Mostrando entradas con la etiqueta antela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta antela. Mostrar todas las entradas

martes, 4 de junio de 2019

Alleas a min e ós meus pesares

“Cando baixaba a Portugal, saíndo de Regueiro, adoitaba facelo descendo polo alto do Couso até Maceda e dirixíndome dende alí a Vilar de Barrio, logo de canea-los somontes de San Mamede, para seguir andando, pola chaira que linda coa Lagoa de Antela. Facíao baixo o alto voo das inacadables gueivotas. Ás veces asexábaas, pousadas na auga, alleas ó vento e á xeada que baixaban dos montes, xusto por riba de por onde din que aboian as campás, os tellados das casas, nunca os laios dos seres que se debera supor que as habitan. Vía as gueivotas tan cercanas como agora as vexo, pousadas na tona do mar, enriba da arpada oleaxe, alleas a min e ós meus pesares.

 Dende ela, dende a lagoa de Antela, adoitaba encamiñarme a Verín e de Verín a Chaves, xa en terras portuguesas.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 36-37

viernes, 8 de diciembre de 2017

A elegancia dunha rapaza nórdica

"Cando desaparece, el pasa a folla do periódico que estaba lendo. Non se publica hoxe o seu artigo, a breve columna de oito centímetros de longo encabezada por unha lámpada de Aladino pintada por el mesmo e na que divaga cada día sobre temas moi diversos: un parrulo que viu voar unha tarde do último outono sobre as augas da Lagoa de Antela ou a elengacia dunha rapaza nórdica que hai a penas cinco días descibriu sentada na terraza do Café Moderno."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 27.

lunes, 3 de julio de 2017

Past and Present

"O traballo de Griffit (William A. Griffit, The Spanish 18th century. A biography of Fray Luis de Morgade, en Past and Present, nº 97, decembre de 1976) ven encher un pequeno oco na nosa aínda escasa historiografía do século XVIII.

Frei Luis de Morgade foi grande campaneiro no convento franciscano do Bon Xesús, en Trandeiras, fábrica hoxe derruída como consecuencia da voracidade burguesa e inculta desatada pola Desamortización. Naquel apacible recinto sagro serenaron os seus espaventados ollos na tranquilidade gris celeste das augas da Lagoa de Antela catro bispos franceses fuxidos da Francia revolucionaria de 1789."

Carlos Casares, "Luís de Morgade, curador de don Carlos II, o Enfeitizado", en  Os escuros soños de Clío, ed. do Cerne, 1ª edición, 1979, Santiago, páx. 27-28.

jueves, 19 de enero de 2017

Un potente quiquiriquí

"O primeiro en baixar foi o señor cura, ó que non tardou en seguir o ferreiro. Durante uns minutos seguiron baixando. Chegaron logo a un descanso, aproximáronse a unha varanda de pedra e desde alí viron a cidade, un conxunto apretado de rúas estreitas e longas e dúas prazas bastante grandes, redonda a da igrexa, cadrada a outra, esta formada por catro edificios nobres. O ceo era transparente, como se o aire estivese metido dentro dunha burbulla. Entre eles e o campanario interpúñase un foxo enorme, sen fondo. Entón falaron a primeira vez. O cura limitouse a dicir: "O que che dicía eu, Antonio: a cidade de Antioquía". Cando se volveu para mirar o ferreiro, este estábase convertendo nun galo. Uns segundos máis tarde, xa o viu revoar arredor do campanario. Finalmente, pousado no mastro de ferro, no alto da torre, lanzou un potente quiquiriquí que ó rebotar contra a bóveda de auga caeu sobre a cidade como unha chuvia de música. Foi entón cando se abriron as ventás e as rúas se encheron de xente."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

miércoles, 18 de enero de 2017

Nun buraco escuro e longo

"Desta vez, víase o campanario no fondo, pero tamén unha praza redonda, rodeada de casiñas pequenas, todas con tellado vermello a dúas augas e ventás pintadas de verde. Dun dos lados da praza saía unha rúa estreita, toda empedrada, pero a auga estaba tan toldada daquel lado que era imposible saber en que lugar remataba. Por un clariño que se observaba uns metros máis alá, divisábase unha rúa perpendicular a aquela, con soportais e tres ou catro construccións de luxo, quizais con escudo na fachada. De pronto, naquel mesmo claro fíxose un remuíño que empezou a rousar como a roda dun carro, primeiro lento e pousona, despois moi rápido. Conforme ía aumentando a velocidade, o remuíño tamén se achegaba á beira da auga. Nuns instantes situouse diante do cura e do ferreiro, que viron como se abría ós seus pés nun buraco escuro e longo, eso si, non moi empinado e con escaleiras."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

martes, 17 de enero de 2017

Ata a beira da lagoa

"Despois quedou medio adurmiñado ata que ordenou de volver ó prado da Acea. Cando estaba chegando, escoitou detrás os pasos apresurados de alguén que andaba correndo, volveuse para comprobar que pasaba e viu a don Marcelino sen moitos folgos, que lle facía sinais coa man de que agardase por el. Xa xuntos os dous, o cura díxolle que saíra dar un paseo. O ferrerio riu para si e seguiron andando. Nese momento empezou a escoitarse a campá. En silencio, sen querer mirar un para o outro, dirixíronse ata a beira da lagoa."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 30.

lunes, 16 de enero de 2017

Entre bocado e bocado

"Entón, entre bocado e bocado, case rindo de contento, púxose a contar o que vira a véspera cando andaba traballando no prado da Acea, á beira mesma da lagoa. Describiu moi ben o campanario, que pintou como se fose a Torre da Forxa, aínda que redonda, e falou con moito mimo do mastro de ferro que coroaba a punta. Sen deixar de revolver coa culler a taza de chocolate, a segunda que lle mandaba aquela mañá, don Marcelino dixo con naturalidade: "Ese é o campanario da igrexa da cidade asolagada de Antioquía, que se pode ver tres veces ó ano. Aínda tiveches sorte, amigo Antonio"."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 30

domingo, 15 de enero de 2017

Debaixo do alpendre

"Tampouco pensaba contar nada do que vira a noite anterior na beira da lagoa.

  Cando entrou no patio da rectoral, o ferreiro soubo que había visita: o cabalo do abade da Gorgoloza estaba atado polo cabestro debaixo do alpendre. Subiu rápido as escaleiras de pedra e antes de que lle dese tempo a petar, xa abriu a porta don Marcelino."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 24

sábado, 14 de enero de 2017

Limpa e longa

"Ó chegar ó alto da Fontemoura, decatouse de que os toques lle subían a el polos pés, aínda que xa moi pequenos e gastados. Deu uns pasos cara a atrás, desandando o camiño, e notou que os sentía con máis forza. Conforme ía avantando cara á lagoa, a sensación era cada vez máis intensa. Ó chegar á beira, a campá soaba igual que un vaso de cristal, limpa e longa, como se saíse da auga. Entón foi cando descubriu o campanario. Víase alá no fondo, clariño como se fose de día, cuberto por unha transparencia liquida que a luz da lúa ía volvendo pouco a pouco dunha intensidade leitosa e metálica. Era un campanario só, sen igrexa, máis alto cá Torre da Forxa, aínda que tamén moito máis estreito, redondo e rematado por una mastro de ferro. Cando trataba de pescudar detalles, ennegreceu a noite de pronto e xa non se viu nada."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 22

viernes, 13 de enero de 2017

Un toque de campá

"Mandoulle despois un par de bocados ó codelo de pan de Cea, gardou silencio mentres engulía e despois rompeu a falar. (...)

 Pola tarde baixou ata o prado da Acea, que tiña na beira mesma da lagoa, algo máis abaixo do Toxal, e andou limpando uns regos co rodo. Cando volvía de retirada, xa a punto de empezar a notiña, escoitou un toque de campá. Estrañado pola hora, pois había tempo que na igrexa xa tocaran ás ánimas, pensou se sería algunha parroquia de lonxe que ía con retraso. Acordouse de que o sancristán de Porqueira se engolfaba mais da conta na taberna."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páxs. 18 / 22

jueves, 12 de enero de 2017

O susodito puxera un ovo

"A primeira foi que un día se correu pola parroquia adiante o rumor de que o susodito puxera un ovo. (...) Era máis ben pequeno, non exactamente de paxaro, pero tampouco de galiña, igual que aqueles que a súa nai chamaba "ovos de galo".

(...) Pasada unha semana, unha tarde, cando viña de apañar unha pouca ferraña dunha cortiña, ó pé mesmo da lagoa de Antela, pouco antes de chegar a casa sentiu unha dolor forte nos cadrís, que en primeira instancia atribuíu ó peso do feixe que cargaba, pero que logo advertiu que novamente se trataba dun asunto de poñer. Volveu á horta, colocouse no sitio de sempre, escoitou o mesmo estrondo da vez anterior, comprobou o resultado e descubriu que se trataba do mesmo. Desta vez, o ovo era un pouco máis grande, de casca morena e con pintiñas azuis, dos que o seu pai chamaba "ovos de serpe".

Carlos Casares, O galo de Antioquía, de. Galaxia, 2003, páx. 14.

domingo, 30 de agosto de 2015

Pé da torre

"...porque o lance que motiva estas liñas ocorreume en Xinzo.

  Saímos para alá ó outro día ben humorados e contentos, atopamos no camiño bos compañeiros que agardaban por nós, e xuntos pasamos pé da torre de Sandiás que reflexa a triste e venerable silueta nas desertas e mortas augas da lagoa de Antela."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103