dixo, abandonando a loita. Todos aplaudimos."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.70

martes, 3 de febrero de 2015

Unha escena espectacular, que arrepiaba

"Había dúas figuras no cabo máis alto da pasarela, o do sur, que daquela estaba máis lonxe de nós. Sabedes que esta ponte é algo espectacular. Sobre a ponte horizontal, por onde van os coches, está a pasarela ondulada, que lle dá a súa forma inconfundible á ponte. Nun curuto dela, a máis de vinte metros sobre nós, estaban pelexando o Capitán e o xefe dos sabotadores. Ao Capitán xa o recoñeceramos de lonxe, pola súa capa ao vento.
  Era unha escena espectácular, que arrepiaba. Todos estabamos co corazón nun puño. O heroe e o malvado estábanse atizando canto podían. Estaban á beira do abismo, a policía non era quen de intervir polo medo a que perdesen o equilibrio e caesen ao baleiro."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.69-70

lunes, 2 de febrero de 2015

Moita policía chegando

"Chegando á outra beira do río, o malfeitor seguía nadando cunha boa brazada, pero xa un helicóptero da policía ía riba del, pisándolle as costas. E un auto patrulla estábao agardando, na outra orela.
-Este xa está tamén na gaiola.
Todos, mesmo Lois, malia o apuro que pillara, subimos ás bicicletas. Non paramos ata a ponte do Milenio. Estaba a pasar algo extraordinario. Vimos moita policía chegando, ducias de coches parados e unha morea de xente que se congregara para mirar cara a arriba."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.68-69

domingo, 1 de febrero de 2015

Espernexaba na auga do río

"O xefe daqueles malvados perdérase, no entanto, cara a Ourense, aproveitando a confusión. E non era parvo, apañara outra bicicleta, e cando nos demos conta, xa nos levaba unha boa vantaxe. Sorte que o vimos ao lonxe. Como A Chavasqueira está preto da ponte do Ribeiriño e da do Milenio, debía querer pasalas, ou cruzar a segunda se cadra, e perderse na cidade.

(...) Era Lois, que espernexaba na auga do río, tentando malamente aboiar. (...) Sen que ninguén o advertise, porque xa todos, incluído o Capitán, sairamos tras o home de traxe, tirara a Lois da bicicleta, arrastrárao ao río e guindárao nel. Agora el fuxía a nado."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.65-66


sábado, 31 de enero de 2015

Pedal ás bicis

"Démoslles pedal ás bicis polo carreiro das Termas, paralelo ao Miño. O Capitán Aspanitas subiu á estrada xeral, a dos coches, con idea de baixar, ao chegar á Chavasqueira, por detrás do balneario xaponés, para cortarlles a retirada, se é que aínda estaban alí.

 Segundo chegabamos ao edificio de madeira do balneario, antes de termos á vista as pozas, advertimos un grupiño de homes que nos chamou a atención. Estaban baixando a rampla do balneario, cara ao camiño que traïamos nós."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.58

viernes, 30 de enero de 2015

Ou arrasaban as termas de Ourense

"Supoño que hoxe era o día de faceren as probas derradeiras, a ntes de chantaxear á cidade: ou pagábanlles unha morea de cartos ou arrasaban as termas de Ourense.
-Vaia elementos! -Martiño estaba furioso-. E agora que facemos?
-Á Chavasqueira! -berrou Lois, andando cara á súa bici.
(...) se tentaban sabotar cada terma, e xa andaran a facelo nas Burgas e en Outariz, tamén habían tentalo na Chavasqueira."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.57-58

jueves, 29 de enero de 2015

Un plan para arruinar as burgas todas

"-Falou, si. Todo canto quixen. Como sospeitabamos, eles dous forman parte dun plan para arruinar as burgas todas.(...) Mandounos alguén, e mandou varios. Un para cada burga. Un ás do centro, outro a Outariz e un terceiro á Chavasqueira. (...) O xefe, quen concibiu o plan, polo que imaxino, debeulles deixar  un mando a distancia camuflado en cada zona termal, para sabotar cada burga. O mando de aquí xa o descubristes, está camuflado nun dos cadeados que deixan os namorados na ponte."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.56-57

miércoles, 28 de enero de 2015

Vin as pozas sen auga

"-Esta vez, veume ao pelo o teu despiste -dixo o Capitán-. Collino para prendelo á ponte, era  o que tiña máis á man.
 Non era o mesmo home, o que  nos seguira e logo fuxira de nós no centro histórico, aínda que se lle parecía moito. (...)
 -Cando viña para aquí vin as pozas sen auga. E logo vinvos no alto da pasarela, e tamén vin este home tentando agacharse entre as casetas de madeira."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.55-56


martes, 27 de enero de 2015

Un nadiña pola pasarela

"-Non digas máis, Sabela, teño unha sorpresa para vós. De camiño para aquí, despois de apagar o incendio de Oira, vin un tipo sospeitoso, con chándal e carapucha...
 -O que fuxiu de nós en San Francisco?
 -Agora o veredes. Só hai que andar un nadiña pola  pasarela.

Camiñamos un bocado e alí estaba o individuo de marras. No primeiro piar superior da pasarela, preso á columna por unha cadea con cadeado."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.53-54

lunes, 26 de enero de 2015

Plan para sabotar todas as termas

"Corremos onda o Lois, pero xa el estaba apertando os botóns daquel cadeado. Cadeado que, ademais, era cadrado, escuro e moi semellante á caixiña que atoparamos en San Francisco.

 Foi tocalo e escoitar berros abraiantes nas pozas de Canedo e nas de Outariz, aos dous lados da pasarela.
 -Que pasou?
 -Non hai dereito!
 -Será unha avaría?
 -Onde se reclama?
 -Eu viñen de moi lonxe para isto, non o podo aturar...

 Todas as queixas eran do mesmo estilo. Corremos as varandas da pasarela. Miramos as pozas. Todas estaban con xente en bañador, furiosa... e sen auga ningunha.

 Comezamos a entender o que pasaba.
 -Rapaces -dixen eu-. Isto forma parte dun plan para sabotar todas as termas de Ourense. 
 -Este cadeado -insistiu Raia- debe ser o mando a distancia que afecta á condución das augas termais e dos sumidoiros destas pozas. Alguén debeu alterar os sistemas de canalización das augas.
 -O mesmo que na fonte das Burgas, na cidade!"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.51-52

domingo, 25 de enero de 2015

Canta mexericada!

"-Non ides descamiñados, non -dixo outra rapaza de Aspanas Termal, que pasaba por alí-. Isto comezou nunha novela romántica italiana e copiouse en todo o mundo. Estableceuse este costume a partir dunha novela, aínda que vos pareza mentira...

 -Xa sei -dixo Raia-. Agora me lembro. Eu tamén a lin. Na novela, a parella protagonista xúrase amor eterno e, como proba de que nunca se ían arrepentir, guindan a chave do cadeado ao río. Encantoume!

 -Si, ho! -dixo Martiño-. Canta contaminación vai haber no río cando se enferruxen as chaves! Canta andrómena! E canta mexericada!"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.48-50

sábado, 24 de enero de 2015

Cadeados a esgalla

"A área termal de Outariz é grande abondo, así que lle preguntamos a quen tiñamos máis preto, un mozo de chaleco cor laranxa, que se ocupaba do coidado das instalacións.
 -Un cadeado? -botouse a rir-. Será por cadeados!
 -Mirade na pasarela! -díxonos outro-. Seica levades ben tempo sen vir por aquí, rapaces?

 Corremos a onde nos dixeran. Foi entrar na pasarela, que une as áreas recreativas das dúas bandas do río, e ver cadeados a esgalla, presos nos buracos da varanda da ponte. Habíaos grandes e pequenos, medianos, redondos, cadrados... Cadeados de todas as formas e tamaños."
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.47-48

viernes, 23 de enero de 2015

E como atoparemos un cadeado aquí?

"Como todos somos bos ciclistas, e estamos en boa forma, seguimos a ruta ao pé do Miño. Pasamos A Chavasqueira, as pozas do Muíño das Veigas e non tardamos en chegar a Outariz. Xa era media mañá ben andada, entre unha cousa e outra, e comezaba a haber xente bañándose.

 -E como atoparemos un cadeado aquí?"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.47

jueves, 22 de enero de 2015

Sabía que nós eramos de confianza

"Ángel Caído", 1951
"-E se llas pedimos a Xurxo? -Xurxo é un dos nosos profesores de educación física. Tamén adoita andar no pavillón dos deportes dos Remedios, como monitor-. Se estivese hoxe, ben nos podería deixar unhas bicis...

Baixamos polo monumento ao Anxo Caído, que por certo é obra do mestre Asorey. Tiramos rúa do Concello abaixo. En menos do que se tarda en dicilo estabamos no pavillón, porque todo é costa abaixo.

 Tivemos moita sorte. Xurxo estaba, non nos puxo problemas. Sabía que nós eramos de confianza.

 (...) Coa mesma, cruzamos a Ponte Vella e, de alí a un pouco, enfilamos o camiño das termas, pola ribeira do río."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.44-45

miércoles, 21 de enero de 2015

As bicis!!!

"-Polo de agora habería que ir a Outariz e buscar o cadeado.
 -E como imos? Collemos o tren das termas?

 Mirei o reloxo. Faltaba case unha hora para a saída do seguinte.

 -Teriamos que agardar un bo anaco. Creo que imos tardar de máis. Non haberá un xeito máis rápido de ir?
 -Para ir correndo está algo lonxe -dixo Martiño-. A non ser que...

 Creo que, de repente, a todos nos veu a mesma idea á cabeza.
 -As bicis!!!"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.43-44

martes, 20 de enero de 2015

Pasarán cousas raras?

"Efectivamente, como sospeitaramos, o estraño obxecto negro era unha caixa. Abrírase en dúas metades idénticas, en cada unha delas había unha pantalliña, e só unha palabra en cada pantalla. Na de arriba aparecía a palabra CADEADO, e a palabra  OUTARIZ na de abaixo. Nada máis. (...)

-Un cadeado en Outariz?
-Terá algo que ver isto cos sucesos das Burgas?

 Esa era a pregunta que todos nos faciamos daquela.
 -Se cadra si. Mirade: en Outariz tamén hai burgas!
 -E pozas de auga quente. Estarán relacionadas cos fenómenos da fonte das Burgas? En todas as termas de Ourense pasarán cousas raras?"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.42-43


lunes, 19 de enero de 2015

Lume en Oira

"-Rapaces, teño que irme! -dixo, preocupado-. O meu superteléfono intelixente, integrado nas lentes de alta resolución, que, como sabedes, está conectado con sensores repartidos por toda a cidade, avísame de que alguén está intentando facer lume en Oira.
 -Un incendiario?
 -Espero que non, máis ben parece alguén con pouco tino, ao que se lle meteu na cabeza facer brasas para cociñar no monte. E iso, coa seca que temos estes días, pode ser moi perigoso. Espero resolvelo pronto e volver convosco. Temos que aclarar este asunto das Burgas. Non pinta nada ben. Aburiño!

  O Capitán Aspanitas liscou coma un foguete."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.37-38

domingo, 18 de enero de 2015

Visto e non visto

"- Aí está o curioso do asunto: o fenómeno non durou máis ca uns segundos. Foi achegarme, meter a man, notala fría, e xa antes de retirala volveu saír quente, á temperatura normal. Para asegurarme volvín meter a man en todas as fontes. En todas saía como ten que saír.

 -Ou sexa -recapitulei- que foi como o que nos pasou a nós cando deixou de botar a Burga: algo moi rápido, visto e non visto, coma se...

 (...) -Por certo: tedes a caixiña con vós? Esa que atopastes diante de San Francisco?"

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.36-37