Mostrando entradas con la etiqueta vento_ferido. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta vento_ferido. Mostrar todas las entradas

jueves, 20 de abril de 2017

E chove, chove

"... pra ver unha película italiana que ela volverá ver despois alá na cidade chuviosa de inverno, contándolle todo á súa amiga, chorando por riba dunha cama, chorando, non de raiba, non de desengano, sinón de tristeza ou de noxo, chorando primeiro sin saber ben por qué, despois pola chuvia, porque non hai sol, porque non hai mar, porque non ten plaia, porque nono ten a il, chorando e contestando a unha carta i outra i outra hasta que un día deixa de escribir porque non ten ganas i as lembranzas xa non lle din moito alí no Whisky-club, falando con outros rapaces, bailando, decindo cál é o teu signo do horóscopo i a min gústanme os rapaces de vintecinco anos e il era un neno de dezasete, qué parva, cómo pasa o tempo, qué parva é unha ás veces. I a chuvia non para e chove, chove i os domingos empezan a ser feos i a xente enche as cafeterías i os bares, e falan a berros i ela baila, baila, baila e pode estar contenta, e pola Santa Cruz solprendéuse a sí mesma falando ca súa nai do que nunca falara..."

Carlos Casares, "O outro vrau", en Vento ferido. Ed. Galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx.93-94

miércoles, 19 de abril de 2017

Luciñas de coores

"I entón afumégaselle o pensamento, entre bágoas que non chora, pero que lle petan nos ollos, afumégaselle o pensamento e xa non sabe que está no baile da Alameda e que agarda algo, cáseque sin ganas, pero agarda, agardará un pouco aínda, un pouquiño soilo, antes de que se lle morra pra sempre esa lene esperanza que leva dentro. Esquécese de todo i o mar chámalle na lembranza, chámalle con forza, duramente, mentras ela bota a melea pra atrás, sin se decatar, mecánimcamente, porque na plaia un rapaz dille estás moi guapa i ela sinte como si a encheran de formigas toda por dentro i o rapaz cóllelle a mau e bícanse e nadan xuntos na auga i o sol vainos dourando, emborrachando, i ela non di nada porque o rapaz fala, fala, fala i ela non quere saber nada, soilo soñar e pasar as tardes na isla bailando cos pes metidos na auga e cas caras ben xuntiñas, collidos, electrizados subindo por aquil monte de lume, subindo entre brasas, subindo hasta que aquela forza poderosa se desfaga en luciñas de coores e non quede máis que a quente recordanza fumegando..."

Carlos Casares, "O outro vrau", en Vento ferido. Ed. Galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx.92-93

martes, 18 de abril de 2017

A canteira dos ecos

"Paseóu pola horta e bebéu, non tiña sede, pero bebéu, na fonte do Carpazal. Foi na horta onde se decatóu de que aquil vrau sería diferente. Subida no alto da mesa do merendeiro miróu pró fondo do monte e víu a canteira dos ecos. Era domingo e non picaban os canteiros. Quíxose lembrar: "Os nenos subíamos ó alto da Penamoura i os maiores quedaban..."."

Carlos Casares, "O outro vrau", en Vento ferido. Ed. Galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx. 90

lunes, 17 de abril de 2017

Vellos detalles

"O baile sigue.

 Ela, sentada nun banco de pedra na Alameda, soila, non ve a ninguén.

  Chegóu esta mañá ben cedo. Agardábana os tíos na estación. Pasóu o día espiando vellos detalles: a tecla do piano que daba un són a pau que lle limaba os dentes. Aquil periódico do ano 1912 que gardara alguén ¡quén sabe cándo! na páxina 12 do diccionario latino de Raimundo de Miguel. O polbo sobre a súa mesa de traballo."

Carlos Casares, "O outro vrau", en Vento ferido. Ed. Galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx. 89
                                        Debuxo extraído do blog: Ventos cruzados

domingo, 16 de abril de 2017

¿Nunca máis?

"Miróu pola fiestra. Víase a carpa do circo que se erguía entre os carballos do feiral.

  Está castigado. Cando il saia, a sesión da tarde terá rematado. E despóis de cear nono deixarán ir. (...)

 Mañá ó se erguer, sentiráse triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Nona volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca.

  Erguéuse moi cedo. Marchóu correndo ó campo da feira. No sitio do circo soilo quedaba un redondel."

 Carlos Casares. "A rapaza do circo", en Vento ferido. Ed. galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx.85
                                              Debuxo extraído do blog: Ventos cruzados

sábado, 15 de abril de 2017

A placiña estaba deserta

"As dúas da mañá colléu pola carretera do cuartel. Detúvose nunha placiña rodeada de casas que tiñan os cristales rotos. Non chegaba ningún ruído hasta alí. Entróu nun portal. Deitóuse no primeiro descanso das escaleiras. Doíalle a cabeza. O reló da catedral díu as tres. Despois quedóu todo en silencio. Estuvo un bó anaco de tempo buscando unha postura axeitada pra dormir. De repente entróulle un medo raro no corpo. Púxoselle a pel de galiña. Secóuselle a boca. Baixóu as escaleiras de tres en tres.

 A placiña estaba deserta."

Carlos Casares. "O xudas", en Vento ferido. Ed. galaxia, colección Illa Nova, 1967, páx. 77

viernes, 14 de abril de 2017

O ceo era azul como hoxe

"O ceo era azul como hoxe. Despóis fóronse xuntando unhos nubarrós negros por riba do Pico do Mediodía hasta que comenzóu aquil ruído xordo todo seguido, que duróu deica a noite ben entrada. Non quedara nada. (...)

 Subíu as escaleiras sin ganas. Estaba canso. Pegóu a frente ó cristal da ventá da súa habitación i alivióuse un pouco. Cargóu a escopeta e baixóu. Colléu o burro e foise cara o prado da Fontemoura. Iba ardendo todo por dentro. Levaba o corazón saltándolle na boca.

  O ceo seguía negro. Inda alustraba pra máis alá da Pena Alba. Un vento lene, triste, movía as follas. Era o único ruído. O demáis estaba quedo, en silencio."

Carlos Casares. "A tronada", Vento ferido. Ed. Galaxia, colección Illa Nova, 1967, páxs. 68-70.

                                     Imaxe extraída do blog: Ventos cruzados

jueves, 13 de abril de 2017

¿Vou quedar cego?

 "Preguntéille á mamá: "¿Vou quedar cego?" Respondeume "Non". Pero non lle creo. Hoxe pola mañá, cando me levaron pró corredor do patio, ó sentir o sol pousado na miña pel. díxenme: "A ver". Metín iste dedo pola esquina dun ollo, levantando a venda por ver si vía algo, pero non vin nada. Nin xiquera unha pouca claridade. Nada. Eu xa tiña a cousa medio tragada, pois pola Santa Lucía a mamá levoume a Paredes de ofrecido. (...) Eu lembrábame de cando levaron á nena ó San Benito, que tampouco lle daban acougo facéndoa rezar como me facían a min agora. (...)

 Meto o dedo por aiquí, por unha esquiniña, e non vexo nada. Chámame a mamá: "¿Ramonciño" "Mande usté". "¿Estás ben?" "Estóu". "¿Cómpreche algo, miña prenda?" O sol debeuse meter detrás do monte do Picouto. Xa non quenta. De aquí a pouco virá a noitiña."

Carlos Casares, "Vou quedar cego" en Vento ferido, ed. Galaxia, Vigo, 1967, páx. 61-63

                                     Debuxo extraído do blog: Ventos cruzados

miércoles, 12 de abril de 2017

Il non se lembraba

"Il non se lembraba. Claro que non. Vinte anos son moitos na vida de un home. Cando me víu entrar na taberna do Alambrista, díxome "Qué hai Gonzalo". I eu coma si nada "Hola Perucho". E il "Ves feito un mozo". Xa se vía que non se lembraba. Pero eu non me esquecín daquelo e penso que non me hei esquecer inda que viva cen anos. Hai cousas que non. Díxenlle "Perucho, ¿lémbraste do burro?". Non se lembraba. Ben se vía que non. O burro era pequeniño i andaba comigo como si fora un can. Eu faláballe "vai pro prado da Seca" e iba."

Carlos Casares, "A capoeira" en Vento ferido, ed. Galaxia, Vigo, 1967, páx. 55

                                            Debuxo extraído do blog: Ventos cruzados

martes, 11 de abril de 2017

Coma lobos

"Mandárono subir á camioneta blanca e marcharon con il cara o monte do Sarnadoiro. O demáis xa o sabes ti. Aparecéu morto dun tiro na cabeza. Agora xa pasóu. I é millor calar. Tamén calóu o médico cando lle levaron ó fillo. Sonche cousas da vida e dos homes, que somos coma lobos unhos prós outros, coma lobos, Eduardo, dígocho eu, coma lobos."

Carlos Casares, "Coma lobos" en Vento ferido, ed. Galaxia, Vigo, 1967, páx. 25

Debuxo extraído do blog: Ventos cruzados



lunes, 10 de abril de 2017

Vento ferido

"Ao mesmo tempo comeza a publicar os seus primeiros traballos literarios na revista Grial, e en 1967 aparece a súa primeira aportación á "Nova Narrativa", a colección de relatos Vento ferido. (...) publicado en "Illa Nova" en 1967. Ilustrado por Xulio Maside, contén un total de doce relatos, tres dos cales xa foran publicados na revista Grial en 1965. (...)
 
Aparece, en cambio, a recorrencia á violencia como expresión do individuo, xerada por un medio social hostil; non se trata dunha violencia gratuíta. O recurso técnico que máis nos chama a atención refírese á combinación das voces narrativas, en que o monólogo e a terceira persoa, con diferentes matices e funicóns, dominan a totalidade dos textos." 

V.V.A.A. Historia da literatura galega, volume V, ed. A Nosa Terra, Vigo, 1996, páxs.1298-1300
 
1ª edición

domingo, 9 de abril de 2017

Vento ferido (curtametraxe)




Vento Ferido é unha mediametraxe nacida no obradoiro audiovisual do CeMAC, o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. Naceu no verán do 2015 inspirándose nas verbas do autor galego Carlos Casares, e o resultado pódese comprobar sobre estas liñas.

"Por moito que intentemos escapar do pasado, dun xeito ou outro, este sempre volve a nós. Isto é o que lle ocorre a Milo, un rapaz de 23 anos que debe regresar á súa vila natal anos despois de escapar dela. Á súa volta descubrirá que tivo motivos máis que suficientes para marchar, e o que parecía un grato reencontro coa familia e os amigos, convertirase nun día que xamais esquecerá, no que as fantasmas do pasado non pasarán desapercibidas."