Mostrando entradas con la etiqueta carpazal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta carpazal. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de octubre de 2018

Un sol negro e violento

"Eu non me sentía roubada nin burlada nin asaltada, senón amada. Pero sentía tamén que todos aqueles veráns de Beiro, as nosas conversas no Carpazal, o noso mundo do wigwan, as historias que nos contaba o criado Anselmo, todo, absolutamente todo canto levabamos vivido naquela casa, incluso a vida da propia mamá, aquel seu encontro con Leopoldo durante aquel afastado verán, todo estaba tinguido agora pola color vermella daquela auga manchada de sangue que eu vira na bañeira o día da morte de Carlos, e que sería imposible de recordar xa nunca máis a limpeza azul e transparente dos ceos color turquesa que amparaban as nosa vidas cando estabamos en Beiro. Tiña  a impresión, pechada na biblioteca, escoitando de lonxe os ruídos que chegaban de fóra, o picar dos canteiros en Zas, as voces dos labregos traballando a terra nos campos de arredor, o cacarexar das galiñas no patio da casa, á beira do pozo, mesmo o silencio das teclas inmóbiles do piano, que se convertían nun estrondo, como se o pistoletazo que Carlos disparara naquela madrugada quedase para sempre suspendido no aire, convertido nun sol negro e violento."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240-241.

miércoles, 3 de octubre de 2018

Un pequeno buraco nalgunha balda

"Nunha delas, que aparecía gastada e rota nos dobrados, e que supuxen que antes de estar metida naquela carpeta debera ter ocupado outro lugar distinto, talvez máis secreto, quizais un pequeno buraco nalgunha balda da librería, Leopoldo dicíalle a mamá que non tiña que sentir remordementos polo que pasara aquela tarde no Carpazal, ao rematar de comer, cando os dous foran dar un paseo, que despois de todo non se engana a un home ao cal non se quere con amor."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 238.

martes, 2 de octubre de 2018

Pola horta

"En primeiro lugar, porque tía Mercedes falou con Adolfo só por suposicións, pois ela non sabía nada, simplemente non soportaba velos aos dous, a Leopoldo e a mamá, paseando pola horta, sentados no merendeiro ou baixando ata o Carpazal. Para min xa  non era necesario ler nada máis, pero abrín con ansiedade as catro últimas cartas que me faltaban aínda por ler."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 238.

domingo, 30 de septiembre de 2018

Sós na biblioteca

"Logo vén o relato da conversa que Leopoldo tivo coa avoa Rafaela, metidos os dous sós na biblioteca, mentres fóra se escoitaba a voz de papá dicindo que as criadas empezaran a baixar coas cestas para o xantar no Carpazal. Hai logo cinco cartas, escritas tres anos despois, (...) pois recoñece que non lle vai ser fácil convivir con tía Mercedes, a unha invitación de mamá para pasar uns días en Beiro."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 236.

jueves, 20 de septiembre de 2018

Néboas

"Pensaba que cando chegásemos á casa de Beiro, me apetecería entrar no cuarto do limoeiro e contemplalo na caixa, sen vida, talvez para convencerme a min mesma de que era certo, de que as horas que estaba vivindo desde a madrugada anterior, cando espertei sobresaltada con aquel ruído estralante e seco que non soubera identificar, non formaba parte daquel mundo de néboas no que agora habitaba, e no que as lembranzas de tantos veráns pasados xuntos, aquelas mañás gozosas almorzando na solaina, aquelas tertulias co criado Anselmo polas noites, aqueles xantares no Carpazal, mantiñan a Carlos vivo na memoria."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 219-220.

sábado, 15 de septiembre de 2018

Furtivamente durante uns segundos

"Cada vez que a avoa Rafaela lle dicía a mamá que invitase a Indalecio a dar un paseo pola horta, que o levase a amosarlle o Carpazal, mamá facía un xesto de desgana ou de resignación, e seguía na súa tarefa de bordar, disposta a non moverse daquel sitio, escoitando os pasos de Leopoldo paseando pola horta, erguendo de cando en vez os ollos para velo furtivamente durante uns segundo..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 213.

viernes, 14 de septiembre de 2018

Sós ata a canteira

"Ao primeiro valeuse de Susa, pero cando se decatou de que a criada os acompañaba a distancia e que baixaba con eles ata o Carpazal, pero que os deixaba subir aos dous sós ata a canteira de Zas, e que ela quedaba sentada no banco da Carballleira da Fonte, alegando que lle doía un calo ao andar, puxo a mamá a bordar unha mantelería que empezara o inverno anterior.

  (...) Eu quería imaxinar a mamá como unha rapaza de dezaseis anos, intelixente e fermosa, vivindo durante moito tempo no paraíso daquela casa de Beiro, rodeada de xente que non pretendía outra cousa que facela feliz, desde a criada ata os seus pais."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 212.

jueves, 13 de septiembre de 2018

Eu non sabía nada

"Como se estivese durmindo aínda, sentín a voz de Carlos ao meu lado, agora dentro do seu coche. (...) De pronto oín que me preguntaba: "¿Ti sabes que aquel verán, despois de que a túa nai invitase o meu pai ir paseando ata o Carpazal, empezaron a saír sós todos os días, e que a túa avoa Rafaela fixo todo o posible por separalos?" Eu non sabía nada..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 211.

martes, 4 de septiembre de 2018

Unha sombra temida

"Eu sentei ao lado de mamá, mirando en dirección ao río. Da parte do Pico de Zas, á esquerda do Carpazal, sobre o azul do ceo debuxábase unha nube minúscula, quizais os restos do lume feito polos paisanos para queimar a maleza dalgunha bouza. O criado Anselmo contara na véspera que os veciños do lugar andaban á caza do lobo Toribio, que como todos os veráns se deixaba ver de cando en vez, apenas unha sombra temida no medio da noite, atravesando os bosques camiño dos prados."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 198.

lunes, 3 de septiembre de 2018

Como sempre

"Nada máis sentar, bebeu un vaso de zume de amoras e dirixiuse a Leopoldo para preguntarlle se despois do almorzo quería dar un paseo con el ata o estanque do Carpazal. (...)

  Acordeime do verán de 1961, cando Carlos cumprira os vinte anos e viñera a Beiro a principios de xullo, para pasar o verán con nós, como sempre. Estaba vendo o día que chegou."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 195.

lunes, 27 de agosto de 2018

Cunha antuca

"Carlos díxolle que un día o seu pai lle contara que viñera de visita, cando tiña dezaoito anos, e que o primeiro día, á hora de comer, cando estaban todos sentados no merendeiro da Carballeira da Fonte, no Carpazal, a non ser mamá, de pronto viuna chegar polo camiño que saía do paseo dos buxos, vestida de branco, coa melena solta, tapándose do sol cunha antuca, e quedou coa boca aberta."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 187-188.

domingo, 26 de agosto de 2018

Máis ou menos

""Vós, de nenos, ¿xogabades tamén no Carpazal?" Díxome que si, que máis ou menos era era como dóra para nós:  merendas, comidas os domingos, baños no estanque. Carlos preguntou taén: "¿É certo que foi no Carpazal onde vos coñecestesa ti e o meu pai?" "

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 187.

viernes, 24 de agosto de 2018

Aquel xogo tan fermoso

"Quedei durmindo coa ilusión de que ao día seguinte volveriamos ao Carpazal, a facer de novo aquel xogo tan fermoso, e que podíamos estar máis tempo podermos navegar máis lonxe e chegar ata o Pozo da Cañota, entr dous amieiros onde lavaban as mulleres..."


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 184-185.

jueves, 23 de agosto de 2018

Helena de Troia

"Acordábame do verán en que Carlos me nomeara Helena de Troia e construíra a barca con dous caixóns de froita e uns poucos vimbios, na que andabamos polo estanque do Carpazal, fuxindo de Menelao, que me quería rescatar."


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 182.

martes, 14 de agosto de 2018

Longos paseos

"Díxenlle que a Amparo lle gustaba moito falar ou tocar o piano ou facer postres na cociña ou dar longos paseos polo monte. "Comigo, por exemplo, baixaba case todas as tardes ata o Carpazal, as dúas soas,  e non sempre me falaba de Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 166.

jueves, 9 de agosto de 2018

Claro, Periquita

""Claro, Periquita. ¿Non te acordas cando tiñamos o noso wigwan no Carpazal e eu era calquera personaxe, como Guillerme Brown, ou Kim da India, ou Robinson Crusoe, e ti facías de Helena de Troia ou de Alondra? Pois a primeira vez que confesei, o cura preguntoume se faciamos as cochinadas". Mirei para os seus ollos e acaricieille unha man."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 163.

jueves, 2 de agosto de 2018

Silvas e toxos

"Con Arturo nunca puiden pasar do Carpazal. Ás veces el preguntabame qué había máis alá e eu dicíalle que había máis que mato e follasca, silvas e toxos, e centos de réptiles correndo dun lado para outro, aos cales eu sabía que el tiña noxo ou medo. (...)

  Polas festas de San Roque, os meus pais e tía Mercedes viñeron pasar uns días con nós. Cando escoitei a bucina do coche pitando á altura do Cruceiro, subín correndo desde o monte, co corazón atrancado na gorxa, temendo que non fosen eles."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 155.

lunes, 23 de julio de 2018

Como un trofeo

"Estaba desexando que acabase o xantar para volver ao Carpazal e esperaba tamén que Carlos me volvese falar como sempre e que puidésemos comentar o que pasara con Alexandra, aínda que sospeitaba tamén que non mo quería contar."   páx. 136

"E logo engadín: "A primeira vez que souben que estiveras con Alexandra na Fontemoura pensei que ti te converteras tamén nun traidor, como tía Mercedes e papá e a túa nai"."  páx. 139

"Entón pregunteille a Carlos se se acordaba do día aquel que el matara a paus unha cobra enorme no pedregal do regato que atravesaba o Niño da Cobra, e que decidira levarlla ao cura, como un trofeo." páx. 140

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.



domingo, 22 de julio de 2018

Un ruxeruxe

"Cando estaba distraída, pensando nestas cousas, escoitei un ruxeruxe entre as árbores da Carballeria da Fonte. Pensei que era Carlos, pero non era ninguén.

  Estiven toda a mañá soa no Carpazal esperando que aparecese Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 135.

viernes, 20 de julio de 2018

Ollos fixos na banda de acá

"Senteime outra vez na miña cadeira, mirei cara ao río para ver se aínda se divisaba a barca co burro posto de mascarón de proa e quedei cos ollos fixos na banda de acá, na mancha verde e branca do bosque de abidueiras...

  (...) Dábame medo meterme soa no meu cuarto. Baixei ata o Carpazal e senteime no chan, á beira do wigwan, escoitando o ruído da auga ao caer no estanque."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 134-135.