Mostrando entradas con la etiqueta noxo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta noxo. Mostrar todas las entradas

sábado, 17 de mayo de 2014

Unha escritura que morreu con ela

"Téñoa ollado moitas veces mollar na lingoa o lápiz de carpinteiro (non lle acomodaban os outros) e apuntar as débedas; mellor dito, dibuxalas, no coaderno. As roscas de a cadela eran redondeliños pequenos, e máis grandes as de a can. Os bolos, unhas riscadeliñas que somellaban paxaros voando.  As pezas de a libra, do esponxado, eran como cabazos, e as de dúas, como oitos. As do bregado, eran tamén redondelas, pro cunhas liñas en reixa, igoal que as que se contrapesan nas empanadas.  Diante de cada plana, púñalle un sinal pra saber de quen era, e non se trabucaba endexamais. A señora Fermina do pan inventara unha escritura que morreu con ela."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 29

viernes, 16 de mayo de 2014

As botinas do comercio

"Eles levaban morceguís, como os dos paisanos, deses que se mercan na feira do 7, untados de grasa, ou zocos cando chovía, que, tal como decían, mantiñan os pés quentes como roxós. En troques a min as botinas do comercio, decote furadas no meio da sola, collíanme auga no tempo das chuvias, que era coasi todo o inverno, tendo que ire dende a miña casa, na rúa dos Fornos, até a escola de balde que era no Posío, tapado con pariaugas de muller, o da miña nai, xa moi vello, que se daba volta co vento, aínda que fose pouco, e facía rir a todos.

  (...) Tamén teño que decir que a señora Fermina non sabía ler nin escribir, pro levaba moi ben as contas, moi polo miúdo, nuns coadernillos, dos da letra inglesa, que me mandaba mercar na librería do Resvié."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 29

jueves, 15 de mayo de 2014

Por vergoña

"Meu pai traballaba na Habilitación e xogaba o que gañaba. Moitas veces (mandábame a miña nai) ía ó café da Unión a pedirlle dúas pesetas pra comermos, e si ouvían os outros, dábamas por vergoña. Eu facía sempre porque me ouvisen, como me insinaba a miña nai."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 28

miércoles, 14 de mayo de 2014

Churriana, das de a peseta

"Tamén disque cando era mozallona i andaba nas casas principales (gabábase de telas percorrido todas), fora moi boa e servicial, e disque que se fixera mala porque parira do máis novo dos Madamitas, os que tiveran o comercia na rúa do Bispo Odoario (que sempre o negou). E que a filla fóraselle, sendo aínda moi rapaza, cunha lerchona que a levara pra Vigo, co gallo de lle adeprender pra peinadora, e que dempois de andar moito tempo arrastradiña (que até chegaron a chamarlle Elena a fodona) metérase churriana, das de a peseta, das do calexón da Falperra; que aseguraban fora unha grande perda, porque era moi xeitosa e de boas carnes."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 27

martes, 13 de mayo de 2014

Cando estaba doente

"Ninguén sabía como se arranxaba dentro da trastenda que daba a un salido onde criaba galiñas. Disque se lle puñan morredías de tanto pan duro que lles daba esfrangullado.

 Cando estaba doente chamaba a unha monxa que era do seu lugar, aló pola Manchica, Sor Flora, que tiña unha migalla de bigote. Un día que eu estaba alí, coidándolle do trato, ouvín como lle rosmaba."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 26 

lunes, 12 de mayo de 2014

Esbacalloada no sillón de xunqueiros

“A señora Fermina (...)

 Estaba decote esbacalloada no sillón de xunqueiros, dos que tecían os portugueses na rúa de Santa Eufemia, xa coas pallas desmaceladas polo veiril de enriba, onde os xuncos van grosos e curvados cun aquel de cousa luxosa.

  Da taberna dos Habaneros ou dos maricós, como tamén se lle chamaba, que estaba a carón, viña o cheiro dos callos, a eso das doce, enchendo a rúa de Arcedianos, estreitiña, coasi un calexón.”

         
Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O noxo", páx. 26   


sábado, 10 de mayo de 2014

O noxo

"Este foi o primeiro texto que Blanco-Amor escribiu despois de A Esmorga. O autor contoulle a Carlos Casares que cando se decatou "xa a obra iba pola páxina coarenta, ou sexa, que predominaba aínda o pulo do relato estenso". Coa súa indudable mestría narrativa, converteuno nun conto intenso, de ben trabada estructura, que revela a opacidade dun mundo miserento, característico do universo literario de Blanco-Amor. (...)

  O título do conto reférese a unha repulsiva experiencia do protagonista, pero no contexto narrativo parece que é algo máis que unha vivencia existencial da súa adolescencia; e tamén unha imaxe do mundo. O relato ten unha gran carga dramática polo que non conta, polo que cala e deixa entrever. A forza do relato está no seu poder de suxerencia.