Mostrando entradas con la etiqueta ponte_novísima. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ponte_novísima. Mostrar todas las entradas

miércoles, 5 de octubre de 2016

O pinote do coche

"A neboeira que cubría a cidade dende principios de febreiro continuaría ensombrecendo as rúas, cunha pequena lanceira de claridade a mediodía, o resto da xornada. (...)

  ¡Apreta Delfín! Encirrei o meu vello fotingo, para que remontase a costa da Ponte Vella. Gustábame chegar ó vértice embalado e disfrutar do pinote do coche, cando collía a costa abaixo.  Esas trastadas son posibles nesta Ponte que fai lombo. Na de ferro, só hai emoción cando pasa un camión de varios eixos e fai tremar os ferranchos. En canto á Ponte Novísima, de cemento armado, con esa unicamente se divertiron os enxeñeiros. Estacionei na Rúa dos Remedios e sumeime a un grupo de alumnos dos Salesianos, encabezado polo profesor de educación física, que se exercitaba nas pistas do Pavillón de Deportes."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.118

domingo, 29 de mayo de 2016

Os figos para os estorniños

"Crucei o río pola Ponte Novísima e dende a estrada boteille un vistazo á casa do varrendeiro. O vello tomaba o sol no patín á sombra da figueira. Pensei na conta a nome da familia, depositada nun banco de Zurich. Pregunteime se deixarían o arrabaldo cando puidesen poñer man no forrollo. En canto se soubese polo dereito o negocio do metílico, terían que fuxir do escándalo e deixar os figos para os estorniños. Cismando nos disgustos que aínda lle esperaban ó ancián, saltei o stop do Pino, e tiven que oír bocinazos e críticas á venalidade dos funcionarios de tráfico, que venden o carné de conducir por un cesto de mazás."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.70