Mostrando entradas con la etiqueta A.... Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A.... Mostrar todas las entradas

sábado, 8 de agosto de 2015

As súas desnudeces

                                                                     A***

  "As primeiras rachas do corisco invernizo fan arremuiña-las abandeiroladas follas da cima dos sanguiños, facéndoas caer como bolboretas de ouro, e baten as vidreiras do meu escritorio, xemendo nas regandixas das portas.

  A paisaxe, espida da follatería do verán, vela as súas desnudeces na brétema do Miño, que, coma unha coroza de chumbo, asoballa á terra, emborranchando as lonxanías que grisean ó lonxe.

  A luz do día, morriñenta e pálida, trema fatigosa ó apardecer, aterecida co frío, e o ceo triste da neboeira parece envolve-la alma nas vagas saudades que inspiran os outonos mariñáns..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O louco", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.16

viernes, 20 de marzo de 2015

Inxela e temesiña

"Eu dígolle á mamai que se volve pra a Peroxa levareille o neno pra que mo acabe de criar... 
 (...) Escríbeme canto poidas. Quérote moito; cicais queira en ti un intre moi agasalleiro da miña vida. Levo pra sempre comigo a túa tenra amistade, dende a inorada e crecente beleza daquela rapariga aldeán que chegou a A. inxela e temesiña, até os rechamantes anos finais da normalista, tentada polas "ideas" que eran o andacio do tempo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 324-325, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 19 de marzo de 2015

Da súa xente nin quer ouvir falar

"A probe de miña nai non quer saber ren de voltar pra a aldea, pois de A. e da súa xente nin quer ouvir falar. (...) Non lle entra na cabeza que un pobo que se deixara matar por catro táboas vellas, non saíra á defensa do papai cando o levaron á cadea.  (...) A probe nunca quedou de todo ben, despois do ataque á cabeza que tivo en A."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 321, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 18 de marzo de 2015

Encacifado entre as arrepentidas

"En A., e naquiles primeiros tempos, si me chegan a pillar, houbéranme encacifado entre as "arrepentidas" das Adoratrices. Figúrate, eu entre o fato de parvas e tolas que son aquelas probes rapazas, e as monxas inorantes que as botan aínda máis parvas do que entran... Sin contar conque houbese tido alí o neno, e hoxe estaría na Inclusa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 319, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 12 de marzo de 2015

Indo ás putas

"A iso das tres da mañá o Salgado e mais o primo Pedro, dixéronme aparte que había que rematar a noite indo ás putas, que era como remataban en A. todas as noites de esmorga. O Alfonso dixo que había que ir ás de dúas pesetas por mor dos rapaces traballadores, que non terían, ou non quererían gastar nas de a duro (que polo visto eran as que iles usaban);
  e víase mal entre os mozos pagárense uns aos outros o tabaco e a fodienda, que eran gastos de cada quen."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 309, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 10 de marzo de 2015

Os máis resoltos, destemidos e ilusionados

"De toda a xente que militaba no movemento gremial, pra min os máis resoltos, destemidos e ilusionados, eran os mozos das bisbarras do Avia e da Arnoia; todos iles cabalmente traballadores;
(...)
Entre os da mozarría do Ribeiro colléralle eu a máis agarimosa simpatía ao Alfonso Salgueiro, fillo e sobriño único duns que tiñan muíños de xofre pra a filosera, e bo capital de viñas, na Arnoia (...) Por calisquer pretesto aparecía en A. con aquela alegría e disposición pra a esmorga ao mesmo tempo que aquil culto á amistade de bos e poucos amigos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 306-307, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 9 de marzo de 2015

Adispacioso, aseñorado

"Na mesta carballeira dos Remedios, beira do río ancho, fondo, adispacioso, aseñorado, coa súa ponte imperial, no seu paisaxe composto como pra ser parque dunha grande vila do mundo, os traballadores de A. vivían outra vegada á súa trégola anual de paz, de amizade, de fartura, de mol e fuxidía seguridade, de iluso trunfo á volta de poucos anos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 302, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 4 de marzo de 2015

Calisquera charanga dos arredores

"Os que máis lle gostaban á xente eran o feixiño de espigas arrodeado da fouce e da eixada, e o ramallo de pampos e follas de vide da "Asociación de Labradores de la Arnoya";  e tamén a escuadra, a plomada e a llana, garnidas en prata, do gremio de albañiles (...)

 Cando estaban os liberais no goberno desfilaban tamén o grorioso Orfeón de A. co seu estandarte coberto de fitas, bandas e coroas de loureiros de ricos metais, gañados nos concursos da rexión e da Nación;

 mais estando os conservadores non se atrevían por medo de que lle chimpasen as subvecións da Diputación e do Aiutamento, que xa se tiña dado o caso na remuda dos partidos no poder.

 Moi cedo aledábanse as rúas coa afinada banda "La, Lira", de Ribadavia, botando pasacalles, marsellesas, "internacionales"; (...)

 Algunhas veces a banda de Alongos, que era a millor no estrondo dos "pasacalles", non se estrevía a vir nin cando estaban no poder os liberais (...) e habíase que conformar con calisquera charanga dos arredores, coasi sempre a de Punxín, que eran sete facendo nove, que o bombo e os platillos tocábaos un só."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 295-296, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 3 de marzo de 2015

"Lobadas"

"Ben sabido era que os traballadores de A. armaban ise día grandes merendas familiares, a máis das famosas "lobadas" de solteiros e homes sós pra levaren á "Jira Campestre" que se facía despois do mitin, no Campo dos Remedios.
 Pro aos compañeiros que chegaban das aldeas, gostáballes tamén moito comeren de taberna ou de fonda; (...)
A iso das dez da mañá do día Primeiro de Maio os traballadores de A. axuntábanse no Campo da Feira pra iren agardar, orgaizados por gremio cos seus signos ao frente, aos compañeiros das vilas, aldeas e comarcas que concentraban nas aforas pra entraren todos xuntos en manifestación afervoada."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 294, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 2 de marzo de 2015

Abertas as tabernas

"Nos primeiros de maio de A., só remanecían abertas as tabernas e casas populares de comidas: seus ramallos de loureiro ao frente, e na porta a longa mesa coas empanadas, grandes como rodas de carro; os relucintes caldeiros de pulpo fervendo a cachón dende a mañá cedo nos mollos de bacelos facendo rescoldo pra todo o día na cinza mol e branca; e chegando ao meio da rúa, as bafaradas do estofado de vitela con chícharos, patacas e azafrán, e as troitas fritidas con unto."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 294, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)


sábado, 28 de febrero de 2015

Sona de activa e moi intelixente

"A miña irmá daquela xa acadara sona de activa e moi intelixente (non se lle facía ningún favor en decilo) entre os compañeiros que tiñan vido a A. polas federacións comarcais, naquiles "viajes fraternales", tan sinxelos e ledos, do agarimo proletario (cando eu saín de A. por primeira vez, foi pra ir nun diles, a Villafranca, aporveitando a Semana Santa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 289, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 26 de febrero de 2015

Bo ollo pra descubrilas

"Entre os dous, que só gastábamos o perciso, mandábamoslle o que podíamos á mamai que estaba co meu pai e co Alberte cumprindo os seis meses do novo desterro en Manzaneda de Trives, onde, como non había impresas, non podía traballar.
(...)
 O parvo do gobernador de turno negoulle o permiso, pra que fose a Santiago (mexaba sangue moi seguido), como aconsellaba o médico de Viana do Bolo, un correlixionario velliño que non sabía moito por onde andaba na cura das doenzas, pro que tiña bo ollo pra descubrilas e decilas polo seu verdadeiro, e ás veces témero, nome.

 E os dous médicos de Trives, que eran consevadores do conde de Trives, non querían ir ver ao meu pai, nin meu pai podía saír de Manzaneda pra ningures."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 288-289, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 25 de febrero de 2015

Unha miga sorridente

"A señora Andrea Gonçalvez non dixo ren. Só co aquil falar calada, modosa e unha miga sorridente, atal unha respeitosa e asisada dona campesía, xa o fachendoso xuez de A. pola gracia do seu padriño, escomenzou a perder pé, cecais a estar menos firme do papel que se reservara na escea."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 280, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 24 de febrero de 2015

"Lumeterino"

"Aquil era un día asombroso. Agora viña resultar que a señora Andrea, de orixe espampanantemente incónito, acusada con razón ou sin ela (no seu homaxe penso que con ela), de ceda incontinencia erótica ( o "lumeterino", no falar da miña pobre avoa); falsa vella ou falsa revellida; moinante ventureira, aquerenciada en A., practicando, coa mesma propiedade, a costura de branco, os broslados de freira, os partos dificis e os abortos como casos de concencia autorizados por unha dialéctica persoal, viña resultar agora unha dama culta, cunha cultura de damas doutro tempo e doutros países..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 277, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 23 de febrero de 2015

Puro "Ciprianillo"

"Por certo dixéronme que un fillo do Covas, que asegún se di, é o mairo herdeiro de A., anda a langrear por aquela filla que tiña a Cachona nas Carmelitas de pago, e que soio agarda a que cumpla os dezaoito pra se casar...
¡Se iso non é puro "Ciprianillo" que baixe Deus a velo!

-(...) Goréntome de ter eiquí a un home e a unha muller xa feitos e direitos cos que falar; un home e unha muller verdadeiramente escecionais, repítovolo, nista melancónica e mal tencionada A."
 
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 272, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)
 

domingo, 22 de febrero de 2015

Algún ollo abesullando

"En A. tíñase que andar con tento. Sempre había na noite, nas noites todas do ano, algún ollo insomne e malino, abesullando pra o seu respetivo anaco de rúa, en todas as rúas da vila, como parte dun grande "corpo de guardia".
(...)
 Levaba algunha alfaias orixinais e de aspecto custoso: un esgarabello labrado en amatista, un colar de grosos topacios, pendentes de filigrana de ouro, que en A. se chaman portugueses; nun dedo groso, un grande anel labrado nunha pedra opaca.
(...)
-O que me estou a perguntar é como se pudo traguer todo isto sin que ninguén o soupese. Resulta verdadeiramente humillante pra A."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 268-271, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 18 de febrero de 2015

Daquil xeito tan lucidío

"Eu estaba atordoado e, dentro das circustancias, cheio de ledicia. Nunca houbera pensado que fora da xente nosa aínda coas novas figuras populares que pouco a pouco se ían albiscando (...) houbese en A. quen pensara, daquil xeito tan lucidío, en nós, dende fóra de nós, e pra adiante de nós. Non acertei máis que a decir:
 -Tes razón, craro que tes razón.
(...)
 -Como todo o mundo eiquí. En A. todas as casas teñen as paredes de cristal... Craro, que ás veces son de cristal de aumento pra os defetos... Coido que non conviña..."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 262-263, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 14 de febrero de 2015

Adeus por adeus

"Atopeime co Xosé María, fillo do Cerdeira, o oficial maior do Xuzgado de Primeira Istancia. Non levabamos amistade seguida; adeus por adeus como casi todos en A. Pro paroume na rúa da Paz o tempo xusto pra me decir: "Agárdote hoxe ás dez da noite na Alameda do Cruceiro. Non digas nada. Trátase do teu pai".  E foise de contado, sin agardar resposta."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 257, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 12 de febrero de 2015

O gremio de carpinteiros

"O gremio de carpinteiros acordou que non fosen á Ursaira, ou millor dito que non voltasen, os seus afiliados. O Quintín Amor tívoos que procurar, en número que doblaba aos outros, no Centro Católico de Obreros que o bispo vello fundara pra coartar o avance do Centro de Sociedades Obreras, de orixe socialista.
 Saíron en tres coches ao romper o día. En total eran catorce homes.8...)
 De noite aínda, saíra tamén un piquete formado por dez números de acabalo con máuser e cornetín de ordes, ao mando do tenientiño...
 Xa de víspora se correra por A. que ista forcia ía por orde do gobernador e "consentida" polo señor bispo."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 253, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 27 de diciembre de 2014

A boa xentiña

"Daquela o gobernador de A. era un conde vellouqueiro e bandullón, arrumbado na Corte (na corte, como decía o Mosquera), sin cartos, sin profesión, coa cabeleira e as longas barbas brancas de "comendador que me pierdes" que lle daba un aquel de importancia teatral. A pouco de chegar, xa a boa xentiña de A., que tería de todo menos de parva, o marcara por tolainas solene e mómaro de procesión do Corpus, con ise fondo perigoso de medo encoberto e de inagardada agresividade a que son tan afeitos os idiotas cando acadan poder."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 245, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)