Mostrando entradas con la etiqueta silvio_santiago. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta silvio_santiago. Mostrar todas las entradas

domingo, 9 de mayo de 2021

Escritura desde as Penas Libres

Hai terras fértiles. En calquera clase de produto que dea a terra. Se a terra é rica o normal é que dea bos froitos. Hai terras fértiles en artistas,  outras prefiren especializarse aínda máis, por exemplo, en escritores. En Auria sabemos ben diso. E nas terras da provincia tamén. Vilardevós, outro exemplo.

A oitenta quilómetros de Auria, apenas a un hora de coche (non sempre foi así) atopamos este concello que non chega aos dous mil habitantes na actualidade, terra que sofre a traxedia da despoboación, como todo o rural galego. Vilardevós, protexida pola serra das Penas Libres. Vilar dos bos, dos bos escritores, que ao longo do tempo foi dando plumas exquisitas, sen dúbida, a influencia das penas graníticas, lousas, cuarcitas e xistos incidiron no carácter libertario e rebelde que domina aos seus escritores. Tamén neles parece ser unha constante marchar de alí na procura de novas terras e con afán de descubrir novos mundos. Pero sempre, desde a distancia, presumindo seu Vilardevós natal.

O último exemplo, Juan Tallón, nado nesa vila en 1975, escritor e gran coñecedor e divulgador da boa literatura. No final da súa última obra, “Rewind”, aparece o nome do seu pobo como lugar de escritura.

Xaime Noguerol, nado en 1950, está intimamente ligado coa aldea de Arzádegos. Participou directamente nos anos da movida madrileña movéndose na contracultura, con varios poemarios en castelán, un disco e autor dalgunhas letras de cancións famosas de Miguel Ríos, Luz Casal ou Burning. Actualmente escribe no diario La Región unha sección ocasional na que retrata o ambiente máis escuro e alternativo da cidade das Burgas, de historias raianas con Portugal nas terras de Verín e Vilardevós ao tempo que vai lembrando a súa vida aventureira.

Silvio Santiago, nado en Vilardevós en 1903 foi o escritor que consagrou o seu pobo na literatura na súa obra homónima publicada no ano 1961 despois de regresar a Galicia tras varias décadas exiliado en Caracas, a onde fuxiu despois da Guerra Civil do 36, onde desenvolveu un gran traballo a prol da cultura galega, e desde onde mantivo contacto cos mellores escritores galegos da súa época como Otero Pedrayo ou Blanco Amor. Ten outra novela póstuma, “O silencio redimido”(1976) onde recrea a fuxida desde a súa vila natal até Venezuela escapando dos fascistas.

Será en “Villardevós” onde Silvio Santiago nos descubra outros escritores do seu pobo.

Jacinto Santiago, (Jacinto Eloy Santiago García) naceu  en Arzádegos en 1894, mestre de profesión, escribiu en distintos xornais coma La República ou La Zarpa, dos que mesmo chegou a ser director. Foi asasinado polos fascistas en Vilariño Frío (Montederramo) o un de novembro do 36. Juan Tallón publicou no ano 1998 un libro sobre el: “Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar”.

Volvendo a Tallón e a Santiago, é curioso que en “Villardevós” aparece un zapateiro que se chamaba tamén Juan Tallón (vese que o apelido é frecuente pola zona), do que descoñecemos se existe algún parentesco.

Manuel Núñez González nace en 1885 en Vilardevós e morre tamén alí en 1917. Traballou como rexistrador da propiedade e publicou varios libros de poemas como “Salaios. Versos gallegos” (1895) ou “Efusivas” (1908). Ademais publicou contos en distintas publicacións como “O tío Marcos da Portela”, algúns baixo o seudónimo de Ma-nu-gon.

Menos sabemos de Vicente Luis Méndez, apenas o que Silvio Santiago nos conta del: “comenzóu tamén de salesiano e rematou sendo escritor e poeta de nostálxicas delicadezas. Morréu en Buenos Aires”. Apenas recuperamos dous títulos seus: "Versos a los barcos grises" (Bos Aires, 1937) e "Los mariscos: Elogio de las cuatro madres" (1938). 

Outro xornalista que se cita e do que só temos noticias por Silvio é Joaquín González, o corresponsal en Vilardevós polos anos 30 do século pasado e que inmortalizou nas páxinas do xornal da cidade o último enterro da sardiña celebrado no pobo, xusto antes da guerra civil.

Non queremos rematar sen citar outros nomes que se citan no final de “Villardevós” e que naceron en concellos próximos: Augusto Assia, nado na Mezquita en 1904, importante xornalista tanto en prensa galega como española e que ten bastantes libros publicados, destacando aquí a súa primeira novela, a única escrita en galego, “Xelo, o salvaxe” (1926); e Ánxel Romero Cerdeiriña, nado en Urdiñeira-Riós, foi un dos fundadores do Seminario de Estudios Galegos en 1923 e autor dunha única narración literaria, “O karma de Farruco Filgueira” publicada en 1926 na editorial Lar.

 

sábado, 8 de mayo de 2021

Metáfora

 Villardevós, metáfora das miles de aldeas galegas abandonadas ao esquecemento. Manoliño, anxo do paraíso, guía pola viaxe melancólica da memoria a aqueles tempos que nunca retornarán, pero que sempre se poderán lembrar nas páxinas da obra de Silvio Santiago. Vilardebós, Caracas, Vilardevós. A felicidade da infancia enraizada na terra propia, o exilio obrigado, marchar de Vilardebós, e sumar anos que non teñen volta atrás. Só a escritura ten a chave para amosar de novo aqueles anos idealizados o resto das nosas vidas. A infancia degustada desde a distancia. Recreada desde a memoria.

Porque Vilardevós é unha idealización da Galicia rural, ou máis ben un ideal que queremos conservar todos aqueles que fomos felices no descubrimento da terra, dos ríos, das montañas, das xentes, dos animais, das lendas, do namoramento, das festas, da amizade... da esencia da vida asociada a un topónimo, cadaquén sabe o seu, cadaquén leva na súa alma o topónimo da súa infancia, no seu corazón, pero todos se identifican con Vilardevós. Vilardevós metáfora da infancia. Vilar dos bos, porque a boa xente vive eternamente nas terras dos seus antergos.

viernes, 7 de mayo de 2021

Comenzan a ensombrecer

 "... E por entre medias destas paraxens, os moitos vales do termo: Val de Meniños, Val dos Vellos, Val da Madre, Val da Marta, Val de Martiño, Val de Condiño, Val das Goteiras, Val da Costa, Val do Ferro, Val de Fental, Val de Regueiro, Val do Campo, Val dos Maios, Val de Castiñeiras, Val da Igresia, os Sete Vales...

No atardecer craro, nidio, de febreiro, dende o cumio da serra, Manoliño contempra finalmente o pobo. Alí está, aos seus pes, envolto na mesma paisaxe, ben colocado, xirando á procura do último sol coma un reló de pedra con agullas de álbores, sinalando o fin do día na esfera verde dos centeos, que comenzan a ensombrecer."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 190-191.

jueves, 6 de mayo de 2021

Melancolías

 "Manoliño arrecada máis a vista e olla somentes as terras perteñecentes ao lugar mesmo de Vilardebós. Montes, cañadas, lombeiros e ribeiras que el coñece moi ben, coa súa toponimia incrusive. Ollando pra estes sitios a súa ialma atéigase de melancolías: Por todos eles corréu e discorréu a súa infancia en pasatempos e divertimentos. Manolíño síntese neno e do seu peito deixa voar o rapaz que fora. Desvaído coma home, vese de cativo xogando e rexoubando pola Pala de Pereiros, pola Mallada, pola Casa dos Mouros, pola Touza de María Manta, pola Pedra do Tendeiro, polo Cotorrón, pola Ribeliña, polo Carqueixal, polo Campelo, pola Pedra da Golada, polas Míllaras, polo Bertolucido, pola Cabaxe da Pena, polas Barxas, polos Sueiros, polas Sínsoas, polo Campalto..."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 185-186.

miércoles, 5 de mayo de 2021

Son os seus nomes...

 "Pola vertente Este da serra de Penas Libres, onde está neste intre Manoliño, déitase a aldeia de Terroso, e á esquerda de Terroso, os pobos chamados da Terra de Arriba. Algúns deles áchanse en ladeiras, cabancos e barrancos que nin xiquera se ven. Son os seus nomes: Soutocovo, Tomonte, Arzoá, Berrande, Santa Comba, Trave, Moialde, Rexosende, Lamasdeite e Soutochao."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 190.

martes, 4 de mayo de 2021

Esquecido e isolado

 "Manoliño pousa agora os ollos no termo municipal de Vilardebós. A treitos vese a estrada coma unha cinta amarela que vai cara Verín. A unha banda e a outra da estrada amóstranse as aldeias as nomeadas da Bemposta, Osoño, Hospital, Devesa, Flaira, Santa María, Villardeciervos, Veiga das Meás, Bustelo, Moimenta e doña Elvira. Do outro lado, á esquerda de doña Elvira, está Enxames; e máis á esquerda de Enxames, apínase Vilarello. Manoliño torna os ollos á dereita e descobre, encravado no termo municipal do Riós, o lugar de Feilas, esquecido e isolado."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 189-190.

lunes, 3 de mayo de 2021

Estensas lonxanías

 "Un día -non fai moitos meses- Manoliño saíu de caza co José do Ramiro. (...)

Era unha tarde crara, nidia, de febreiro. Nunca até alí tiña reparado nas estensas lonxanías, nin atinguido a grandura do municipio, nin visto dunha soia ollada as terras particulares de Vilardebós, nin descuberto aos seus pes a fermosura do pobo. Afundíu a vista no horizonte e foi xirando os seus ollos en panorámicas concéntricas. E víu, pola banda Oeste, a serra do Larouco, o alto das Estivadas, o castelo de Monterrei e o val de Chaves. Polo Noroeste e polo Norte, a serra de San Mamede, de grandes neves; a do Invernadeiro, de moitas corzas; os montes de Agudiña, de abondosa caza; as Portelas de Padornelo e Canda, dos boletíns metereolóxicos; as terras da Mezquita, onde nacéu Augusto Assia. Máis acá, as Ventas da Barreira e Riós, lugares onde se criaron Romero Cerdeiriña e García Portela, parentes de Manoliño. Polo Este, amontóanse lombeiros portugueses, dos Distritos de Braganza e Vila Real. E polo Sur, érguese o Marco da Cota, onde remata Hespaña, coma xa se sinalóu."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 188-189.

domingo, 2 de mayo de 2021

As serenatas

 "Andaba famento e esfarrapado. Un bo día regaláronlle un traxe usado de corte, que lle quedaba á medida. Saíu á rúa con el, e un veciño, ao velo, díxolle:

 -¡Benito! ¡Ai que goapo estás! Pareces o forense de Verín.

E, dende entón, o Benito foi Forense pra todo o mundo. Fai unhos meses dicíalle ao Manoliño:

-O alcume de Forense gustóume tanto, que, pra que mo siguiran chamando, botéi arreo o traxe "novo"; e desde entón, empeñéime en vestir coma os señoritos. (...)

O Forense é o xefe da mocedade de Vilardebós, e é tamén quén orgaíza as serenatas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 187.

sábado, 1 de mayo de 2021

Esta sopiña

"Un día o Alfonsito e máis tres veciños foron a Ourense. Pra ter algo que contar no pueblo á volta da cidade, e como un día era un día, acordaron xantar no hotel Roma. Metéronse no comedor, sentáronse ben sentados, e pediron pola carta. Tres deles elexiron a única cousa que entenderon da lista, aínda que non de todo: merluza con mahonesa. O cuarto, José da tía Inacia, botóuse a ser home de mundo , e pidíu unha vieira. O camarero sirvíu o pedido, e deixóu a salseira da mahonesa diante do Alfonsito. O Alfonsito ollóu pra a mahonesa con receo.

-¿E que será eso tan amareliño?-preguntóulle aos compañeiros.

Colléu un cibo de pan e untóuno na mahonesa. Saboréouno un pouco, e logo dixo:

-¡E estache boa esta sopiña!"

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 185-186.

jueves, 29 de abril de 2021

O mesmo onte que natronte

"Manoliño saíu de Vilardebós cando ía pra mozo, e voltóu a Vilardebós coidando que aínda o era. Coma outros, coma todos, Manoliño vivíu enganado polo espello. Frente ao espello atopóuse sempre o mesmo; o mesmo hoxe que onte, o mesmo onte que nantronte. Foi en Vilardebós onde se decatóu dos anos que por el pasaran.(...)

 Manoliño atopóu a Vilardebós un pouco máis vello e un pouco máis novo. Máis vello, polas casas que se caíran; máis novo, polas casas que se ergueran."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 183.

miércoles, 28 de abril de 2021

Todos os días, todas as noites

 "Manoliño vivíu no Castro cinco anos.  Do Castro marchóu pra Ourense; de Ourense pra Madrid; de Madrid pra Coruña; da Coruña pra Portugal, e de Portugal pra Cuba. (...)

 Polas Américas anduvo Manoliño vintedous anos; e pra non ser máis nin menos que outros, nas Américas sintíuse galego por vez primeira. E matinóu en Galicia e nas súas cousas, e recordóu a súa aldeia e a súa infancia. Matinaba todos os días, recordaba todas as noites..."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 180.

martes, 27 de abril de 2021

Recorda

 "Manoliño vivíu no Castro en casa de Casado Nieto. Manoliño recorda á mai de Casado Nieto, sendo viuda. Manoliño recorda a Casado Nieto, sendo rapaz. Manoliño recorda á irmá de Casado Nieto, sendo unha nena. 

 A mai de Casado Nieto, xa dixemos que se chamaba Aurita (doña Aurita). Era alta, maxestosa e intelixente. (...) No Castro era respeitadísima."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 179.

lunes, 26 de abril de 2021

4 ou 5 días, cada 4 ou 5 anos

 "Meses despóis, cecáis un ano, a mai de Manoliño recibíu unha carta de Castro Caldelas. Era da mai de de Casado Nieto. Na carta dicíalle que lle mandase a Manoliño pra o seu comercio. A mai de Manoliño atopóu ben a proposta, ¡e adiós Vilardebós pra Manoliño! Marchóuse pra o Castro, e, dende entón, só volvéu á súa aldeia catro ou cinco días, cada catro ou cinco anos."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 178.

domingo, 25 de abril de 2021

O donaire dos parrafeos primeiros

 "Tería Manoliño dazaséis anos cando polas noitiñas ía á Fonte de Abaixo a adeprender de mozo. Pero das cousas do amor só adeprendéu o rexoubeo teórico, o donaire dos parrafeos primeiros. De ahí non pasóu, e delo doeuse toda a vida. O mesmo que un toureiro que só soupese tourear de capa, Manoliño defendéuse ben co capote. Moi froreado, moita galanura, moito rumbo nos pases de amor; mais, coa muleta, á hora de matar, sempre fallóu. Faltóulle arte e cencia pra rematar as faenas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 176.

sábado, 24 de abril de 2021

O arre ou xo aristotélico

 "Manoliño non se esprica por qué o Joaquín emprega sin discernimento a técnica direita na conquista das mulleres, pois nos tempos en que o seu amigo era mozo ou ía pra mozo, os xeitos de namorar eran outros. Sin leuturas filosóficas, a mocedade de Vilardebós tamén apricaba o arre ou xo aristotélico; pero únicamente en casos de apuro, ou nas ocasións en que os limiares estaban demáis. Noutras circunstancias, non. Namoraban con estremosa cortesía, paveando con galanura, tanteando con donaire.

 Era na Fonte de Abaixo onde os mozos cortexaban ás mozas, en horas do solpor."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 171.

viernes, 23 de abril de 2021

A psicoloxía do seu pueblo

 "O Joaquín merece eso e moito máis, porque en todo o municipio de Vilardebós non hai millor home que el, nin máis servicial tampouco. E gracias tamén aos seus escritos na "Región", o nome de Vilardebós vaise conocendo en toda a provincia.

 O Joaquín é simpático e non é parvo. E máis listo do que pensa a xente, e conoce moi ben a psicoloxía do seu pueblo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 170.

jueves, 22 de abril de 2021

Non ruxía unha alma nas calles

 "Pra non dar que sospeitar, o Joaquín colléu o camiño de Vilardebós, e sentóuse onde lle parecéu que ninguén o vía. Con noite pecha, foise achegando outra vez ao pueblo. Demoróuse na entrada hasta as dez e cuarto. Entonces camiñóu dereito á casa da moza. Non ruxía unha alma nas calles.(...)

O Joaquín atopóu a porta da cociña e fuxíu coma unha centella.

-¡Non é un home! ¡Élle o demo, mi madre! ¡Teña coidado, que agora dáselle por deitarse coas mulleres! Inda mo dixeron onte en Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 168-169.

miércoles, 21 de abril de 2021

Mozas que prometen

 "Perto de Vilardebós hai ou había unha desas mozas que prometen e que ás veces, tamén dan. Esta moza aparecéu un día pola feira; o Joaquín víu que estaba boa, fíxolle as beiras e namoróuse súpetamente dela, como tiña por costume. A moza, engaiolada, deixóuse querer, e consintíu que o Joaquín a acompañase hasta o seu pueblo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 166.

martes, 20 de abril de 2021

A chegada

 "Un día, no ano 1955, chegóu da América, en viaxe de vacacións, a muller do Manoliño coa súa filla. O Joaquín, naturalmente, deu na "Región" a nota respeitiva da chegada; pero aos tres meses as viaxeiras voltaron pra as Américas. Tres anos despóis, en 1958, chegóu a Vilardebós o propio Manoliño, coa muller e coa filla. O Joaquín deu a noticia da chegada de Manoliño, con moitos detalles; mais non dixo nada do regreso da muller nin da filla."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 163-164.

lunes, 19 de abril de 2021

Parez unha cousa...

 "O Joaquín é hoxe corresponsal da "Región" de Ourense en Vilardebós. Ten moito cariño polo seu pueblo e dá noticias del a miudo.

 O Joaquín non é alto, nin baixo, nin mediano. Parez unha cousa pero é outra. Ao lado dun alto é baixo; ao lado dun baixo é alto; ao lado dun mediano, sobresai. Non ten parexa."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 163.