Mostrando entradas con la etiqueta capital. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta capital. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de marzo de 2018

Unha necesidade maior

"O interrogatorio, que se fixo na cociña do cuartel da Forxa, segundo os informou o comandante Eloi, durou máis de sete horas. A eso das tres da mañá, cando xa contara todo o que sabía e estaba autorizado a deitarse e descansar antes de que chegasen os reforzos para o traslado á capital, o administrador pediu que o deixasen saír á horta a facer unha necesidade maior. (...) Saltou con disimulo a parede do fondo, pola parte máis baixa do muro, e pasou logo ó carreiro que alí separa a horta da nabeira veciña, que naquel lugar está cuberto polas ponlas de catro mazairas, botándose a correr a continuación monte abaixo en dirección a Filgueira, a  pouco máis de tres quilómetros do lugar onde se atopaba."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 176.

domingo, 5 de noviembre de 2017

Nun café da capital

"como os que aluden a que na citada misiva se incluía un relatorio detallado, con nomes e datas, das dúas veces que o boticario don Modesto Vilariño Dacal e o señor Fuentes Iglesias se tiñan entrevistado nun café da capital durante o mes de agosto do ano mil novecentos trinta e dous, despois dos sucesos da Virxe do Carme tantas veces aludidos"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 159.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

Ter visto chorar

"e que os feitos para el empezaran a noite do día dezasete de xullo do ano mil novecentos trinta e catro, cando sendo as nove horas post meridiem e estando el no acto de reparar forzas antes de ir á cama, recibira recado verbal de que se presentase urxentemente en Palacio, requirido polo señor bispo da diócese para tratar dun asunto secreto, e que era este asunto que unha moza chamada Anunciata Romero Figueirido, de vintedous anos de idade, solteira, natural de Sarois, preto da capital, aseguraba ter visto chorar a unha imaxe da Santísima Virxe do Carme existente na igrexa parroquial da localidade da súa residencia"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 144.

lunes, 30 de octubre de 2017

Unha hora tan inadecuada

"Requirido a continuación o condenado para que ampliase ata onde puidese ou considerase conveniente o dato por el mesmo referido sobre o episodio que enfrentara ó capataz Isolino Madarro Fenández con Pedro López Sarandeses no cruce da Rúa Cega co Caleixón das Ánimas, dixo que a única ampliación que podería facer naquel momento era que el sabía de fonte segura pero secreta que o tal Pedro López Sarandeses fora o cebo preparado polas centurias da capital para que o señor boticario abrise a porta a unha hora tan inadecuada"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 138.

viernes, 27 de octubre de 2017

Aquel mesmo día pola mañá

"respondeu aquel dicindo que a noticia sobre a participación directa do señor Fuentes Iglesias nos feitos investigados lle viñera a el de testigos presenciais, concretamente dunha persoa que o visitara no seu domicilio o mesmo día do crime pola noite e que lle contou que fora xente das centurias da capital a que se presentara de madrugada na casa do señor boticario con intención de detelo ou secuestralo, e que despois fora este conducido nunha camioneta branca ata o lugar que chaman A Devesa de dona Ermelinda, onde xusto ó pé da caseta do peón camiñeiro, no medio e medio do Souto das Carochas, agaradaba o auto particular de don Andrés Fuentes Iglesias, o cal se fixo cargo do detido, trasladándoo inmediatamente ó Campo das Poldras, onde apareceu morto aquel mesmo día pola mañá"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 134-135.

lunes, 23 de octubre de 2017

Para descargar

"pois ninguén era sabedor doutros amores que o señor Fuentes Iglesias que os que a lei lle autorizaba e que soamente desde que a señora se derramara do corazón se atrevera el a buscar remedio por outro lado, acompañandoo o propio dicente cada xoves fin de mes á capital, pola mañá cedo e sen que se soubese, para descargar cunha madrileña moi limpa, solteira e da profesión do pecado, que o señor Fuentes Iglesias mantiña en exclusiva."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 113.

lunes, 16 de octubre de 2017

Os citados tanques de lavado

"negándose o mencionado a facer a comprobación que se lle solicitaba por entender que a falta de similitude entre aqueles e os traballadores afectados invalidaba calquera comprobación que se fixese, prestándose en cambio, sobre todo despois de que Abelardo Pampín González llo pedise en nome do sindicato, a acompañar a unha delegación desta última organización ata a capital da provincia para entrevistarse co señor gobernador civil e expoñerlle o seu particular parecer como responsable sanitario da hixiena da vila sobre o carácter presuntamente nocivo dos citados tanques de lavado."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 93.

martes, 15 de agosto de 2017

Xa as portas do Cine Barbagelatta

"Camiñando pola rúa ríase de si mesmo, preguntábase que qué lle parecería ás persoas que se cruzaban con el. Quizáis tiña aspecto dun insignificante home do comercio ou de vilego en visita nouturna á capital. Ao chegar á Praza da Leña torceu por debaixo dos soportales en dirección á Alameda, procurando alonxarse o mais posible do Caleixón dos Peligros, anque para eso tivera que dar unha volta bastante grande. (...)

  Xa as portas do Cine Barbagelatta estivo a punto de renunciar. (...) Ilustrísima buscou no peto, sacou un real e depositouno na man sarmentosa do italiano. Coa cabeza gacha entrou no barracón. Deseguida se decatou de que tanta preocupación non estaba xustificada. (...)

  O barracón, de piso terreo, víase que fora un antigo forno. Contra o fondo, enganchada cunhas cordas a unha trabe, caía unha sábana vella de liño, casi amarela."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 52-53.

lunes, 22 de mayo de 2017

Oscura masa de sombras

"Apoiase novamente na fiestra e queda mirando pró barco de luces -eso mismo parece- ancorado no centro da cidá. Dentro dunha hora apagaráse todo, casi todo, e somentes ficarán unhos cantos guiños tremendo, colgados da noite, unhas cantas luces encendidas no medio da oscura masa de sombras en que, dun momento pra outro,  vaise convertir a capital."
 
Carlos Casares, Cambio en tres, ed. Galaxia, colección "Illa Nova", Vigo, 1969, 1ª edición, páx.83-84

miércoles, 10 de mayo de 2017

Iste monte de luces

"a crónica desta capital na que os mozos agora se dedican ás carreiras de coches, ó tenis, ó tiro con carabina, ós partys periodísticamente destacados, na casa dos señores de... 

  (...) De todos xeitos, inxusto sería xeneralizar, cando o núcleo central, é decir, iste monte de luces que dende eiquí se divisa non é, de feito representativo de todo un pobo que hai anos vai buscando sitio pola Rabaza, por Quintela, polo Pino, por Guizamonde, por Ervedelo, vai subindo, subindo, pra baixar logo cada mañá  a vender cerillas, a cargar e descargar camiós, a ofrecer lotería (monopolio de cegos) pola rúa, a transportar ladrillos, a cavar zanxas, a facer recados, a vixilar portales, a despachar mercancias nos comercios, a amasar cemento, máis auga, Cachorro, pronto."

Carlos Casares, Cambio en tres, ed. Galaxia, colección "Illa Nova", Vigo, 1969, 1ª edición, páx. 70-71

martes, 25 de octubre de 2016

Alcatreaba a bravío

"Tiña a cara coma un santo cristo, e parecía verdadeiramente conmovida. A palidez, o tremor dos labios, os ollos chorosos, falaban ás claras da súa consternación. (...)

  -Un día topamos na escaleira cunha serpe noxenta. Dígame, ¿por qué habemos de aturar un colebrón no medio da capital? (...)

  -Se vai polo Club dígalle que me chame. É moi urxente. (...)

  Deixei as galerías tapándome o naríz.  Por diante da tendas de animais, en varios metros de corredor, alcatreaba a bravío."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.139-141

lunes, 6 de junio de 2016

Unha augardente de cereixas

"  -Non puidemos cos padaos ríxidos, non houbo forma de pechalos -aclarou o crego-. ¿Apetécelle unha augardente de cereixas? Pódolle ofrecer tamén un licor que fan os frades de Samos.

  Aceptei a copa de augardente e dispúxenme a escoitar ó parroco. Os da Eirexa non dicían nada, anque facían bastante ruído ó paladear as bebidas.

  -O rapaz do sancristán, que andaba no monte coas vacas, foi o que encontrou ó Xeremías morto, nun regato que hai por baixo do lugar. Mellor que llo conte el, vive na casa da aira. Xa haberá tempo diso, pode pernoctar con nós. Fáiselle tarde para volver á capital. Mañá celebramos a festa da patroa, a Virxe dos Remedios, a pesar de que vén nun mal momento.

  O maxistrado chegou ó escurecer, acompañado dunha ambulancia e de dous civís de Ourense."

Bieito Iglesias, "A cruz de prata" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.81

lunes, 7 de marzo de 2016

Un home tirado na cuneta

"Despreocupados pululaban polos camiños cando, cruzando os Chaos de Amoeiro, deron co cadáver dun home tirado na cuneta. Un veciño do lugar que, pasando antes xa fora testemuña do fatal acontecemento, apresurouse a notificar o achado.

  Ambos os dous amigos se achegaban aos restos á vez cando chegou unha parella da garda civil que acudía a Trasalba para facer as primeiras pescudas. (...)

  -Sería un axuste de contas- especulaba o outro axente mentres ordenaban o traslado ao hospital provincial para practicar a autopsia-. Esta xente de mal vivir, xa se sabe...

  (...) Cargado de grillóns, conduciron ao cómplice confeso ao cuartel da Garda Civil para terminar as dilixencias, á vez que un vehículo se facía cargo do cadáver para o seu traslado á capital."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.180-181