Mostrando entradas con la etiqueta maceda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta maceda. Mostrar todas las entradas

martes, 4 de junio de 2019

Alleas a min e ós meus pesares

“Cando baixaba a Portugal, saíndo de Regueiro, adoitaba facelo descendo polo alto do Couso até Maceda e dirixíndome dende alí a Vilar de Barrio, logo de canea-los somontes de San Mamede, para seguir andando, pola chaira que linda coa Lagoa de Antela. Facíao baixo o alto voo das inacadables gueivotas. Ás veces asexábaas, pousadas na auga, alleas ó vento e á xeada que baixaban dos montes, xusto por riba de por onde din que aboian as campás, os tellados das casas, nunca os laios dos seres que se debera supor que as habitan. Vía as gueivotas tan cercanas como agora as vexo, pousadas na tona do mar, enriba da arpada oleaxe, alleas a min e ós meus pesares.

 Dende ela, dende a lagoa de Antela, adoitaba encamiñarme a Verín e de Verín a Chaves, xa en terras portuguesas.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 36-37

domingo, 2 de junio de 2019

Maceda II


Cando se fixeron públicas as sospeitas de que Manuel Branco, o home do unto, asasinara a varias mulleres coas que viaxaba, a esposa de Manuel Ferreiro denunciou a desaparición do seu marido porque gardaba analoxía cos casos de Rebordechau.

Non sabemos nada máis de Romasanta ata agosto de 1843, cando percorre as vilas de León cunha tenda ambulante, hospedado en casas como a de Gabriel Canseco, xornaleiro pobre de Matallana.”

sábado, 1 de junio de 2019

Maceda I


Xosé Ramón Mariño danos conta dos anos inmediatos á morte de Francisca:

“En 1834, ano en que quedou viúvo, Manuel Blanco, de vinte e catro anos, gáñase a vida por Maceda cunha tenda ambulante. Tamén se ofrece como xastre, outros dos seus múltiples oficios. Faille un pantalón a un tal Manuel Ferreiro, vendedor de panos comprados en Portugal e veciño de Xinzo da Costa, aldea de Vilardecás-Maceda. Poucas semanas despois atópanse na Limia e marchan xuntos cara a Chaves.

Catro ou cinco meses despois de marchar con Manuel Ferreiro a Portugal Romasanta volve só pola casa do seu compañeiro de viaxe. Dilles á muller e á irmá que, de parte do Manuel, lle dean a roupa que lle deixara na casa, para levarlla. A muller entrégalle unha camisa, nove calzóns, unha chaqueta, un chaleco e un pantalón, todo por un valor de douscentos a trescentos reais. Manuel Ferreiro non regresou nunca ao seu domicilio, onde o agardaron a muller, a irmá e os tres fillos ata que o tempo lles matou a esperanza.

miércoles, 6 de marzo de 2019

Detrás da néboa o felo (VI)

CINZA

"Arrostra o mar a máscara do día
cun xesto azul de clara escuridade.
A chuvia entre as pupilas, a saudade
levemente marfil xunta a avreguía.

Rosma o solpor febril, queda utopía
ancorada na cinza: exhausta idade
que se perde mordaz na inmensidade,
que se agocha baleira na ardentía.

O mar esculca o vendaval vizoso.
Co paraugas da man baila inconsciente.
Do chocallo, a harmonía, o seu saloma.

Simplemente vivir, grisáceo aroma,
requente sabor doce, aínda se sente
disfrazarse en Maceda o mar vidroso."

“Detrás da néboa o felo” de Alexandre Nerium (seudónimo de Francisco Manuel López Martínez, Fisterra-1960)


Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2014. páx 31. Edición non venal.
(Fonte: www.felosdemaceda.com)

Carguizoi, 23 de febreiro de 2019.


martes, 13 de febrero de 2018

Felo V



Manuel Garrido Silva
Manolo para os amigos
Dos que nos gabamos
De formar parte en diante
Dende que o noso amigo Emilio
Nolo  presentou
Na súa aldea de Vilardecás
É un deses felos
Quen dende hai anos
Percorren o Val de Maceda
Fan rir e chorar
Ós vellos e ós rapaces
No día do Entroido
No que os labregos son reis
Manolo é un Felo
Pero sobre todo non o digades
Pois na súa aldea de Galicia
Ninguén o debe saber


“O FELO” de Alain Jégou (poète français, 7-10-1948 Larmor-Plage; 6-5-2013)
Tradución de Emilio Araúxo.
Ed. Amastra-N-gallar. Santiago de Compostela, 2007. páx. 10. Edición non venal.