Mostrando entradas con la etiqueta deus_sentado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta deus_sentado. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de mayo de 2018

Dobrado sobre os xeonllos

"O home saca unha pistola do peto da zamarra, colócalla na parte de atrás, á altura da caluga, e dispáralle un tiro. Despois, sen mirar para el, segue o camiño dos demais. O que queda no sillón é un corpo encollido, dobrado sobre os xeonllos. Visto desde a outra beira da rúa, desde a parte de aquí do ventanal, parece un corpo insignificante, un pequeno vulto de carne non meirande que un can. Nese instante, Mariana abrázase a el e empeza a chorar."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 270-271.

domingo, 13 de mayo de 2018

Un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado

"Imaxinou aquel buraco da mesma cor vermella que aínda o segue imaxinando agora, anos despois, coma os ollos dese home de lentes grosos que segue lendo aí enfronte, do outro lado da rúa, sentado no mesmo sillón azul, atrapado desde hai horas por un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado. De aquí a pouco, vai pechar o libro, tomará se cadra as últimas notas na libreta de pastas negras de hule que ten por riba da mesa e despois quedará uns minutos sen facer nada, mirando cara ó chan, pensando quen sabe qué. (...)

  A escuridade apodérase agora da rúa. Ela segue sentada aínda ó pé da ventá, cos ollos perdidos nas manchas que se debuxan confusamente na porta de madeira da casa de enfronte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 269.

sábado, 12 de mayo de 2018

Na limpeza esvaída do ceo

"A imaxe que viña á cabeza aquela noite, esperta pola calor na desorde pegañenta da cama, era a dunha mañá clara, algo fresca a aquelas horas, alá no alto, co sol aínda acochado detrás dos penedos do Montealegre e as últimas estrelas brillando sen forza na limpeza esvaída do ceo. As voces, como un rumor de rezos, ían e viñan, dispoñendo os últimos detalles."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 268.

viernes, 11 de mayo de 2018

Axotaban batendo as palmas

"Era un muro encalado, cunha barriga no medio,. Naquela protuberancia, que podía servir de asento para unha persoa delgada, cando ela xogaba no patio do cuartel coa filla do capitán Basalo, nas vacacións, había sempre lagartixas deitadas ó sol, que elas axotaban batendo as palmas para colocar alí os cacharriños das cociñas de xoguetes."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 267.

jueves, 10 de mayo de 2018

Pozo de sombras

"Para el, en cambio, cando as agullas se situaran nunha determinada posición, un segundo despois de recibir a descarga, seguirían marcando as horas sen sentido, como un tolo que fala só, pronunciando un discurso no medio dunha praza baleira, de madrugada. Naquel momento a catedral acababa de dar as cinco. Empezaba a romper o día. Entón viuno mirando pola ventá que estaba ó lado da porta, desde a cal se divisaba unha parte do barrio antigo, case ós pés, observando como a cidade, ata entón convertida nun pozo de sombras, empezaba a debuxarse de novo cunha cor pálida, lixeiramente azul."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 267.

miércoles, 9 de mayo de 2018

Os minutos que faltaban

"As persoas que o acompañaban, o mesmo o cura que os demais individuos que permanecían en silencio nunha esquina do cuarto, podían mirar a hora de cando en vez para comprobar os minutos que faltaban, pero pensando tamén en todo o que viría a continuación, a volta a casa, o almorzo coa familia, a lectura do periódico, os comentarios no Liceo ou o regreso ó traballo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 266-267.

martes, 8 de mayo de 2018

Buracos por onde medraban herbas

"Entón ela apurou o paso, torceu á dereita e meteuse pola rúa Arcediagos.

  Aquela noite, coa calor convertida nun bochorno que penetraba nos pulmóns coma unha bóla de lume, ela non puido durrmir. Imaxinaba a Antonio Salgado París metido nun cuarto despintado no cuartel de San Francisco, coas táboas do piso rotas en varios sitios e con buracos por onde medraban herbas, o mesmo cuarto no que ela xogara tantas veces de nena coa filla do capitán Basalo, que lle contaba que naquel lugar tiveran preso ó Chino Xaponés a noite antes de que o fusilasen contra a parede branca que separaba o patio traseiro do cuartel do cimeterio que estaba ó lado."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 265-266.

lunes, 7 de mayo de 2018

Aloucadamente no peito

"Na esquina da catedral observou a dous cóengos, un deles coas mans metidas nos petos da sotana e o outro fumando un pito de forma discreta, como se pretendese evitar que o visen desde as terrazas da praza. De maneira inconsciente, a pesar de que ela xa tiña pensado seguir polo mesmo camiño onde se atopaban os cregos, torceu cara á esquerda. Cando se estaba achegando á altura da librería Resvié, sentiu que o corazón lle saltaba aloucadamente no peito e que unha dor fina coma unha agulla se lle cravaba no medio do esternón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 265.

domingo, 6 de mayo de 2018

Unha raiola

"Era unha velliña pequena e delgada, que a ela lle pareceu que tiña visto outras veces na rúa, sempre co veo cubríndolle unha parte do rostro e un misal de pastas marróns collido na man. (...)

  Poucos minutos despois, cruzando a Praza Maior, ela pensou que a calor do día resultaba abafante e buscou con ansiedade a sombra dos soportais do Espolón. As terrazas dos cafés estaban cheas de xente e diante da escalinata da Casa do Concello, un grupiño de nenos que tiñan pintada unha raiola sobre o pavimento de pedra xogaban baixo a vixilancia pouco dilixente de catro criadas vestidas de uniforme que falaban entre elas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 264-265.

sábado, 5 de mayo de 2018

Unha velliña vestida de negro

"Ó abandonar o Instituto, dirixiuse cara a Rúa de Colón, na dirección oposta á seguida por aquela multitude excitada. O barullo que armaba a xente aglomerada diante da verxa do patio exterior, esperando algo que ninguén sabía o que podía ser, chegáballe polas costas como un rumor festivo, igual que os berros e as voces que ela sentía desde a cama polas noites, cando era rapaza, e aínda non na deixaban ir ó baile das verbenas do verán. Seguiu andando e, diante da igrexa da Trindade, unha velliña vestida de negro, cun veo escuro tapándolle a cabeza..."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 264.

viernes, 4 de mayo de 2018

Unha riada de xente

"Fóra da sala, no mesmo vestíbulo do Instituto, a xente seguía esperando, agora falando en voz alta. Algunhas mulleres trataban de achegarse a un dos corredores que rodeaban o paraninfo por detrás, onde un grupo de soldados no permitía o paso de ninguén. (...) As señoras botáronse a correr cara á porta principal do Instituto e saíron á rúa, en dirección do xardín do Posío. Case ó mesmo tempo produciuse un movemento de nerviosismo colectivo na multitude que agardaba, e unha riada de xente seguiu ás mulleres."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 262-263.

jueves, 3 de mayo de 2018

Un sorriso

"Nese momento, a preguntas do fiscal, respondeu que el mesmo fora testemuña de como Antonio Salgado París, na véspera do asasinato do párroco de Regualde, dixera en plena rúa, diante de máis de cen persoas, que aquel cura era un obstáculo obxectivo para o progreso da boa causa dos traballadores. (...) Tiña ela os ollos cravados nos pelos rebeldes do cogote do acusado e esperaba que Antonio Salgado París se volvera para enviarlle un sorriso, igual que sucedía cando estudiaban naquel mesmo Instituto, na aula do piso de arriba que estaba pegada á biblioteca."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 260.

miércoles, 2 de mayo de 2018

Un rencor acugulado

"Para el, Antonio Salgado París, cos seus discursos pronunciados en presencia de persoas ignorantes, convencendo a estas de que as inxustizas nacen sempre da culpa de outros e nunca das propias responsabilidades, estivera sementando na cidade o veneno do odio e a intransixencia, un rencor acugulado."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 260.

martes, 1 de mayo de 2018

Os pensamentos escuros

"Aquel parecido cun animal que a ela sempre lle resultara divertido serviulle despois, durante anos, para rachar os pensamentos escuros que tantas veces a asaltaban. Por exemplo, o día que o escoitou declarar no xuízo de Antonio Salgado París. Estábao vendo no paraninfo do Instituto, agardando o turno entre as testemuñas, todas situadas á esquerda da sala."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 259.

lunes, 30 de abril de 2018

Novo bispo da diócese

"Só nunha ocasión non conseguiu sobrepoñerse á dureza das palabras pronunciadas por el contra outra persoa: cando se enfadou con Antonio Salgado París, o día que este os atopou na terraza do Café Moderno e se sentou canda eles para contar despois as historias que circulaban pola cidade en relación co novo bispo da diócese."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 258.

domingo, 29 de abril de 2018

Pequenas miniaturas

"Por último, nunha alusión bastante explícita ó citado colaborador, dicíase que un dos homes máis eminentes que habitaban na cidade, un humilde sabio que vivía modestamente nunha rúa estreita e tranquila, na paz necesaria que requiren os grandes espíritos para levar a cabo a alta misión que lles corresponde de acordo cos talentos que Deus lle deu, gardaba nas estanterías da súa biblioteca, como un símbolo dese amor polo humilde e polo pequeno, unha serie de pequenas miniaturas que lle recordaban coa súa presencia que o valor das cousas non depende do tamaño, senón da súa importancia intrínseca e verdadeira."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 252.

sábado, 28 de abril de 2018

Dos corazóns máis quentes

"Dos sucesos relacionados coa concentración do Parque e as circunstancias que seguiron non se dixo nada no periódico, aínda que na sección de cartas ó director do día seguinte apareceu unha nota firmada por iniciais na que se eloxiaban os artigos dun colaborador que non se citaba, do que se dicía que tiña a virtude  de engrandecer o pequeno e rebaixar o grande, incluída a rabia incontrolada dos corazóns máis quentes."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 251.

viernes, 27 de abril de 2018

Velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra

"Agora mesmo, a mirada, aínda velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra, non é máis que unha luz suave, sorprendida talvez soamente polas cousas miúdas que ocorren na rúa: unha señora vestida de loito que atravesa a calzada, un home que pasa arrastrando un carro cargado de carbón ou o castañeiro que se alonxa cara ó Parque anunciando a voces a súa mercancía. De pronto é como se os acontecementos que estes días conmoven á cidade tivesen lugar a miles de quilómetros de distancia, mesmo como se todo canto sucede no mundo se perdera nunha dimensión que el xa non consegue comprender."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 249-250.

jueves, 26 de abril de 2018

Na contracción da boca

"Contemplando o seu rostro desde aquí, a ela parécelle que cada día que pasa vai perdendo unha parte da tensión e o dramatismo das últimas semanas, especialmente a angustia que se lle percibía na contracción da boca nos días inmediatos que seguiron ó asalto do cuartel ou cando se enterou polo seu cuñado Eloi da declaración que fixera o administrador durante o interrogatorio ó cal foi sometido pola Garda Civil a noite dos sucesos ocorridos na casa de Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 249.

miércoles, 25 de abril de 2018

Púxose a escribir

"Mentres durou o movemento na Rúa do Hospital, cada vez que se escoitaba o motor dun automóbil, el erguíase a mirar desde a fiestra para ver o que pasaba, non coa ansiedade de outras veces, senón con calma e cun xesto no rostro que indicaba curiosidade, mesmo tranquilidade ou indiferencia. Á última hora da tarde púxose a escribir e deixouse de interesar polo que sucedía na rúa. (...) Con toda seguridade, a esa distancia, a miopía non lle permitiu observar que da camioneta baixaron uns quince ou vinte soldados e que se situaron en grupo, sen formación de ningún tipo, á porta do Hospital, exactamente da parte de aquí do muro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 248.