Mostrando entradas con la etiqueta canedo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta canedo. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de marzo de 2019

952

"A subil-a y-a baixal-a
a costiña de Canedo,
a subil-a y-a baixal-a,
perdín a cinta d´o pelo."

Literatura Popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos. Orense, 1881. (Deputación Provincial de Ourense, 1987). Recollidos por D. Juan Antonio Saco y Arce. páx. 123

jueves, 21 de junio de 2018

Un fardo polo aire

"Despois de pasar pola Cima da Costa, ao deixar á nosa dereita o cruce que leva á parroquia de Canedo, de repente sentín que o meu corpo saía lanzado como un fardo polo aire cara á parte de adiante do coche, e que o brazo dereito de Arturo, interposto como unha barreira protectora á altura do meu peito, me amparaba con firmeza para impedir que batese violentamente contra o cristal do parabrisas."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 65.

lunes, 28 de marzo de 2016

De cazata

"O Maragato faime señas dende a porta do Café Canedo. A copa de augardente e o primeiro cigarro. Axiña. Antes que as amarguras da boca me coman a moral. Unha lavativa de gato para sacar a máis gorda e fóra, a tomar a parva e ver que conta ese barallante.

 -¿Durmiches ben, Sindo?

 -Non foi moito.

 -¿E logo houbo troula? Polo visto fostes de cazata ó Vilar. Pono A Zarpa. (...)

  -Trae acá A Zarpa, a ver que mentira di. Porque supoño que pasaron máis cousas no mundo que as agarradas co puterío."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 11

jueves, 20 de agosto de 2015

Da beira de acó

"O casarío de Canedo, ben alumiado polo sol, loce as vivas cores das casas novas, trónzase pola vía que corre río abaixo saltando as valgadas, e beira do río téndense os soutos de amieiros e sanguiños en verdes alamedas.

  Da beira de acó, antes de chegar á aldeíña de Reza, o convento de Ervedelo, deitado no monte entre pradeiras e piñeirais, parece unha paisaxe de Nacemento, e o pelado monte das Neves limita o ceo coa súa ermida solitaria e vella."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84

lunes, 26 de enero de 2015

Plan para sabotar todas as termas

"Corremos onda o Lois, pero xa el estaba apertando os botóns daquel cadeado. Cadeado que, ademais, era cadrado, escuro e moi semellante á caixiña que atoparamos en San Francisco.

 Foi tocalo e escoitar berros abraiantes nas pozas de Canedo e nas de Outariz, aos dous lados da pasarela.
 -Que pasou?
 -Non hai dereito!
 -Será unha avaría?
 -Onde se reclama?
 -Eu viñen de moi lonxe para isto, non o podo aturar...

 Todas as queixas eran do mesmo estilo. Corremos as varandas da pasarela. Miramos as pozas. Todas estaban con xente en bañador, furiosa... e sen auga ningunha.

 Comezamos a entender o que pasaba.
 -Rapaces -dixen eu-. Isto forma parte dun plan para sabotar todas as termas de Ourense. 
 -Este cadeado -insistiu Raia- debe ser o mando a distancia que afecta á condución das augas termais e dos sumidoiros destas pozas. Alguén debeu alterar os sistemas de canalización das augas.
 -O mesmo que na fonte das Burgas, na cidade!"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.51-52