Mostrando entradas con la etiqueta franciscanas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta franciscanas. Mostrar todas las entradas

sábado, 29 de octubre de 2016

E chiaban

"-Ben... escoitamos na radio que atoparan a rapaza morta no Barbaña. Causoulle unha gran impresión, ¿a quen non?

  (...) Tomei un bocadillo de calquera cousa no café da mesma rúa. Non tiñan de tortilla quente, nin de calamares, pero había que prepararlle a cama ós copazos que virían despois.

  O club Maracaibo era, como explicara a secretaria do Rebollo, un local decente. Todos os locais escuros o son, por máis que a xente terquee no contrario. Apalpar nas tebras implica vergonza e remordemento.

  (...) Chamábase Coral e fora azafata de Pan Am, alá en Venezuela. Intentara o brinco ó estrelato -fixera de gallega nunha serie de televisión e un spot anunciando café-, antes de acabar en Ourense servindo borrachos para poder comer unha arepa. (...)

  Había barullo na rúa. Os clientes saían a curiosear, e a actriz asomouse á porta. Gastaba un pantalón de cor amarela, cinguido ás nádegas. Situeime detrás dos dous colombros, encollido coma un lebracho asustado. Pasaba unha procesión de rapazas. Marchaban encadradas en distintos batallóns, Carmelitas, Franciscanas, Josefinas, con cadanseu uniforme. E chiaban. Denunciaban o pecado e pedían xustiza."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.146-149

lunes, 10 de octubre de 2016

As freiras do Carmelo

"A seguinte visita foi para as hermanas, na Praza do Correxidor. As Carmelitas tiñan fama entre os colexios de pago femininos. A oferta era ampla, Josefinas, Franciscanas... pero as palmas nas facturas levábana as freiras do Carmelo. Despois de fumar varios pitos na porta da entrada, veume buscar unha monxa nova. (...)

  -Acabo de falar con dúas compañeiras dela. Quedei pampa escoitando as diversións a que se entregan os fins de semana. Pasan horas nos parques con cuadrillas de golfos e permanecen ata deshora nas discotecas tentando o demo.

  -To, to, to. Iso é grave. De aí a montar en bicicleta hai un paso."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.123-124

sábado, 14 de mayo de 2016

O mimo

"Os dous rillotes recibiron permiso para retirarse, e fixérono a fume de carozo, felices de evitar o castigo que os agardaba en chegando á circunferencia, ó rombo e ó trapecio. (...)

  -¿A filla de Cachafeiro era tamén deste gando?

  -Maripi era unha nena difícil. O pai queríaa con loucura, pero o mimo levou á rapaza das Carmelitas ás Josefinas, despois ás Franciscanas e... por último rematou nas miñas mans.

  -¿Consentida, eh?

  -Moito. Aquilino naceu pobre e tivo un pai varrendeiro. Odiaba iso, e quixo facer da filla unha princesa, alonxada da necesidade e da inmundicia."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.50