Mostrando entradas con la etiqueta ourens. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ourens. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de mayo de 2020

O poema de Ourense

"Foron chegados, pois logo, os días en que era necesario o poema de Ourense. Que se facía preciso que a nosa cidade fora tamén explicada en verso, como o tiña sido xa fartamente en prosa narrativa. E esta é a aportación de Manuel Guede Oliva: Contra Serenou -que xa se ve que é a cousa ao revés. Existe aquí, no libro que sostedes agora nas maos, unha confesión de diatriba que é mentira retórica. Non é contra Serenou que escribe Guede. É dentro de Serenou e contra Guede mesmo. Ourense, Serenou, Auria, Ouréns, está aquí en diálogo de voces, do cal falaremos decontado. Está a cidade vista por diante, e tamén vista para atrás, en senso, que dirían os meus colegas de profisión, diacrónico. (...) Libro que fala da soedade dun excelente poeta dentro dunha cidade que lle é hostil, como nos son sempre as cidades que verdadeiramente amamos. Ao lonxe, pasa alguén de quen vou falar aquí moi claramente."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 15. 

domingo, 10 de mayo de 2020

Varios e bons

"Veleiquí que Ourense, Ouréns, é a única cidade de Galicia verdadeiramente transmutada en literatura. Ou que diga: ao igoal que San Petesburgo, que París, que Londres, que Buenos Aires, tense convertido nas maos de diversos escritores galegos en personaxes de ficción. Non apenas dun escritor, como Oleza/Orihuela ou Vetusta/Oviedo. Son varios e bons e de diverso talento e estética non converxente os autores que fixeron de Ourense unha personalidade carregada de riscos identificadores. Lamas Carvajal, Heraclio Pérez Placer, e, sobor de todo, ese espléndido prosista do idealismo galego que fora Álvarez de Nóvoa, traballaron as bases dun convincente Ourense literario no século XIX. Xa neste século, foi Vicente Risco, o de O porco de pé, quen diu conta de aspectos da cidade que o incomodaban, e que podían ser tan diversos coma a burguesía maragata ou as acacias de bola. Despois veu a Auria de Eduardo. Alí, no seu ciclo completo, está todo o Ourense visto cos ollos dun mozo, que despachaba de axudante de camareiro no Café da Unión. Un Ourense, o de Blanco Amor, desgarrado que ferve a cachoeira, nun mesmo pote máxico, a dor da miseria real, as fantasías dos meniños probes, e unha poesía que paira co vóo esquinado das grandes bolboretas sobre a cidade da catedral que inventou Eduardo por non deixar endexamais de ser aquel neno con puntillas e sen xoguetes que fixera de el a Florista, a sua mamai maravillosa e fantástica. Despois, cando a cidade de Ourense se encheu de tipos que andan polos ralis a correr nos autos, ou disparan as suas señoras con arco, e a xentiña -os amigos de Virxilio e meus, os famosos coma o Leyenda ou os Manaicas, as anónimos de Regueiro Fozado, do Couto, da Granxa, por acaso do Salto do Can, onde está Guede-, cando a xentiña boa, digo, tivo que emigrar á Europa milagreira do neocapitalismo, veu Carlos Casares e pintou todo moi ben nunha sua novela, moi pequena e moi mesta, que é Cambio en tres."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 13-14. 

sábado, 9 de mayo de 2020

Ourense. Ouréns.

"Ourense. Ouréns. Un equilibrio de luces únicas na primavera e de loucura enardecida nos veraos. Outonos que relumbran co orientalismo da Capela do Cristo, na que ainda se non teñen apagado os ecoares da misa declamada até o engulo por un Rey Soto pecador, de manos femeniles e perfumadas. Invernos que lembrarei mentras viva, pois as néboas invadían as caixas dos peitos nativos, os ollos facíanse máquinas fatigadas de intentar perforar tanto interior, as tendas minúsculas de pemento picante e carqueixas emitindo luces tímidas na tardiña, os probes e as xentes de má vida -coma nos contos decimonónicos- a durmir as bebedeiras onda a fervedoira da Burga, e a cidade enteira agurgullaba na humidade coma unha besta dos pantanos."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 14.

miércoles, 27 de mayo de 2015

O pobo do tal cachicán


Heraclio Pérez Placer, Contos da terriña, Editor Andrés Martínez, A Coruña, 1895,
 páx.114-115("A festa das fadas")