Mostrando entradas con la etiqueta anfiloquiópolis. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta anfiloquiópolis. Mostrar todas las entradas

domingo, 17 de enero de 2016

Unha cidade mudada até no nome

"Brais e Nemeto decidiron ser os primeiros en probar aquel enxeño gañando a beira oposta que os conduciría, tras cinco xornadas de marcha, a Anfiloquiópolis. Decidiran que estaban cansos de tanto trotar e que sen dúbida naquela urbe coñecida se atoparían con lugares familiares onde gozar dalgunha comodidade.

  Mais cando chegaron, deron cunha cidade mudada até no nome. Agora chamábanlle Auria, e alí onde Nemeto lembraba a casa do seu amigo Anfiloquia, levantábase agora un pretorio romano.

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.66

domingo, 10 de enero de 2016

Anfiloquiópolis

"Pasado o tempo, o capitán que comandaba aquela rea de troianos coñeceu a outro pobo que habitaba preto de onde, nunha ocasión anterior, Nemeto e Brais foran testemuñas do sono dun río. Aquela dama que descansaba chamábase Loña, e na súa desembocadura moraban os pacíficos abbisocios. (...)

  Todo o pobo, troianos e abbisocios, xa convertidos nun só, choraron a morte do prócer, e na súa honra bautizaron aquela cidade que fundaran á calor das burgas co nome de Anfiloquiópolis, a cidade de Anfiloquia.

  Pero o tempo non ten piedade de ninguén e aos poucos borrou a memoria daquel pasado grego, mentres os moradores da cidade extraían ouro das montañas do val do Miño, así como das súas areas que lavaban á luz da lúa."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.36-37